Elidio Cortés Carballo, nado en Xunqueira de Espadanedo o 8 de xaneiro de 1946 e finado o 13 de outubro de 2006, foi un futbolista e profesor galego. Xogaba de dianteiro.

Traxectoria Naceu en Xunqueira de Espadanedo pero estudou no colexio dos salesianos de Ourense, onde comezou a practicar o fútbol, mentres que nos veráns xogaba no Maceda CF. Posteriormente fichou polo AD Couto, co que xogou en Terceira División a tempada 1965/66, e en 1966 pasou ao Ourense adestrado por Fernando Bouso. Na tempada 1967/68 foi un dos piares da dianteira do histórico equipo que conseguiu 30 vitorias nos 30 partidos da Terceira, logrando o ascenso a Segunda.

Antes do comezo da 1968–69 asinou polo Deportivo da Coruña por tres anos. Debutou en Primeira División na primeira xornada, incluído xa no 11 titular de Cheché Martín que perdeu fronte o Málaga a domicilio (3–1). Nesa campaña participou en 25 partidos e logrou cinco goles, anotándolle o primeiro deles a Andrés Mendieta na xornada 2, nunha derrota fronte ao Real Madrid en Riazor (2–4). Cortés, de 22 anos foi un habitual dos dianteiros titulares do Deportivo nesa campaña, xunto con Beci, Manuel Loureda e o paraguaio Joaquín Martínez. Na tempada 1969–70 o equipo descendeu a Segunda División, volvendo á máxima categoría logo da tempada 1970–71. Na tempada 1972–73 o equipo volveu descender, baixando na tempada 1973–74 a Terceira División por primeira vez na súa historia, momento no que Cortés se desvinculou do club coruñés. Foi un habitual do once titular nas 6 tempadas que pasou no Deportivo (4 en Primeira División e 2 en Segunda), nas que anotou 16 goles.

Na tempada 1974–75 fichou polo Real Oviedo, en Segunda División, co que logrou o ascenso ese ano. Na tempada seguinte o equipo descendeu novamente. Na tempada 1976–77 fichou polo Cádiz, tamén en Segunda División e co que tamén logrou o ascenso. A continuación xogou dúas tempadas xo Xerez CD en Segunda División B e unha co Jerez Industrial en Terceira.

Tras a súa retirada do fútbol foi profesor de educación física en varios institutos da provincia de Ourense.

Familia Elidio proviña dunha familia numerosa, a pesar de perder ao seu pai con curta idade, tiña 5 irmáns,eran 5 homes e unha muller. Á idade de 25 anos casou con Manuela Fernández Losada, coa que máis tarde tería unha filla, Marta Cortés Fernández. En 2007, un ano despois da súa morte, naceu o seu primeiro neto, Duarte Domínguez Cortés e no 2008 a súa neta Alicia Domínguez Cortés.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Páxina sobre o xogador

Categoría:Nados en 1946 Categoría:Finados en 2006 Categoría:Nados en Xunqueira de Espadanedo Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Xerez CD Categoría:Xogadores do Jerez Industrial CF Categoría:Profesores de educación secundaria