O Parque natural do Montseny está situado en Cataluña entre a provincia de Barcelona e a provincia de Xirona, concretamente nas comarcas de Osona, do Vallés Oriental e da Selva. É a segunda superficie protexida en extensión, da provincia de Barcelona (por detrás do Parque Natural do Cadí Moixeró) e unha das máis importantes da comunidade autónoma.

Historia Prehistoria A presenza do ser humano no Montseny remóntase a tempos prehistóricos. Os restos de sepulcros megalíticos dan testemuña desta presenza. Así podemos observar o dolmen de Cruïlles en Aiguafreda ou o dolmen de Pla del Boix na vila de El Brull, datados ó redor dos anos 3.600 a.C.

Os primeiros restos de poboacións estables, estruturadas e ben definidas datan do período ibérico (séculos VI ó I a.C). Estas poboacións localízanse especialmente nas vías naturais de comunicación ou naquelas terras cun maior proveito agrario. O val do río Congost na parte occidental do macizo e o val do río Tordera na parte oriental son bos exemplos desta concentración. Existen poucos datos confirmados sobre a forma de vida daqueles primeiros poboadores. Mais, de acordo, cos estudos feitos nos xacementos do Montseny, todo parece indicar que a gandería transhumante sería a primeira actividade económica da zona.

Época Romana Coa presenza romana a concentración da poboación ligouse aínda máis ás grandes vías de comunicación da época. Así a vía Augusta e a vía Ausa pasaban por poboacións lindeiras ou moi preto do Montseny. A primeira vía, que comunicaba Cádiz con Roma, contaba con dúas paradas nas proximidades do Montseny, unha en Semproniana (actualmente Granollers) e outra en Seterras (actualmente Hostalric). A vía Ausa comunicaba Ausa (o actual Vic) con Barcino (actualmente Barcelona).

Coa influencia romana, fenómeno que se prolongou devagar ó longo de dous séculos, dinamizouse a economía, sendo confirmado o cultivo de vide e as améndoas e a actividade téxtil.

Idade Media Bosque típico do Montseny.|esquerda|miniatura A partir do século IX comezará a gran colonización do Montseny. Debido ás invasións árabes, aquelas terras situadas a maior altitude ou aquelas cunha peor climatoloxía van comezar a ser ocupadas. Esta colonización foi favorecida polo costume feudal de que as terras ocupadas durante trinta anos sen seren reclamada por ninguén, pasaban de facto a seren propiedades dos ocupantes.

Os séculos X e XI serán os da consolidación daqueles núcleos poboacionais que hoxe en día conforman os concellos más salientables do Parque Natural.

Desta época temos tamén, por primeira vez, a aparición do termo "Montseny" en documentos escritos. Termo de orixe latino, que parece provir dos termos "Mous signi" ou "Montesigno".

Idade Moderna Durante a Idade Moderna a poboación do Montseny localizábase en núcleos dispersos de menos de mil habitantes. Centrados, maioritariamente, en traballos de labranza, gandería e na explotación forestal do Montseny.

A unidade básica organizativa desta época, serán os "massos" ou masías. Vivendas de pedra e cal, tradicionalmente de dúas plantas que eran ocupada durante anos (ou incluso séculos) pola mesma familia. Esta sociedade rural sufriu fortemente os acontecementos derivados da ocupación napoleónica e da Terceira guerra carlista.

A ocupación francesa Foron numerosos os levantamentos contra as tropas francesas, practicamente en tódalas vilas. Mais podemos nomear as revoltas de Viladrau durante os mesos de abril a xuño de 1809 que van enfrontar os soldados franceses coa poboación local causando grandes baixas no exercito invasor.

A causa disto tamén foron frecuentes as represalias contra os veciños da zona: Aiguafreda foi ocupada varias veces entre os anos 1809 e 1812, sufrindo roubos e desfeitas. Breda foi abandonada polos seus habitantes os anos 1809-1810 temendo a represión. E en Viladrau foi destruído totalmente o santuario de Sant Segimon no ano 1810.

A Terceira guerra Carlista O carlismo terá na sociedade do Montseny do século XIX moita repercusión, non só pola ampla aceptación das súas teses senón tamén pola violencia dalgúns acontecementos que tiveron coma escenario o macizo. As vilas máis grandes e de maior importancia mantivéronse no bando liberal, non así os núcleos máis pequenos e afastados cun forte sentimento de ligazón coa terra e as tradicións.

Salientar o fusilamento de preto dun cento de fuxitivos liberais por parte das tropas carlistas na masía de Santandreu ou a ocupación carlista de Breda e Arbúcies coma os acontecementos máis crus da época. Destacar así mesmo, a batalla de Repiaix (do 23-04-1875 ó 01-08-1875) onde un exercito carlista de preto de oito mil homes se enfrontou a unha columna isabelina comandada polo xeneral Weyler, quen finalmente acadou a vitoria, a partir da cal o bando carlista perdeu pulo na zona.

Época actual Os primeiros intentos de conservar o macizo do Montseny datan de comezos do século XX. Así temos como mostra a celebración do Primeiro Congreso de excursionistas cataláns no ano 1911 ou a moción sobre o Montseny e os seus camiños presentada polo deputado Lluís Durán i Ventora no pleno da deputación de Barcelona no ano 1914.

Con todo a primeira figura oficial de protección data do ano 1928, cun real decreto asinado polo rei Alfonso XIII, que garantía o coidado daquelas áreas situadas por enriba dos 800 metros. Contemporáneo deste real decreto é o "Patronat de la Muntanya del Montseny". Órgano institucional responsable de vixiar e garantir a conservación dos valores naturais e culturais do Montseny.

Co tempo, no 1977 desenvólvese e apróbase a lexislación oficial do parque natural (formado por dúas áreas, área do parque con 17.732 hectáreas e a área do preparque con 12.748 hectáreas). Esta aprobación foi promovida polas deputacións de Barcelona e Xirona, cubrindo, o parque, dezaoito municipios e tres comarcas diferentes.

Posteriormente o parque obtivo o recoñecemento internacional cando o 28 de abril de 1978 entra a formar parte das Reservas da Biosfera promovidas pola UNESCO.

Areas protexidas irmandadas Ano Nome País 2001 Naturpark Südeifel Alemaña 20px e Luxemburgo 20px 1987 Parque Nacional des Cévennes Francia 20px 1994 Parque Internacional La Amistad Costa Rica 20px e Panamá 20px

Orografía miniatura|Vista do Montseny. Habitualmente a orografía do Montseny divídese en tres grandes áreas: o Matagalls, o Pla de la Calma e o conxunto Les Agudes-Turo de L´Home. Aínda que lindeiros, estes tres conxuntos presentan diferenzas moi salientables que xustifican a variedade zoolóxica e botánica; e incluso aquelas de tipo histórico e etnolóxico.

Conxunto Les Agudes-Turo de L´Home É a parte más coñecida e visitada polos turistas. Conformado polos dous picos de maior envergadura do parque: o Turo de L´Home (1.712 m) e Les Agudes (1.703 m). Ámbolos dous envoltos de densos bosques de gran riqueza paisaxística, e punto habitual de excursionistas, visitantes e buscadores de cogomelos.

Salientar no cumio do Turo de L´Home, a presenza dun observatorio meteorolóxico, aínda hoxe en día en funcionamento. A historia deste centro remóntase ós anos 1879-1881 coas primeiras instalacións. Con todo, realmente colleu pulo e importancia no ano 1932 coa instalación permanente de aparellos de medida. Isto foi posible grazas ó impulso de Eduard Fontserè, daquela director do Servei Metereològic de la Generalitat. O observatorio parou a súa actividade no 1937 debido á guerra civil, retomando o seu traballo no 1941.

O Matagalls Xeograficamente situado no nordés do parque, os seus elementos máis característicos son A Cruz de Matagalls e A capela de Sant Segimon.

A cruz de Matagalls ten a súa orixe nos séculos XVI ou XVII. Sempre estivo ligada a grandes nomes eclesiásticos coma o santo Antoni M. Claret ou o bispo Josep Morgades. O poeta Jacint Verdaguer adicoulle o poema La Creu de Catalunya.

O Pla de la Calma miniatura|El Plà de la Calma no Inverno. Constitúe un terreo chan, sobre os 1.200 metros por riba do nivel do mar e rodeado por grandes caídas de terreo. Sen dúbida é a área menos boscosa do parque. Dentro dela a formación máis salientable é o Turo de Tagamanent, monte de forma cónica, totalmente illado do resto de montes da zona. Na parte superior atópase a igrexa de Santa María e conforma unha das imaxes máis populares do parque.

Patrimonio A área do Montseny foi poboada polo ser humano dende tempos prehistóricos. Así atopamos megálitos coma o da Serra de l'Arca e Les Pinedes ou restos ibéricos coma o Castelo del Turó de Montgròs. Mais sen dúbida, a maior parte do patrimonio histórico ten a súa orixe na época medieval, cando se edificaron a maior parte de igrexas e castelos que aínda hoxe en día se conservan na zona. As máis salientables son:

Igrexas: Sant Cristófol de Cerdans Sant Esteve de la Costa Sant Esteve de la Doma Santa María de Tagamanent Sant Pere Desplà Sant Segimon del Bosc Sant Nazari Sant Climent Sant Iscle

Castelos: Montclús Cànoves Montmany Aiguafreda El Brull Montsoriu

Mosteiros: Sant Salvador de Breda

Os intelectuais e o Montseny

O Montseny, pola súa orografía e paisaxe, foi e é fonte de inspiración de artistas e literatos. De feito o macizo ten sufrido un proceso de mitificación que supera a propia realidade da montaña. Así o relixioso e escritor Pere Ribot escribiu:

El Montseny forma, amb el Pirineu i Montserrat, com una unitat i trinitat indestructibles en la geografía i l’esperit de Catalunya. (O Montseny forma, xunto o Pireneo e Montserrat, unha unidade e trindade indestrutible na xeografía e espírito de Cataluña)

O primeiro poema inspirado na montaña do que se ten constancia publicouse no diario El Vapor o 24 de agosto de 1833. O poema Patria, escrito por Bonaventura Carles Aribau, expresaba un sentimento de saudade pola terra nativa, representada esta pola paisaxe do Montseny. Posteriormente outros poetas inspirados pola montaña foron Adolf Blanch e Antoni de Bofarull (Los trobadors nous, 1858). Porén o Montseny foi o gran catalizador dun poeta posterior, Jaume Bofill i Mates que escribiu co pseudónimo de Guerau de Liost. No 1908 publicou o seu poemario La muntanya d’Ametistes, sendo unha das obras senlleiras en catalán da súa época. Por último citar outras figuras intelectuais que basearon parte do seu traballo no macizo: Joaquim Rubió i Ors, Artur Osona (autor da primeira guía do macizo), Ramón Arabia e Joan Santamaria (promotores do excursionismo e da exploración da zona), Josep Maria de Sagarra (Memòrias, 1954) e Francesc Roma (Montseny, 50 itineraris a peu).

Vexetación Ecoloxicamente o parque está formado por tres grandes tipos de paisaxe. Por un lado temos o típico bosque mediterráneo (piñeirais, aciñeiras ou sobreiras), as zonas boscosas de coníferas máis centroeuropeas (carballos, castiñeiros ou faias) e incluso danse certos ambientes subalpinos nos cumios de maior altitude, onde predominan as matogueiras e as pradeiras alpinas. Esta diversidade explícase polas diferenzas de temperatura e humidade que se producen en todo o parque debido á altitude mailo relevo abrupto frecuentemente sucado por regueiros e torrentes. Turo de Tagamanent coa igrexa de Santa María no cumio.|esquerda|miniatura

Fauna Na área do Montseny localízanse máis de 270 especies de vertebrados, o cal dá unha idea da riqueza en biodiversidade que presenta este parque. Dende hai décadas esta riqueza está ameazada pola presión das actividades do home. Hai tempo que desapareceu o lobo e outras especies están case desaparecidas ou en clara regresión. Como exemplos, o porco teixo, a lebre, a xeneta, o azor, o bufo real, a aguia calzada, a aguia albela e, especialmente, a lontra.