Madīnat al-Zahrā (en árabe مدينة الزهراء, "A cidade de Zahra"), tamén coñecida como Medina Azahara, foi unha cidade palatina ou áulica mandada edificar por Abderramán III (Abd al-Rahman III, al-Nasir) na periferia de Córdoba, a uns 8 km cara ao oeste.
Os principais motivos da súa construción foron de índole político-ideolóxica: a dignidade de califa esixía a fundación dunha nova cidade, símbolo do seu poder, a imitación doutros califatos orientais, e sobre todo para mostrar a súa superioridade sobre os seus grandes inimigos, os fatimís de Ifriqiya, a zona norte do continente africano. Non só eran opoñentes políticos, senón tamén relixiosos, pois os fatimís, xiítas, eran inimigos dos omeias, maioritariamente da rama islámica suní.
Xeografía Estaba situada a uns 8 km ao oeste de Córdoba, á beira xa de Serra Morena, na aba do Yabal al-Arus (Montaña da Desposada ou Serra da Noiva), fronte ao val do Guadalquivir e orientada de norte a sur. Está sobre un saínte da serra, que se introduce na campiña, entre dúas barrancadas. O lugar foi elixido porque permitía desenvolver un programa de construcións xerarquizadas, de modo que a cidade e a chaira estendida ao seu pé quedaban física e visualmente dominadas polas edificacións do Alcázar. A súa implantación no territorio xerou unha rede viaria e infraestruturas hidráulicas e de abastecemento para a súa construción, conservada en parte até a actualidade en forma de restos de camiños, canteiras, acuedutos, almunias e pontes.
Aproveitando perfectamente o desnivel do terreo, a cidade palatina de Madīnat al-Zahrā foi distribuída en tres chanzos; o recinto da cidade, de 112 ha, adopta un trazado rectangular, fronte á idea labiríntica e caótica característica do urbanismo musulmán, de 1.500 m de lado en sentido leste-oeste e uns 750 m de norte a sur, deformado no lado norte polas necesidades de adaptación ao terreo. A topografía foi determinante na configuración da cidade. A súa localización sobre a aba de Serra Morena permitiu deseñar un programa urbano no que a localización e a relación física entre as distintas construcións resultasen expresivas do papel de cada unha delas no conxunto do que forman parte: o palacio está na parte máis alta, baixando as edificacións pola ladeira da montaña, nunha situación de clara preeminencia sobre o conxunto de casas urbanas e a mesquita aljama, estendidos pola chaira. Seguindo a disposición en terrazas, a primeira corresponde á zona residencial do califa, seguido pola zona oficial (Casa dos Visires, corpo de garda, Salón Rico, dependencias administrativas, xardíns...) para finalmente albergar a cidade propiamente dita (vivendas, obradoiros de artesáns...) e a mesquita Aljama, separadas das dúas terrazas anteriores por outra muralla específica para illar o conxunto palatino. A investigación arqueolóxica revelou unha morfoloxía urbana caracterizada pola existencia de grandes áreas non edificadas, baleiros que se corresponden con toda a fronte meridional do Alcázar, garantindo así o seu illamento e o mantemento da súa apertura visual sobre a paisaxe da campiña. De feito, os únicos espazos edificados neste nivel inferior son dúas amplas franxas extremas: a occidental, cunha trama urbana de ordenación ortogonal, e a oriental, cun urbanismo menos ríxido.
Contexto histórico
miniatura|300px|Porta do Primeiro Ministro. O Califato de Córdoba foi un estado andalusí proclamado por Abderramán III, da dinastía Omeia, no 929. Co califato, que durou até o 1031, chegou o período de maior esplendor político, social e económico dos territorios musulmáns na Península Ibérica, facendo da cidade de Córdoba unha das máis avanzadas de Europa.
No 750 a dinastía Omeia foi derrocada do Califato de Damasco polos Abasíes. Abd el Rahman ben Humeya (Abderramán I), sendo membro supervivente dos Omeias, fuxiu a Al-Ándalus proclamando o Emirato de Córdoba no 756 independente da nova capital Abasí (Bagdad). Abderramán I non se proclamou califa, pero si un dos seus sucesores, Abderramán III, despois de acabar coa inestabilidade política do emirato (principalmente a revolta de Omar ben Hafsún). A creación do califato significou alzarse até o nivel de Estado do Califato de Bagdad con todo o que implica nos eidos relixioso e político, en competencia co califato abasí.
Baixo os reinados de Abderramán III (929-961) e o seu fillo e sucesor al-Hakam II (961-976) consolidouse o estado cordobés, polo que Abderramán III mandou construír a fastosa cidade preto da capital, concentrando o poder político do califato.
As relacións diplomáticas centráronse nos reinos cristiáns da península, con intensos diálogos e algúns enfrontamentos bélicos; o norte de África, contra os fatimís que controlaban rutas comerciais clave coa África subsahariana desde onde chegaba o ouro; e o Mediterráneo, onde se mantiveron relacións diplomáticas con Bizancio.
Co reinado de Hisham II (976-1016) o verdadeiro protagonismo foi do hayib ou primeiro ministro Almanzor, xenio militar que mantivo en xaque os reinos cristiáns do norte, chegando a entrar en León, Pamplona, Barcelona e Santiago de Compostela, de onde levou as campás do templo prerrománico até Córdoba.
Ao morrer Almanzor en 1002 os problemas sucesorios desembocaron nunha fitna ou guerra civil en 1010, até que en 1031 se decidiu acabar co califato, pasando a ser Al-Ándalus un compendio de diferentes reinos de Taifas, perdendo a hexemonía e dando lugar a un maior pulo na conquista por parte dos reinos cristiáns.
Durante a fitna Madīnat al-Zahrā foi abandonada, comezando a súa progresiva destrución con saqueos e finalmente o seu esquecemento total.
Historia Madīnat al-Zahrā foi mandada construír polo primeiro califa de Al-Andalus, Abd al-Rahman III al-Nasir (891–961), como parte do programa político, económico e ideolóxico posto en marcha trala instauración do califato. Dise que a súa fundación está relacionada cunha favorita do califa, chamada Zahrā, pero os principais motivos da súa construción son máis ben de índole política e ideolóxica: a dignidade de califa esixía a fundación dunha nova cidade símbolo do seu poder a imitación doutros califatos orientais e amais para mostrar a súa superioridade sobre os seus grandes inimigos, os fatimís de Ifriqiyya, a zona norte de África.
Respecto á orixe do nome, a tradición di que podería vir do nome da súa esposa máis querida, al-Zahrā ("A Flor"), quen lle suxeriu construír unha fermosa cidade na periferia de Córdoba. Pero al-Zahrā tamén pode significar "A Resplandecente”, palabra emparentada a outras da lingua árabe, con significados como Venus ou a mesma "flor", polo que simplemente pode facer referencia á propia nova resplandecente cidade do califa.
Aínda que a orixe da cidade non carece de elementos lendarios, sábese que a construción comezou nos primeiros meses da héxira, correspondentes a finais do 936 da era cristiá, estando as obras a cargo do mestre alarife Maslama ben Abdallah, e continuou durante os corenta anos seguintes, acadando os tempos do seu fillo e sucesor no califato, al-Hakam II. No 945 tivo lugar o traslado da corte a esta cidade, que neses momentos contaba xa coa mesquita Aljama (941), se ben a ceca ou casa da moeda non se trasladou até 947-948. Ao erixir esta maxestosa cidade o califa cordobés pretendía anular –e mesmo superar- os califas orientais abbasís, especialmente a famosa cidade e corte de Samarra.
Os textos literarios e históricos recollen as grandes sumas dedicadas á súa construción, os enormes traballos realizados para o efecto, a súa monumentalidade e esplendor artístico até o menor detalle, e o luxo e a ostentación que o califa despregaba nas recepcións e cerimonias que alá se celebraban con frecuencia, pois de feito a administración e a corte se trasladaron á nova sede. Entre outros, nos seus ricos salóns foron recibidos reis cristiáns hispánicos desposuídos do seu trono, embaixadores do emperador de Xermania e emisarios de Borrell II de Barcelona.
Non obstante, ao cabo de pouco menos de cen anos todo o conxunto monumental e fastoso quedou reducido a un inmenso campo de ruínas, ao ser destruído e saqueado en 1010 como consecuencia da guerra civil (fitna) que puxo fin ao Califato de Córdoba.
Despois do conflito bélico, os saqueos e desmantelamentos proseguiron nos séculos sucesivos, pois foi utilizada como canteira artificial para a construción doutras edificacións posteriores en Córdoba, caendo progresivamente no esquecemento.
Arquitectura Debido á topografía do solo, coa superficie en pendente, a cidade foi construída sobre tres terrazas superpostas, que correspondían a tres partes da cidade separadas por muros. A residencia califal dominaba toda a área desde a terraza superior situada ao norte. A explanada media albergaba a administración e as vivendas dos máis importantes funcionarios da corte. A inferior estaba destinada á xente do pobo e os soldados. Alí se encontraban a mesquita, os mercados, os baños e os xardíns públicos.
Hai unha notable separación entre os espazos públicos e os privados, ofrecendo os dous sectores un esquema similar: un espazo aberto, porticado, actúa como antefachada monumental dunha porta de reducidas dimensións da que sae unha rúa ou corredor quebrado que vai chegando aos distintos salóns. Os espazos máis destacados son os integrados na zona oficial, destinada á actividade política e a recepción de personalidades estranxeiras, sobre todo os dous salóns de embaixadores, o occidental e o oriental, asociados a cadanseu xardíns.
Porta norte miniatura|200px|Porta Norte.
A porta norte ábrese no centro da muralla setentrional. É o punto de chegada do camiño das nogueiras, a vía de comunicación máis rápida coa cidade de Córdoba. A porta presenta unha disposición acobadada que conduce á estancia do corpo de garda. A porta norte, ao igual que o resto da muralla, está constituída por pedra de cachotaría ben tallada colocada a soga e tizón. Desde a porta norte iníciase cara á esquerda unha rampla descendente de forma quebrada, que conecta con catro portas e que leva á seguinte estrutura destacable do sector público do alcázar.
Casa militar miniatura|200px|Casa militar.
O seguinte espazo é o Dar al-Yund, coñecido como a casa militar. É un edificio de planta basilical con cinco naves lonxitudinais e unha transversal rematada nos extremos por salas pequenas, definíndose un núcleo xerárquico formado polas tres naves centrais, illadas do resto mediante portas. O conxunto complétase cunha gran praza ao sur, flanqueada por varias estancias no lado oeste e unha vivenda no costado oriental. O edificio conserva practicamente integro o pavimento orixinal de ladrillo. O revestido dos muros é de morteiro pintado de amarelo no zócolo e branco no resto.
Gran pórtico miniatura|200px|Gran pórtico.
O gran pórtico constitúe a entrada máis emblemática, simbólica e cerimonial ao corazón do recinto do Alcázar, a zona máis nobre da cidade palatina, dando acceso á zona administrativa e política do mesmo. Concibiuse inicialmente con catorce arcos practicables, constituíndo a fachada oriental dunha gran praza rodeada doutras construcións. Todos os arcos son de medio punto agás o central, que é de ferradura; os arcos descansan sobre piares, aliñados en dirección norte-sur a partir do amurallado norte, e estaban decorados en branco con doelas de ladrillo e pedra alternas. É unha organización efectista, puramente escenográfica, sen correspondencia co espazo traseiro, onde se abre unha soa porta de reducidas dimensións.
Salón rico dereita|miniatura|200px|Salón rico.
A parte máis valiosa do conxunto arqueolóxico é o chamado salón de Abd al-Rahman III, salón oriental ou simplemente salón rico, tanto pola súa calidade artística como pola importancia histórica, sendo considerado o símbolo e emblema do conxunto califal de Madīnat al-Zahrā.