O furón doméstico (Mustela putorius furo, Linnaeus, 1758) é un descendente do tourón ou furón bravo, que foi domeado hai polo menos 2.500 anos. Outros mamíferos da familia dos mustélidos teñen tamén a palabra "furón" nos seus nomes comúns. Por exemplo, hai un escaso e protexido tourón de Norteamérica coñecido como furón de pés negros.
Etimoloxía O nome furón provén do latín fur, furis (ladrón) e do latín tardío furōne- aumentartivo de furo, furonis,. Da mesma orixe, o seu diminutivo deu furelo, que nomea tamén ao furón, ao rato pequeno, e outros mustélidos na fala popular (tal como recolle algún dicionario de galego reintegracionista), e deu lugar a numerosos topónimos galegos.
Historia 260px|miniatura|Representación antiga dun furón branco. Ninguén sabe de certo cando foi domesticado, pero algúns achados arqueolóxicos de furón datan do 1500 a. C. Crese que a domesticación foi similar á do gato. Hai quen di que os antigos exipcios tiñan furóns, pero é máis crible que os europeos que visitaban Exipto visen gatos, e pensaron que usar un pequeno carnívoro para protexer as reservas de gran era unha grande idea. O furón descende probablemente do tourón (Mustela putorius), polo que o nome científico máis utilizado para este animal é Mustela putorius furo. Tamén é posible que os furóns teñan como antepasados o tourón da estepa (Mustela eversmanni).
Caza Durante centos de anos o principal uso dos furóns foi a caza. Coa súa natureza agresiva e o seu corpo longo e estilizado, están ben adaptados para entrar en tobos e cazar os animais que haxa dentro. Aínda se usan para cazar nalgúns países, sobre todo en Australia onde os coellos son unha praga e, malia a tecnoloxía moderna, a combinación dunhas cantas redes e un par de furóns resulta moi efectiva.
Furóns como mascotas miniatura|Furón En moitos sentidos, os furóns son como gatos que nunca medran. Son enerxéticos, curiosos e con todo, son moito máis sociables cós gatos, e gústalles xogar cos seus donos. Dise que os humanos domesticaron furóns pola curiosidade que espertaban; sexa isto certo ou non, a súa curiosidade é maior có seu sentido común e isto fai que as súas posibilidades de supervivencia na nosa contorna sexa bastante limitada.
Os furóns son a terceira mascota máis frecuente en Estados Unidos, logo dos cans e gatos. Afirmouse en ocasións que os furóns atacan os nenos pequenos, pero esta afirmación é falsa ou polo menos posúe moi pouco fundamento. En proporción, os furóns causan moitos menos danos cós cans ou gatos.
Perigos para os furóns Os furóns son expertos en coarse polos buracos das paredes, os armarios, ou detrás dos electrodomésticos, onde poden resultar feridos ou ata mortos polos cables eléctricos, os ventiladores e outros aparellos perigosos. As cadeiras pregables son unha auténtica trampa mortal para eles, pois soben con frecuencia sobre estes mobles, pregándoos despois e morrendo esmagados. Por estas razóns é necesario tomar unha serie de medidas no fogar antes de adquirir un furón como animal doméstico, como retirar ou asegurar calquera aparello ou moble perigoso ou tapar os posibles buracos repartidos pola casa. Moitos donos optan por recluír os seus furóns nunha gaiola durante a noite ou mentres se ausentan de casa.
Alimentación Os furóns son obrigatoriamente carnívoros. A comida para gatos non proporciona normalmente as proteínas ou a proporción de graxas necesarias para o correcto metabolismo do furón, aínda que o alimento de alta calidade destinado aos gatos máis novos pode ser utilizado durante un tempo se a comida específica para furóns non se atopa nese determinado momento. Non son apropiados alimentos de baixa calidade na dieta do animal. Cando se lea a etiqueta, os tres ingredientes máis abundantes deben ser derivados cárnicos, pois os furóns non poden dixerir correctamente os compostos de cereais usados nas marcas máis baratas de alimento para gatos. O alimento do furón ideal contén un 32,38% de proteínas e un 15,20% de graxas (a orixe das proteínas do alimento do furón debe proceder sempre de carne, non de soia ou plantas similares). Aínda que un alto contido proteico é esencial, se este é maior do 38% pode xerar ocasionais cálculos renais e obstrucións urinarias nos furóns máis vellos. Á maioría dos furóns encántanlles os doces como pasas e manteiga de cacahuete, pero tales caprichos débenselles dar só ocasionalmente, pois ata unha cantidade pequena de azucre pode ocasionar ás veces anomalías no funcionamento das glándulas suprarrenais e o páncreas, onde se produce a insulina. Malia que os produtos vexetais poden prover aos furóns de certos elementos e unha dieta variable, o feito de que o seu aparello dixestivo sexa relativamente curto impide que poidan extraer moita enerxía deles, e por esta razón deben ser só un suplemento, e non unha alternativa, á súa dieta habitual.
Actividade Os furóns pasan a maior parte do tempo (de 14 a 18 horas ao día) durmindo, pero cando están espertos son moi activos, dedicándose a explorar o seu mundo de forma exhaustiva. Os furóns son animais crepusculares, é dicir, que son máis activos durante o amencer, o atardecer e parte da noite. Se están engaiolados, deben ser sacados de diariamente para que fagan exercicio e satisfagan a súa curiosidade; necesitan polo menos unha hora e un lugar de xogo. Os furóns, do mesmo xeito cós gatos, poden utilizar unha caixa para realizar as súas deposicións cun pouco de adestramento, aínda que é necesario ter caixas en distintos cuartos porque non a buscarán se lles queda lonxe. Os furóns son tamén bos inquilinos do patio traseiro e encántalles que os acompañen no xardín. Así a todo, non se lles debe permitir vagar libremente; os furóns son audaces, chegan á insensatez e exploran calquera buraco que atopen, incluídos os desaugadoiros para a choiva. Sempre que se atopen no exterior deben ser vixiados de preto, e preferiblemente suxeitos por unha correa con arnés.
Xogos Os furóns son animais moi sociables e á maioría encántalles xogar cos humanos. O "xogo", dende o punto de vista dun furón, pode ser algo parecido ao xogo das agachadas ou máis ben unha forma de representación da caza na cal o ser humano debe capturar ao furón, ou o furón intenta morder os humanos nos dedos de mans e pés. Do mesmo xeito ca un gato enredante, os furóns non morden de verdade os seus compañeiros humanos a maioría das veces, senón que agarran suavemente un dedo da man ou o pé coa boca e logo roldan ao redor del. Pola contra, os furóns que sufriron tratos incorrectos ou están feridos morderán firmemente o ser humano. Os furóns teñen unhas mandíbulas extremadamente fortes e poden atravesar con facilidade a pel humana. Unha vez correctamente educados, así a todo, os furóns morden moi raramente. A maioría dos xoguetes para gatos funcionan ben cos furóns. Porén, os que están feitos de caucho ou de espuma débense evitar, pois os furóns poden mastigalos e tragar anacos pequenos que ocasionan obstrucións intestinais. Cando os furóns están particularmente estresados, poden realizar a danza de guerra da donicela, caracterizada por unha serie de frenéticos saltos laterais acompañados dun berro característico similar a un ¡Dok, dok, dok!.
Os furóns e os nenos Os nenos pequenos deben ser vixiados cando se atopan con furóns, xa que a miúdo pensan que un furón é un simple animal de peluxe que poden estrullar canto queiran, sen darse conta de que en realidade o están estrangulando. O animal adoita reaccionar retorcéndose, rabuñando, ou, cando xa está totalmente desesperado, mordendo con forza. Non ten por que haber nada malo en que un neno xogue cun furón, a condición de que exista un control por parte dos adultos, como no caso de calquera outro animal.
No Reino Unido, os furóns úsanse ás veces para capturar as ratas e ratos que infestan as casas. Estes furóns cazadores de roedores coñécense como furóns galgo debido ao seu menor tamaño e capacidade para desprazarse rapidamente por espazos estreitos. Algúns donos de furóns cazadores adestran os seus animais para que sexan moi agresivos; xa que logo, un neno que teña un contacto previo con furóns domésticos pode correr perigo cando se atopa cun furón criado de forma non doméstica ou simplemente irresponsable, como ocorre con calquera outro animal.
Natureza social miniatura|300px|Furóns que brincan xuntos Os furóns son animais extremadamente sociais, aos que lles encanta xogar con outros membros da súa especie. A miúdo amontóanse uns sobre outros cando dormen. É recomendable que en caso de ter furóns como mascotas, sexan dous ou máis preferiblemente tres furóns á vez para non expoñelos á soidade. Porén, tampouco hai nada malo en posuír un só furón, a condición de que reciba as súas porcións de tempo, atención e xogos por parte do seu dono. Algúns furóns xogan tamén con gatos domésticos.
Coidados necesarios Os furóns necesitan unha serie de coidados. As uñas deben ser recortadas e o seu pelo cepillado con certa regularidade. Deben visitar o veterinario polo menos unha vez ao ano. Non facer caso do primeiro pode causar problemas, dificilmente recoñecibles, de sobredesenvolvemento, podendo facer dano ao furón sen o coñecemento do dono. Se un furón se comporta de xeito distinto á habitual, deberá ser levado ao veterinario.
Os furóns deben ser vacinados contra o virus do distémper canino, mortal para eles. A maioría dos países requiren tamén a vacina contra a rabia, aínda que non hai casos documentados de contaxio de rabia aos humanos por parte dos furóns.
Outros usos dos furóns En tempos recentes os furóns son utilizados para levar cables a través de longos condutos. Empregáronos deste xeito no Jet Propulsion Laboratory da NASA e polos organizadores de eventos en Londres. Os cables de televisión e de son foron instalados por furóns na voda de Carlos de Inglaterra e Diana Spencer, e para o concerto Millenium no parque de Greenwich.
Os furóns tamén se utilizan moito, xunto con outros animais, en (usualmente controvertidos) experimentos para investigacións médicas e biolóxicas.
Bioloxía do furón Como moitos outros carnívoros, os furóns teñen glándulas olfactivas xunto ao ano. As segregacións destas úsanse para marcar o territorio. Demostrouse que os furóns poden identificar se unha marca foi deixada por macho ou unha femia. Como a mofeta, o furón pode usar as súas glándulas cando se excita ou se asusta, pero o cheiro desaparece rapidamente. A maioría dos furóns de Estados Unidos véndense coas glándulas quitadas.
Nos Estados Unidos coñécese que moitos furóns sofren varios problemas de saúde. Os máis comúns son os cancros que afectan á glándula adrenal, ao páncreas e ao sistema linfático.
Enfermidade adrenal A enfermidade adrenal, un crecemento excesivo das glándulas adrenais que pode ser producido por hiperplasia ou cancro, é usualmente diagnosticada polos síntomas como a perda de pelo, incremento da agresividade, e (nas femias) ensanchamento de vulva. Ata se é crecemento é benigno, pode causar un desequilibrio hormonal que pode ter efectos devastadores na saúde do furón. Algunhas opcións de tratamento son extirpar as glándulas afectadas e terapia de esteroides e/ou hormonas. A causa da enfermidade adrenal é descoñecida, pero algúns especulan que os ciclos de luz artificiais aos que os furóns son expostos pode ou contribúe á crecida deses tumores. Outros suxiren que o problema é hereditario, e tamén se especulou moito con que pode ser producido por unha castración precoz, antes das seis semanas de idade.
Insulinoma