Tomás López da Torre ou Datorre, nado en Betanzos en novembro de 1899 e finado na Coruña o 1 de outubro de 1936, foi un avogado e político socialista galego, executado vítima da represión na zona franquista durante a Guerra Civil.

Traxectoria Estudou Dereito na Universidade de Madrid. Empezou como pasante de Agustín García e logo instalouse como avogado. Colaborou coa Irmandade da Fala de Betanzos. Membro da Unión Xeral de Traballadores (UXT) e do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), foi elixido concelleiro de Betanzos durante a Restauración dúas veces, unha delas en plena ditadura primoriverista, polo que foi expedientado no PSOE e rehabilitado máis tarde, tras a proclamación da República en 1931. Colaborou en La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego. Coa revolución de 1934 foi procesado e encarcerado, e ao saír de prisión encargouse da defensa dos mineiros e dirixentes sindicais procesados na folga xeral revolucionaria de 1934. Colaborou en El Obrero.El Obrero, 7-9-1935, p. 1.El Obrero, 30-5-1936, p. 1. Foi brevemente alcalde de Betanzos, entre abril e xullo de 1936 e deputado provincial.

O 22 de xullo dese ano, logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, columnas de blindados das tropas sublevadas procedentes da Coruña aproximáronse a Betanzos, enfrontándose aos veciños leais á República e a algúns membros da Garda Civil. Terminada a resistencia, os milicianos e autoridades fuxiron da cidade. Tras a ocupación polos sublevados de Betanzos, foron incendiados a igrexa e o mosteiro de San Francisco, así como a biblioteca (unha das máis importantes da provincia coruñesa) e parte do concello, a mans de tres paisanos procedentes de Ferrol e que foran aleccionados para iso polos sublevados, un deles membro das Juventudes Socialistas Unificadas e que foi despois destacado dirixente de Falanxe Española durante a ditadura franquista. Os asaltos e incendios foron atribuídos aos republicanos aplicándose unha dura represión sobre os mesmos. O mesmo día 22, Tomás xunto con José Novo Rodríguez, que tamén fora alcalde da localidade, tras fuxir xuntos de Betanzos foron detidos polos sublevados á altura de Guitiriz. Acusouse a Tomás de rebelión militar por resistir aos sublevados e de ser un dos responsables dos incendios e saqueos de Betanzos, feitos estes últimos que negou argumentando que el xa se atopaba detido cando se sucederon os asaltos. Na súa última carta preso pouco antes de morrer, sinalaba sobre os feitos e o seu proceso:

Xulgado en consello de guerra sumarísimo o 26 de setembro de 1936,El Pueblo Gallego, 26-9-1936, p. 2. foi condenado á pena de morte e executado no Campo da Rata o 1 de outubro con Manuel Iglesias Rodríguez, Rogelio García Rodríguez e Juan Fraga Bello.El Diario de Pontevedra, 3-10-1936, p. 2.La Voz de Galicia, 3-10-1936, p. 4.

Vida persoal Casou con María Luisa Loureda Espiñeira e foi pai de Tomás López Loureda.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Alcaldes de Betanzos Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1899

Categoría:Finados en 1936