José Luis Pego Alonso, nado en Ferrol en 1957, é un economista galego que ocupou o cargo de director xeral de Caixanova.
Traxectoria Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela obtendo a cualificación de sobresaínte no exame de grao, tamén cursou estudos de doutoramento en Economía e estudos de Dereito pola mesma Universidade. Posteriormente obtivo unha bolsa do Programa Fulbright para continuar estudos de doutoramento na Universidade de Nova York, que acabou rexeitando. Fixo o servizo militar na Mariña, onde foi tenente de Intendencia.
Ademais realizou un MBA na Escola de Negocios Caixanova, e realizou labores de docencia en varias universidades.
En 1985 abandonou a súa posición docente na Universidade de Santiago e comezou a traballar en Caixavigo. Pasou polos cargos de xefe de departamento, director de área, vice-director e director xeral adxunto. Foi promovido a director xeral en xuño de 2006, substituíndo a Julio Fernández Gayoso que pasou a ser o presidente da entidade.
Ocupou asento tamén nos consellos de administración de Banco Gallego, Pescanova, Certum, Muéstralo e Cidade Universitaria. Pertenceu ao padroado de fundacións coma a do MARCO, Caixanova, Arao e Galicia Emigración. Ademais foi membro da xunta de goberno do Idega, do Consello Económico e Social de Vigo e do Consello Supervisor do Observatorio Socio-Económico de Vigo.José Luis Pego Alonso , Vigo Metropolitano, 2009.
En decembro de 2010, o Banco de España noméao director xeral de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión forzada pola Xunta de Galicia entre Caixanova, de onde procede, e Caixa Galicia, despois da mala xestión desenvolvida pola cúpula directiva desta segunda entidade, que se encontraba en quebra técnica. A xestión da entidade que dirixía permitiu chegar ao proceso de fusión con 80 millóns de beneficio no negocio tradicional, pero iso non impediu que a perda de 61 millóns feita por Caixa Galicia comprometera a viabilidade futura da fusión. En 2010 recibiu o premio de "Economista do Ano" pola Asociación de Economistas de Pontevedra pola boa administración de Caixanova ata a fusión, e polo seu compromiso de aceptar a tarefa de tratar de empurrar o proxecto da nova entidade, do que máis adiante viría a ser substituído.
En setembro de 2011, tras nove meses no cargo, foi obrigado por José María Castellano, o novo CEO promovido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a deixar a organización para acollerse á xubilación anticipada. En xuño de 2012 a Audiencia Nacional admite a trámite unha querela contra o ex-directivo por presuntamente cobrar indebidamente 122.586 euros da súa prexubilación en concepto de "retribución complementaria por resultados"., contradicindo un informe pericial dos servizos xurídicos do Banco de España, que constataron que o contrato do exdirectivo de Caixanova era legal e coñecido pola institución. O caso encóntrase á espera de resolución.
Notas
Categoría:Banqueiros de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1957 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Abanca