miniatura|dereita|Valentín Paz Andrade, representante de Galicia na Comisión dos 9. A Comisión Negociadora da Oposición foi unha plataforma constituída en 1976 por nove representantes dos partidos políticos e comunidades autónomas para negociar co Goberno de Adolfo Suárez os pasos a dar para a transición democrática. Orixes
O 29 de novembro de 1976, nunha entrevista entre o presidente do Goberno, Adolfo Suárez, e o presidente do Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español, José María Gil-Robles, acordaron a constitución dunha comisión negociadora entre representantes da oposición e o goberno do Estado para sentar os principios sobre os que deseñar o proceso da transición española e a legalización dos partidos políticos co propósito de garantir as liberdades públicas e unhas eleccións xerais libres (que se celebrarían o 15 de xuño de 1977). A esta reunión con Suárez asistiron tamén Joaquín Ruiz-Giménez (de Izquierda Democrática), Juan Ajuriaguerra (do Partido Nacionalista Vasco), Antón Cañellas (da Unión Democrática de Cataluña), Vicente Ruiz Monrábal (da Unión Democrática del País Valenciano) e Fernando García Agudín (do Partido Popular Galego).
Anteriormente a esta data Suárez xa mantivera numerosas conversacións con distintos líderes políticos, do mesmo xeito que tamén o fixeron os representantes da oposición, entre si, para perfilar unha Comisión reducida que puidese presentarse ó Goberno cun mandato conxunto e consensuado da Oposición. O 1 de decembro, 70 dirixentes políticos doutros tantos partidos e organizacións decidiron a composición desta Comisión reducida, nomeando dez representantes.
Constitución O 10 de decembro, no despacho de Joaquín Satrústegui, formalizouse a denominada Comisión Negociadora da Oposición, constituída por el mesmo (en representación dos liberais), Antón Cañellas (polo Equipo Demócrata Cristián), Francisco Fernández Ordóñez (pola Federación de Partidos Socialdemócratas), Felipe González e Enrique Tierno Galván (polo Partido Socialista Obrero Español e o Partido Socialista Popular), Santiago Carrillo (polo Partido Comunista) e mais Jordi Pujol (representando Cataluña), Julio de Jáuregui (País Vasco) e Valentín Paz-Andrade (Galicia). Polo número de membros, a prensa rebautizouna como Comisión dos 9. Aínda que estaba previsto completar esta lista cun representante dos sindicatos (CCOO, UXT e USO), ó final decidiuse non incluír as forzas sindicais como integrantes formais, se ben estarían presentes nas xuntanzas da Comisión nas que se tratasen problemas no seu ámbito. Acordouse que a negociación sindical se levase á parte e co ministro de Relacións Sindicais, Enrique de la Mata.
miniatura|A presenza de Santiago Carrillo na Comisión Negociadora foi unha fonte de conflitos. A Comisión naceu coa obxección inicial do goberno de Suárez á presenza dos comunistas nas conversacións entre o Goberno e a Oposición, aínda que non rexeitaba que formasen parte da Comisión. Xa nesas primeiras reunións, coñecida esta postura do Goberno, a presenza dos comunistas foi obxecto de debate, pero os partidos de esquerda insistiron en incluílos. Un socialista asistente a esa reunión declarou: "Después de todo, parte de la utilidad de esta Comisión es conseguir que entren en ella los comunistas; los demás ya nos hemos visto antes con el Gobierno". O PCE designou a Carrillo como o seu representante. Aínda así, e para eliminar puntos conflitivos, Carrillo renunciou a estar presente e foi substituído por Simón Sanchez Montero. A detención dos dous o 22 de decembro provocou unha dura resposta por parte dos restantes membros da Comisión pero, tras ser liberados o 30 de decembro, Carrillo se incorporou sen problemas ás reunións da Comisión.
Para facilitar os contactos coa Comisión co Goberno, Suárez propuxo o nomeamento dun grupo máis reducido, constituído por Felipe González, Cañellas, Jaúregui e Satrústeguí, a denominada Comisión dos 4. Pero en realidade as negociacións fixéronse mediante os chamados emisarios (ou, popularmente, carteiros) que son os que levaban os acordos a Suarez. Os primeiros en cumprir este papel foron Tierno e Jordi Pujol, que se reuniron con Suarez o 23 de decembro, data na que oficialmente se inaugurou o diálogo entre o Goberno e a Oposición.
As primeiras propostas que a Comisión presentou ante o Goberno estiveron dirixidas a asegurar as garantías democráticas do proceso electoral e a representación dos partidos no Congreso e no Senado. Poden resumirse nos seguintes sete puntos: Recoñecemento de tódolos partidos políticos e organizacións sindicais. Recoñecemento, protección e garantía das liberdades políticas e sindicais. Urxente disolución do aparato político do Movemento e efectiva neutralidade política da Administración Pública. A verdadeira amnistía política que o país necesita. Utilización equitativa dos medios de comunicación propiedade do Estado, daquela monopolizados polo Goberno. Negociación das normas de procedemento ó que debía axustarse o proceso electoral. Recoñecemento da necesidade de institucionalizar politicamente tódolos países e rexións integrantes do Estado español.
Paz-Andrade declarou daquela que pensaba centrar o seu labor mediador na defensa da recuperación da personalidade histórica e autónoma de Galicia, especialmente na loita contra a marxinación social e económica á que fora sometido o país galego.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Política de España Categoría:Artigos destacados Categoría:1976