Sonrisas de Bombay (en galego Sorrisos de Bombai) é unha organización non gobernamental creada en 2005 que centra a súa acción na loita contra a pobreza, polo respecto ós Dereitos humanos e pola igualdade de oportunidades. Foi fundada polo xornalista e escritor catalán Jaume Sanllorente i Trepat despois dunha viaxe de vacacións a Mumbai. Ten sede na cidade de Barcelona e desenvolve a maioría dos seus proxectos en Bombai.

Financiamento A principal vía de financiamento son as achegas dos socios e doazóns, así como colaboracións con empresas. Dende a sede central en Barcelona traballan na sensibilización e na captación de fondos en toda España, tanto a nivel privado como público.

Equipo É un equipo formado por persoal contratado, voluntarios e estudantes en prácticas. No ano 2010 abriron unha oficina virtual en México (León-Guanajuato), co obxectivo de ampliar o radio de acción en América.

Misión Segundo a propia ONG, os seus obxectivos son: Capacitar ás comunidades máis desfavorecidas de Mumbai grazas á educación e a proxectos sanitarios cos que poidan chegar a ser autosuficientes. Desenvolver e poñer en funcionamento políticas e medidas integrais que aborden as distintas causas e consecuencias da pobreza. Perfeccionar periodicamente e centrar os seus esforzos en comunidades de maneira que a súa repercusión poida calcularse en termos de calidade e de cantidade. Mellorar os seus sistemas e procedementos para consolidar a eficiencia, a profesionalidade e a transparencia da organización. Visión Chegar a conseguir que as comunidades máis desfavorecidas de Mumbai teñan acceso ós dereitos humanos básicos. Converterse nunha organización autosostible

Forma de traballo Sonrisas de Bombay adoptou un método de traballo ó que lle chama “ciclo do proxecto”, que define como unha secuencia de acción para desenvolver, poñer en funcionamento e avaliar os proxectos. O obxectivo desta metodoloxía é mellorar a xestión dos proxectos, asegurando que tódolos temas relevantes e condicións se tomen en conta durante o deseño e a implementación. Ó aplicalo, o ciclo do proxecto consiste nun conxunto de conceptos de deseño e xestión, técnicas e tarefas que se empregan para apoiar a toma de decisión. Comisión de beneficiarios Un aspecto importante do ciclo de proxecto é a formación dunha “comisión de beneficiarios” para cada proxecto. Isto ten o obxectivo de implicar na detección das necesidades, no deseño e no desenvolvemento dos proxecto, ás persoas para as que en realidade se desenvolve o proxecto. Intentan traballar para que os beneficiarios do proxecto teñan voz e unha representación para articular as súas preocupacións e poder facer unha correcta valoración das súas necesidades. Isto tamén axuda na monitorización e na avaliación do proxecto, facéndoo un proceso máis participativo. Tamén asiste ás reunión o equipo de proxectos na planificación e o deseño das intervencións de desenvolvemento. Segundo Sonrisas de Bombay, os membros de cada comisión de beneficiarios son identificados en base a dous factores: A súa habilidade en comprender e articular temas. Dar unha representación equitativa das mulleres, castas e grupos minoritarios.

Ámbito de acción: slums O principal foco de acción é a cidade de Mumbai (India) e a súa periferia. Traballan coas comunidades máis desfavorecidas da rexión e mediante a cooperación ó desenvolvemento intentan xerar ferramentas que promovan cambios estruturais e unha transformación social cara a autosuficiencia e a igualdade de oportunidades destas comunidades de zonas de slums (barrios de chabolas). A principal área de slums onde levan a cabo a súa actividade é Andheri Este, na que cooperan con 905 escolas e unhas 4.700 persoas vense beneficiadas do traballo levado a cabo por 224 persoas contratadas entre mestres, axudantes, médicos, coordinadores etc.

Actividades Dende a súa creación, que comezaron con traballos centrados na educación e no desenvolvemento socioeconómico, foron evolucionando cara proxectos cada vez máis transversais e complementarios, co obxectivo de beneficiar a máis persoas (nenos, nenas, mulleres, pacientes con lepra, pacientes con cancro etc) dende diferentes perspectivas (educación, sanidade, creación de emprego, autonomía da muller etc). Actualmente as súas actividades poden clasificarse en 6 tipos de actuacións diferentes: Educación Saúde Desenvolvemento socioeconómico Sensibilización Investigación En proxección

Ademais do traballo tradicional de cooperación, intentan que vaia máis alá da asistencia ós máis desfavorecidos, impulsando campañas e acción para dar a coñecer e á vez denunciar, as vulneracións dos dereitos e a exclusión que moitas persoas sofren na cidade de Mumbai.

Véxase tamén Ligazóns externas Sonrisasdebombay.org Blog de Sonrisas de Bombay en español

Categoría:Organizacións non gobernamentais