Halo: Combat Evolved (tamén coñecido como Halo: CE, Halo 1, ou sinxelamente Halo), é un videoxogo en primeira persoa creado por Bungie e publicado por Microsoft Game Studios. É o primeiro xogo da franquía, foi lanzado ó mercado o 15 de novembro de 2001 para a consola Xbox, e ten vendido máis de cinco millóns de copias en todo o mundo. Microsoft lanzou versións do xogo para Microsoft Windows (creada por Gearbox Software) e Mac OS X en 2003, e a historia foi adaptada e elaborada nunha serie de novelas e bandas deseñadas. O xogo sería relanzado como un Xbox Original para descargar en Xbox 360 HDD. Un remake en alta definición, Halo: Combat Evolved Anniversary, foi lanzado para Xbox 360 no décimo aniversario do lanzamento orixinal, e foi relanzado como parte de Halo: The Master Chief Collection o 11 de novembro de 2014 para Xbox One.
Halo está ambientado no século XXVI, co xogador asumindo o papel de Master Chief, un supersoldado mellorado cibernéticamente. O xogador é acompañado por Cortana, unha intelixencia artificial que ocupa a interface neural de Master Chief. O xogador combate varios aliens nun intento de descubrir os segredos de Halo, un mundo artificial con forma de anel. O xogo foi louvado por elementos como a súa historia, a variedade de estratexias que os xogadores poden empregar e o seu modo multixogador; porén, a natureza repetitiva do seu deseño por niveis foi criticada por algúns expertos.
Halo foi aclamado como un dos mellores e máis importantes videoxogos de tódolos tempos, e segundo IGN está considerado como o cuarto mellor xogo de disparos en primeira persoa nunca feito. A popularidade do xogo motivou a aparición de "clons de Halo", aplicado a xogos que imitan as súas características. Ademais, serviu de inspiración para a creación da serie de vídeos Red vs. Blue creada polos fans da saga.
Mecánica de xogo Halo: Combat Evolved é un xogo de tirador en primeira persoa que se centra no combate nun escenario 3D que é visto case na súa totalidade dende a perspectiva da personaxe. O xogador pode moverse arredor e mirar cara a arriba, abaixo, esquerda e dereita. No xogo tamén hai vehículos, que van dende jeeps blindados e tanques a deslizadores e cazas alien, moitos dos cales poden ser controlados polo xogador. O modo de xogo cambia a terceira persoa cando emprega vehículos como piloto e torretas fixas; os pasaxeiros do vehículo manteñen a primeira persoa. A HUD inclúe un "detector de movemento" que rexistra os movementos dos inimigos aliens e dos seus vehículos nunha área próxima do xogador.
A personaxe do xogador está equipado cun escudo de enerxía que anula o dano das armas de fogo e dos impactos violentos. A carga do escudo aparece nunha barra azul e recárgase automaticamente se non recibe dano nun período curto de tempo. Cando o escudo está totalmente esgotado, o xogador é moi vulnerable, e os danos que recibe reducen a saúde dun contador de saúde secundario. Cando este contador chega a cero, a personaxe morre e o xogo volve comezar dende o último punto de gardado. A saúde pode recuperarse a través dos diferentes packs médicos espallados polos diferentes niveis do xogo, mais a introdución dun escudo mecánico que se rexenera representou unha innovación respecto dos xogos FPS da época.
O arsenal de Halo está formado por armas de ciencia ficción. O xogo foi louvado por outorgarlle a cada arma unha finalidade única, sendo máis ou menos útiles dependendo do escenario. Por exemplo, as armas de plasma precisan tempo para arrefriar se son disparadas demasiado axiña, pero non precisan ser recargadas, mentres que as armas de fogo convencionais non se sobrequentan, pero requiren recargar e munición. En contraste conventional cos grandes inventarios de armas doutros xogos FPS da época, os xogadores de Halo só poden levar dúas armas á vez, polo que é preciso certa estratexia no seu uso.
Halo difire das convencións dos FPS tradicionais ó non forzar ó xogador a gardar a arma antes de arrebolar granadas ou armas de curto alcance. No seu canto, ámbolos ataques poden ser empregados mentres segue equipado cunha arma de fogo. Tódalas armas poden ser usadas para golpear ós inimigos, o cal permite a Master Chief matar opoñentes silandeiramente sen chamar a atención dos inimigos dos arredores. O Chief pode levar até oito granadas a un tempo, catro de fragmentación e catro de plasma. Como as outras armas do xogo, os dous tipos de granadas difiren. As de fragmentación estoupan máis rapidamente unha vez lanzadas, mentres que as de plasma quedan pegadas ós inimigos antes de estoupar.
Combatentes As principais forzas inimigas do xogo son o Covenant, un grupo de especies aliens aliadas que cren nunha relixión común. Entre as súas forzas hai Elites, feros guerreiros protexidos por escudos de enerxía recargables; Grunts, que son curtos, covardes e que son liderados polos Elites na batalla, polo que a miúdo foxen de medo cando non hai un Elite que os guíe; Jackals, orixinalmente piratas espaciais, levan un escudo de enerxía nunha man e unha arma de fogo noutra; e os Hunters, grandes e poderosas criaturas con fortes armaduras que cobren case todo o seu corpo e van armados con grandes canóns de bombas de plasma.
Un inimigo secundario son os Flood, unha forma alieníxena parasita que aparece de tres formas diferentes. As formas de infección, a verdadeira forma dos Flood, son seres fráxiles que fan pouco dano individualmente, pero que vagan en grupos de ducias para infectar á súa presa. As formas de combate proceden de humanos e Elites que sucumbiron ás formas de infección, e teñen como resultado corpos. As formas inchadas son o resultado dunha forma de combate evolucionada que serve como incuvadora de novas formas de infección. Cando son feridos ou están preto dunha vítima potencial, estoupan para danar calquera forma vivente e para espallar esporas, perpetuando o ciclo de vida dos Flood.
Loitando contra os Flood, os Covenant, e as forzas humanas están os Sentinels: drons robóticos deseñados por unha raza extinta chamada Forerunners para protexer as súas estruturas e previr a invasión dos Flood. Os Sentinels son quen de flotar en espazos pechados e de producir un escudo de enerxía cando están baixo ataque. Son pouco fortes, pero teñen potentes láseres e son inmunes á infección dos Flood.
A intelixencia artificial de Halo foi acollida favorablemente. Os inimigos cóbrense e empregan fogo de supresión e granadas. Algúns inimigos retíranse cando os seus superiores son asasinados. O xogador é axudado a miúdo polos marines da United Nations Space Command (UNSC), que proporcionan soporte de campo, manexan torretas ou montan en vehículos pilotados polo xogador.
Multixogador Un modo de pantalla partida permite a dous xogadores xogar cooperativamente nas campañas de Halo. O xogo tamén inclúe cinco modos customizables de xogo multixogador para entre dous e dezaseis xogadores. Até catro xogadores poden xogar no sistema de pantalla partida nunha mesma Xbox, e máis xogadores poden unirse empregando o "System Link" que permite conectar até catro consolas Xbox nunha rede de área local. Halo carece de bots de xogo, e foi lanzado antes do servizo multixogador en liña de Xbox Live; polo tanto, as LAN parties son precisas para acadar o límite de 16 xogadores, unha configuración pioneira nas videoconsolas pero que foi considerada inviable pola crítica. Malia as súas limitacións, os compoñentes multixogador de Halo foron ben recibidos pola crítica, e está amplamente considerado como un dos mellores xogos multixogador de tódolos tempos.
A pesar de que a versión para Xbox Halo carece de apoio oficial para o xogo multixogador en liña, o software de túnel proporciona xeitos non oficiais para sortear esta limitación. Os portos de Windows e Macintosh de Halo permiten partidas en liña de até 16 xogadores e inclúen mapas multixogador que non se atopan no lanzamento orixinal para Xbox. Porén, o modo cooperativo foi eliminado dos portos por mor de que precisaría demasiada recodificación para a súa posta en funcionamento. En abril de 2014, anunciouse que os servidores de GameSpy, nos que funcionaba Halo PC, serían pechados o 31 de maio dese ano. Un equipo de fans e empregados de Bungie que producirían un parche para o xogo coa fin de manter os seus servidores multixogador en liña. O parche foi lanzado o 16 de maio de 2014.
Halo: Custom Edition O 15 de marzo de 2004, Gearbox Software lanzou Halo: Custom Edition para Windows, que permite ós xogadores crear mapas customizados e modificacións de xogo a través do Kit de Edición de Halo creado por Bungie. Halo: Custom Edition só é para multixogador, e require unha copia orixinal de Halo para PC para ser instalado.
Sinopse Ambientación Halo: Combat Evolved ten lugar nun universo de ciencia ficción creado por Bungie Studios. Segundo a historia, as viaxes máis rápidos que a luz permitiu á raza humana colonizar outros planetas despois da superpoboación da Terra. A pedra angular deses esforzos é o planeta Reach, unha base interestelar e un centro de actividade científica e militar. Un proxecto militar secreto, alcumado proxecto SPARTAN, foi posto en marcha no planeta Reach para crear un exército de enxeñaría biolóxica, "supersoldados" cyborg. Vinte e seis anos antes do xogo, unha alianza alieníxena tecnolóxicamente avanzada, o Covenant, comezou a atacar os asentamentos humanos, declarando á humanidade unha afronta ós seus deuses. A United Nations Space Command experimenta unha serie de esmagadoras derrotas; malia que os supersoldados do proxecto SPARTAN-II son efectivos contra o Covenant, son poucos en número para darlle a volta ó devir da guerra.
Co obxectivo de cumprir unha misión para descubrir o planeta natal de Covenant, os soldados SPARTAN-II son reunidos en Reach. Dous días antes do comezo da misión, as forzas de Covenant atacan Reach e destrúen a colonia. Unha nave espacial, a Pillar of Autumn, sobrevive o ataque co SPARTAN-II Master Chief a bordo. A nave inicia un salto ó "slipspace" (semellante ó hiperespazo), agardando levar ó inimigo lonxe da Terra. O xogo comeza coa Pillar of Autumn atopando Halo.
O devandito Halo é un enorme planeta/estación espacial con forma de anel, que (segundo Bungie Studios) ten un diámetro de dez mil quilómetros. Halo aséntase nun punto de Lagrange entre un planeta e a súa lúa. A forza centrífuga creada pola rotación da estación proporciona a gravidade ó anel.
Personaxes
O personaxe do xogador é Master Chief Petty Officer John-117, un dos poucos supersoldados sobreviventes do proxecto SPARTAN-II, e o principal personaxe da historia. Acompañando a Master Chief está a intelixencia artificial do Pillar of Autumn, Cortana, que reside nun implante neural conectado á armadura de batalla, codificada como MJOLNIR Mark V. O capitán de Pillar of Autumn, Jacob Keyes, tamén é un personaxe importante, xunto co Sarxento Avery Junior Johnson como personaxe secundario. O principal papel antagonista do xogo é 343 Guilty Spark, unha intelixencia artificial responsable de manter e monitorizar os sistemas de Halo.
Historia O xogo comeza coa chegada de Pillar of Autumn até unha misteriosa estación espacial con forma de anel, chamado "Halo" polo inimigo, o Covenant. Unha frota de Covenant ataca e dana seriamente o Pillar of Autumn. O capitán Keyes inicia o "Protocolo Cole", un procedemento que destrúe tódolos datos de navegación e está deseñado para previr que o Covenant descubra a localización da Terra. Master Chief e Cortana ábrense camiño a unha cápsula de escape, onde son exectados da nave xunto cun grupo de marines. Mentres voan poden ver como Keyes tenta aterrar a Pillar en Halo.