O Campionato de Galicia foi a máxima competición regular de fútbol do país durante as primeiras décadas do século XX. O seu precursor foi o Campionato de Galicia non oficial organizado polo Vigo Foot-ball Club entre 1905 e 1912. A partir de 1913, a Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o campionato galego de xeito oficial. Dende a segunda edición oficial, o torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España, de manera semellante aos outros campionatos territoriais do resto do estado. A medida que o campionato foi crecendo, fóronse creando varias divisións inferiores (Serie B e Serie C), recibindo o nome de Serie A a primeira categoría. Durante certo tempo, o torneo coexistiu co actual sistema de ligas estatais creado en 1929. Foi eliminado en 1940 por decisión da FEF.
Historia
Campionato non oficial, organizado polo Vigo F.C. 150px|miniatura|dereita|Trofeo do campionato organizado polo Vigo F.C. O Campionato de Galicia comezou a organizarse no ano 1905 de forma non oficial, xa que aínda non existía a Federación Galega de Fútbol, e foi un dos torneos pioneiros do fútbol galego xunto á Copa Compostelá, a Copa Pontevedra e o Campionato de Galicia e Asturias xogado na Coruña. O torneo era organizado polo Vigo Foot-ball Club e para participar na competición tan só era preciso que o club estivese legalizado. O trofeo en disputa era unha copa de prata de once quilogramos sostida por unha peaña de ébano, a cal foi doada polo rei Afonso XIII despois dunha petición dos organizadores, feito que provocou que naquela altura o campionato fose coñecido tamén como Copa do Rei.
Na primeira edición do campionato, xogaron a final o Fortuna Foot-ball Club e mailo Vigo Foot-ball Club, sendo proclamado campión o Fortuna varios meses despois, tras diversos enfrontamentos entre as directivas de ámbolos dous clubs. No torneo do ano seguinte xogan a final os dous mesmos equipos, e despois de dous partidos rematados con empate, o Fortuna gañou un terceiro encontro e revalidou o título. A terceira edición do campionato foi xogada en formato de liga, proclamándose campión o Vigo F.C. e subcampión o Fortuna. O Vigo volveu gañar o torneo ao ano seguinte tras vencer na final ao Pontevedra Sporting Club. Na quinta edición foi campión o Fortuna de Vigo despois de gañar a semifinal contra o Español F.C. de Vigo e que non se presentase á final o Victoria de Pontevedra. O Fortuna volveu gañar ao ano seguinte en circunstancias parecidas, xa que o Real Club Coruña non se presentou para disputar a final do torneo. A sétima e derradeira edición do torneo foi gañada polo Fortuna fronte ao Vigo tras unha final a dobre partido, ficando os fortunistas co trofeo en propiedade despois desta vitoria.
Cando rematou a disputa do primeiro trofeo, o rei Afonso XIII doou unha nova Copa do Rei ao Vigo Foot-ball Club para que a puxese en disputa nas vindeiras edicións do Campionato. A nova copa, que viña gardada nun elegante estoxo, era de prata dourada cunha peaña de madeira vernizada e tiña gravado o emblema do monarca e a inscrición “Vigo Foot-ball Club. Premio de S.M. el Rey”. O Vigo non chegou a organizar un novo campionato e decidiu doar esta copa á Federación Galega de Fútbol para que fose o premio do primeiro Campionato de Galicia oficial. A cambio desta doazón e da renuncia a calquera intervención deportiva ou económica na organización do Campionato, a Federación entregaría ao Vigo F.C. outra copa para que este organizase un concurso provincial.
Campionato de Galicia oficial, organizado pola Federación Galega de Fútbol Primeiras edicións oficiais A Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o torneo de xeito oficial a partir da tempada 1913/14. Unicamente se inscribiron o Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo, resultando gañador do torneo o Vigo Sporting. Nesta edición non se outorgaba a representanción galega no Campionato de España, que xa fora dirimida noutra competición eliminatoria xogada con anterioridade á data de realización do Campionato de Galicia, dado que na Asemblea da Federación se establecera que ambas as dúas competicións fosen disputadas separadamente.
No torneo da seguinte tempada, o Real Club Coruña sufriu unha polémica descualificación que logo foi revogada pola RFEF aínda que non deu tempo para facer efectiva a decisión do órgano estatal e finalmente proclamaríase campión o Fortuna de Vigo. Dende esta segunda edición do campionato, ademais da disputa do propio título de campión galego, o torneo tamén servía para obter a clasificación para a Copa de España.
O campionato non disputado
No verán de 1915, unha selección de xogadores do Vigo Sporting e do Fortuna de Vigo acudiu a Lisboa para xogar un partido amigábel despois de recibir unha invitación. Os regulamentos da RFEF acabados de aprobar obrigaban a notificar a disputa de encontros internacionais con 15 días de antelación. Os xogadores viaxaron igualmente a Lisboa e a FGF notificou o asunto á RFEF, a cal autorizou á FGF para que impuxese as sancións que considerase oportunas “tendo presente que prefería que sufrise menoscabo o prestixio do Comité Nacional a que se causase prexuízo ao desenvolvemento da vida futbolística galega”. A FGF sancionou o Vigo Sporting, suspendendo da competición a todos os seus equipos durante un ano e impoñendolle unha multa de 500 pesetas, namentres que os seis xogadores do Fortuna que viaxaron a Lisboa foron sancionados de xeito indiviual, sendo suspendidos por un ano, e o Fortuna como club non foi sancionado. Algúns clubs pediron até en dúas ocasións que se realizase unha asemblea para discutir o tema, sendo denegadas as respectivas peticións pola directiva da FGF. Neste contexto e xa no mes de novembro, o Deportivo Auténtico e o Real Club Coruña, que ían participar no Campionato de Galicia desa tempada xunto co Fortuna, retiráronse do mesmo e formaron a Unión Galega de Clubs xunto co Vigo Sporting, organizando un campionato propio no que tomaron parte os tres clubs desconformes coa FGF. Este Campionato da Unión foi coñecido tamén como o campionato de honra e foi gañado polo Vigo Sporting. Por outra parte, despois de se retiraren o Deportivo Auténtico e o Coruña, o comité da FGF proclamou campión oficial ao Fortuna sen ter que xogar ningún partido.
No mes de febreiro de 1916, o comité nacional da RFEF decidiu levantar a sanción que impuxera a FGF ao Vigo Sporting e aos xogadores do Fortuna. Ese mesmo mes foi celebrada unha asemblea extraordinaria da RFEF, na que a representación da FGF entregou un escrito en protesta e abandonou a reunión. As outras tres federacións que conformaban a RFEF (Cataluña, Norte e Centro) acordaron dar de prazo ata o 15 de marzo para que a FGF arranxase o problema do fútbol galego ou sería expulsada da federación estatal. Galicia foi excluída da Copa de España por non solucionar os seus problemas internos antes da devandita data. A final do campionato, que nun principio estaba planeado que se xogase en Galicia, foi trasladada finalmente a Barcelona. A directiva da FGF presentou a súa dimisión e foi elixida unha nova directiva. Finalmente, unha asemblea da FGF en xuño de 1916 decidiu anular o Campionato de Galicia 1915/16 e non considerar campión ao Fortuna nin a ningún outro equipo.
O preito Vigo-Fortuna pola Copa do Rei
O campionato da tempada 1917/18 foi gañado polo Fortuna de Vigo, pero posteriormente sería anulado. Na edición de 1918/19 proclámase campión o Vigo Sporting, que tamén gañara o campionato da tempada 1916/17, correspondéndolle dese xeito a Copa do Rei en propiedade por ser o primeiro club en gañar tres veces o campionato. O Fortuna, campión da temporada anterior, négase a entregar o trofeo ao Vigo Sporting, argumentando que o Fortuna é o posuidor lexítimo do torneo baseándose en que o campionato non disputado da tempada 1915/16 fora outorgado pola directiva da FGF (decisión que fora anulada posteriormente, cando se arranxou o problema xurdido aquela tempada) ao club fortunista e polo tanto foi este o primeiro en gañar tres veces o campionato. A FGF ordena que o Fortuna entregue o trofeo, pero estes non aceptan a decisión e son excluídos do campionato polo órgano federativo. O Fortuna agarda entón por unha decisión da RFEF, que non dá chegado, ante o cal decide abandonar a FGF e unirse á Liga Rexional de Clubs de Fútbol. Paralelamente, o Fortuna formaliza unha queixa ante o gobernador civil da provincia de Pontevedra, que anula a asemblea da FGF de decembro de 1918 por irregularidades na representación do Pontevedra Athletic Club e do Deportivo da Coruña. En novembro de 1919, celébrase unha asemblea da FGF na que se anula o Campionato de Galicia 1917/18 que gañara o Fortuna. Noutra nova asemblea levada a cabo no mesmo mes, considérase ao Pontevedra Athletic herdeiro dos dereitos federativos do Pontevedra Sporting Club e ao Deportivo da Coruña herdeiro dos dereitos federativos do Deportivo Auténtico. En xuño de 1920, anúnciase un acordo entre o Fortuna e o Vigo para solucionaren o problema do trofeo, segundo o cal o Fortuna reingresaría na FGF séndolle perdoadas as sancións, aínda que tendo que pagar o que debe, e a Copa do Rei sería posta outra vez en disputa. Porén, o acordo final non se acadaría até decembro do mesmo ano, cando se pactou que o Fortuna entregaría o trofeo á FGF, esta ao Vigo Sporting, e este último á RFEF en propiedade.
O torneo da tempada 1919/20 xogouse mentres o Vigo e o Fortuna mantiñan o litixio pola Copa do Rei. Nesta edición inicialmente ían participar o Vigo Sporting, o Deportivo da Coruña, o Real Club Coruña e o Pontevedra Athletic, pero o Coruña retirouse do campionato antes da primeira xornada e o Athletic non se presentou a xogar os partidos, ficando o torneo nun cara a cara entre o Vigo e o Deportivo, do que saíu campión o equipo vigués. O Fortuna non puido participar por estar fóra da FGF naquel momento.
Da alternancia Vigo-Fortuna á alternancia Celta-Deportivo dereita|miniatura|Trofeo gañado polo Deportivo da Coruña na tempada 1926-27. Nun principio o Campionato só constaba dunha categoría pero a partir da tempada 1919/20 pasou a constar de dous divisións: a Serie A e a Serie B, e en 1923 celebrouse por primeira vez unha terceira categoría: a Serie C. Entre todas estas categorías realizábanse ascensos e descensos, de forma semellante ao sistema de divisións da Liga española de fútbol aparecido en 1929.
As edicións de 1920/21 e 1921/22 foron gañadas polo Fortuna de Vigo e a edición de 1922/23 foi gañada polo Vigo Sporting, sendo esta a última edición xogada antes da fusión de ambos os clubs para formaren o Celta de Vigo. A partir deste suceso, o ata daquela tradicional dominio no campionato compartido polo Fortuna e Vigo Sporting dará paso á nova alternancia entre o Celta e o Deportivo da Coruña. A rivalidade entre estes dous equipos comeza axiña xa que varios xogadores do Vigo Sporting (Luis Otero, Chiarroni e Ramón González) non aceptan incorporarse ao novo club vigués xurdido da fusión e deciden fichar polo Deportivo, producindo unha denuncia do Celta ante a FGF que descualifacará o Deportivo da edición 1923/24, decisión que será revogada pola RFEF despois dun recurso do club herculino. Durante este periódo o Celta de Vigo domina o campionato e gaña tres torneos consecutivos entre 1923 e 1926. En 1927 o Deportivo consegue o seu primeiro campionato e gaña tamén a seguinte edición en 1928. O Racing de Ferrol conseguiu romper o dominio destes dous clubs e gañou o campionato 1928/29. Entre 1929 e 1934, o Celta gañou tres campionatos e o Deportivo outros dous.
Coexistencia cos campionatos superrexionais