Los gozos y las sombras é unha novela de Gonzalo Torrente Ballester, publicada entre 1957 e 1962 pola editorial Arión, de Madrid. É unha triloxía composta por El señor llega (1957, premio Juan March), Donde da la vuelta el aire (1960) e La Pascua triste (1962).
Trama
A acción discorre na vila de Pueblanueva del Conde, nas Rías Baixas, entre 1934 e 1936, xusto antes do Alzamento Nacional. Carlos Deza é un descendente da familia nobre dos Churruchaos, e tras estudar psiquiatría en Madrid e Viena regresa á vila dos seus devanceiros por mor dos seus fracasos sentimentais e a falta de motivación profesional. Porén, ten a intención de pasar na vila un certo tempo para volver marchar de novo.
Desde a súa chegada faise amigo de dona Mariana, tamén unha Churruchao, que verá nel un aliado magnífico para loitar contra o cacique Cayetano Salgado. Carlos oponse a inmiscirse nos asuntos de dona Mariana e Cayetano, pero cada vez vese máis inmerso na vida social e económica da vila. Retómase un pulso entre o vello e o novo poder, entre a antiga nobreza de sangue que representa dona Mariana (que mantén unha frota de pesca, con traballadores afiliados á CNT) e a nova burguesía capitalista posuidora dos medios de produción, representada pola figura de Cayetano Salgado (que se declara socialista e mantén un estaleiro con traballadores da UXT). Amais, está o conflito amoroso, posto que a amante de Cayetano, Rosario, déixao e comeza a deitarse con Carlos.
Amais da amizade de Mariana, Carlos lévase ben con Juan Aldán, o boticario Don Baldomero e mais con Paquito, o tolo da vila. Juan Aldán é outro Churruchao que malvive no pazo familiar coa súa nai e dúas irmás: Clara e Inés. Juan non traballa, pero cre firmemente no anarcosindicalismo e anima aos mariños da frota de Mariana para que o sindicato se converta no propietario dos barcos. Inés é unha beata que quere converterse en monxa. Clara (a única filla lexítima da nai dos tres irmáns) traballa na casa e na leira. Pero ante a situación de pobreza en que viven, deciden vender o pazo. Clara e a nai quedan en Pueblanueva, onde a rapaza monta unha mercería. Juan e Inés marchan a Madrid, e ela casa cun profesor de literatura e marchan a Alemaña.
A situación sentimental de Carlos é estraña despois de deixar á súa moza de Viena. Faise amante de Rosario, pero despois é padriño da súa voda e deixan de se deitaren. Con Clara ten unha relación moi fonda e sincera, e malia que se queren, nunca pasan a ser parella. Logo dun tempo, Clara comeza a saír con Cayetano.
Na vila tamén hai enfrontamentos dentro da Igrexa Católica. Amais da igrexa parroquial, hai un templo románico propiedade de Mariana, e nun mosteiro viven uns monxes dunha orde bastante progresista.
Mariana deixou escrito no seu testamento a Carlos como administrador e á súa sobriña Germaine (que vive en París) como herdeira, coa intención de que casen. Pero Germaine, cantante soprano, non ten intención de vivir en Pueblanueva, polo que chega a un acordo con Carlos para quedar coa metade da herdanza e regresar a París.
Amais destes conflitos, está o contexto político da Segunda República Española. Tralo goberno de Portela Valladares, chegan as eleccións de febreiro de 1936, e Cayetano recomenda á xente da vila que vote polo seu candidato, o mestre de escola Don Lino, que concorre pola Fronte Popular. Este, unha vez acadado o posto, quere evitar o caciquismo e deixa de seguir a liña marcada por Cayetano e decide apoiar aos mariñeiros da vila. Tras unha provocación, o cacique viola a Clara. Juan e Carlos enfróntanse a el e saen malparados. Finalmente Carlos e Clara marchan vivir a Porto.
Narración A obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Usa un vocabulario moi rico, con numerosos galeguismos.
Personaxes Carlos Deza Mariana Sarmiento Cayetano Salgado Dona Angustias Juan Aldán Clara Aldán Inés Aldán Baldomero Paquito Rosario
Adaptacións En 1982 foi adaptada á televisión en formato serie por TVE, a cargo de Jesús Navascués. A serie Los gozos y las sombras, de 13 capítulos, foi dirixida por Rafael Moreno Alba e protagonizada por Eusebio Poncela, Amparo Rivelles, Charo López, Carlos Larrañaga e Rosalía Dans. Foi supervisada por Gonzalo Torrente Ballester e supuxo un notable éxito de crítica e público, e logrou relanzar comercialmente a obra orixinal.
Categoría:Novelas de Gonzalo Torrente Ballester Categoría:Novelas ambientadas en Galicia