miniatura|280px|Mecanismos de activación e inactivación da PKA. A PKA está en forma de tetrámero inactivo cando hai pouco AMPc, pero cando hai moito está en forma de monómero activo, e pode catalizar a transferencia dun fosfato desde o ATP a un substrato. As quinases ou cinases (chamadas en inglés kinases) son un tipo de encimas que transfiren grupos fosfato desde o ATP a un substrato específico ou diana. O proceso chámase fosforilación. A diana pode activarse ou inactivarse por medio da fosforilación, polo que as quinases están implicadas nos mecanismos de regulación e sinalización celular. Todas as quinases necesitan un ión metálico divalente como o Mg2+ ou o Mn2+ para transferir o grupo fosfato. Un exemplo de quinase é a PKA (proteína quinase A), é dicir, a quinase dependente de AMP cíclico.
Segundo a nomenclatura oficial as quinases son ATP(x)fosfotransferases, onde (x)= molécula á que se transfire o grupo fosfato.
Clasificación das quinases Unha clasificación actualmente en uso da superfamilia das quinases divídeas en: quinases convencionais (ePKs) e quinases atípicas (aPKs).
Quinases convencionais As quinases convencionais clasifícanse en oito familias:
Familia AGC: inclúe as quinases enlazadas a proteínas G. Familia CAMKs: inclúe as quinases reguladas por calmodulina. Familia CMGC: inclúe as quinases dependentes de ciclinas. Familia CK1: inclúe a caseína quinase. Familia RGC: inclúe os receptores asociados a guanilato ciclase. Familia STE: inclúe as quinases MAP. Familia TK: inclúe as tirosina quinases. Familia TKL: inclúe proteínas tipo tirosina quinases.
Quinases atípicas As quinases atípicas non teñen unha secuencia moi similar á das quinases convencionais, mais teñen a actividade encimática de quinase. Comprenden:
Familia alfa Familia PIKK Familia PDHK Familia RIO
Notas e referencias
Hanks, S. K. & Hunter, T. Protein kinases 6. The eukaryotic protein kinase superfamily: kinase (catalytic) domain structure and classification. FASEB J., maio de 1995, 9(8), 576-596.
Categoría:Transferases