O río Paraíba do Sul e un río brasileiro que nace no estado de São Paulo, percorre unha parte do sueste de Minas Xerais, fai o linde natural deste estado co de Río de Xaneiro, e desemboca no océano Atlántico. A súa cunca hidrográfica está situada entre as latitudes 20°26' e 23°39'S e as lonxitudes 41° e 46°30'W e ten unha área duns 57.000 km², que se espalla polos tres estados.
Localización e características A rexión do río Paraíba do Sul (tamén coñecido como río Paraíba) encóntrase hoxe cos seus ecosistemas moi alterados. A foresta orixinal (coñecida como Mata Atlántica) actualmente só existe en parques e reservas forestais. O propio río ten o seu curso mudado por sucesivas represas, destinadas a abastecer de auga e electricidade as poboacións veciñas, incluíndo as grandes cidades do seu vale nos estados de São Paulo e Río de Xaneiro, e tamén a rexión metropolitana da cidade de Río de Xaneiro. A grande actividade industrial e as poboacións nas súas marxes botan nel unha importante cantidade de polución.
A rexión central do Val do Paraíba foi a primeira gran rexión produtora de café no Brasil no século XIX, coa súa economía baseada en grandes propiedades rurais e no traballo escravo. Coa perda de importancia da súa produción cafeteira para o interior do estado de São Paulo, houbo un estancamento económicoa. Despois da creación da Compañia Siderúrxica Nacional (a primeira fábrica de aceiro do Brasil, creada por Getúlio Vargas no 1943) a rexión pasou por un proceso de industrialización que a transformou nunha das máis importantes rexións industriais do Brasil.
O val do río Paraíba do Sul é atravesado polo ferrocarril Estrada de Ferro Central do Brasil e pola estrada Rodovia Presidente Dutra, que ligan a rexión coas cidades do Río de Xaneiro e de São Paulo.
Cidades máis grandes do val do Río Paraíba do Sul No estado de São Paulo São José dos Campos Taubaté No estado do Río de Xaneiro Campos Resende Volta Redonda No estado de Minas Xerais Juiz de Fora (xunto ó río Paraibuna, afluente do Paraíba do Sul) Além Paraíba
Categoría:Ríos do Brasil Categoría:Ríos suramericanos atlánticos