O Recinto Feiral de Pontevedra é un complexo para a celebración de eventos como exposicións, feiras e convencións. Atópase no Parque Rosalía de Castro, xunto á ribeira do río Lérez en Pontevedra.
Historia O recinto feiral foi construído en 1997, por iniciativa da Xunta de Galicia, cunha arquitectura moderna. É obra do arquitecto Manuel de las Casas, a quen se lle encargou o proxecto como anexo ao Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra. Presentou o proxecto que mellor integraba os dous edificios, conseguindo unha harmonía entre todo o conxunto e os espazos da ribeira do Lérez.
O Recinto Feiral inaugurouse o 17 de decembro de 1998 e abriu ao público e entrou en funcionamento coa Feira do Automóbil Pomóvil inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia.
O Recinto Feiral estivo xestionado desde 1998 ata 2020 polo organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións, no nome do Concello de Pontevedra.
Descrición O recinto feiral ten unha superficie de 7.500 m² e está composto por un edificio de 163 metros de longo, 34,4 metros de ancho e 15,2 metros de alto.
O Recinto Feiral de Pontevedra conta cun aparcadoiro ao aire libre con capacidade para 230 vehículos. O edificio, de forma tetraédrica, está construído en aceiro con acabados de aluminio e cristal e ten unha superficie total de aproximadamente 6.000 m². Este edificio polivalente conta cunha zona de exposición totalmente cuberta, preparada para acoller todo tipo de feiras e exposicións, así como unha zona de acreditación para conferencias no vestíbulo. Ofrece un amplo abano de posibilidades de distribución para adaptarse e personalizar ao máximo os eventos.
Este amplo complexo compleméntase co auditorio adxacente, cunha capacidade total de 1.118 prazas e unha superficie total de 10.000 m². O edificio do recinto feiral ten unha forma tetraédrica rematada cunha textura dura e fría de aceiro, paredes de aluminio e grandes ventás, que contrasta coas laxas de lousa verde do anexo, o Pazo de Congresos de Pontevedra, ao que se accede directamente desde o interior. Isto permite unha grande versatilidade no uso conxunto de todas as súas estancias, de maneira que os servizos de restaurante, cafetería e terraza son de uso compartido.
As dimensións dos espazos do Recinto Feiral de Pontevedra son as seguintes: Pavillón de acceso para exposicións e congresos: 350 m². Superficie do edificio principal: 4,140 m². Sala da primeira planta: 750 m². Almacén do centro de exposicións: 368 m². Aparcadoiro exterior: 1.800 m².
É unha harmoniosa combinación de espacialidade, versatilidade e luminosidade; un espazo polivalente, rodeado de dez mil metros cadrados de xardíns e zonas verdes.
Eventos O recinto feiral acolle cada ano diversos eventos profesionais e públicos, como a feira Culturgal, a feira Etiqueta Negra (feira de produtos gourmet galegos), a feira Pont Up Store, a feira Stock ou a feira de vodas Sí, quero, a feira do automóbil Móvete e a feira familiar e infantil Mundonenos entre outros.
Ademais, o Recinto Feiral de Pontevedra utilízase para unha ampla gama de actividades de lecer como a instalación dunha pista de xeo en Nadal ou a celebración de concertos ao aire libre nas explanadas exteriores.
No pasado, o recinto feiral acolleu importantes feiras como Ferpalia (feira de turismo de Galicia) ou eventos como a feira de moda galega Pontus Veteris.
Gallery
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Culturgal Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra Manuel de las Casas
Ligazóns externas
Culturgal
Categoría:Arquitectura civil en Pontevedra Categoría:Recinto Feiral de Pontevedra Categoría:Economía de Pontevedra