Kachina Chasmata (ou Kachina Chasma) é o canón máis longo da superficie da lúa de Urano, Ariel. O seu nome procede do nome dun espírito da mitoloxía Hopi. A chasmata ten 622 km de longo por 50 de ancho, cun sistema de fallas normais que corre en dirección noroeste-sueste. As fallas forman bloques nos chanzos das fallas chamados graben. Estes canons cortan terreos con cráteres, o cal indica que posiblemente estes canons se formasen nun estadio tardío da evolución da lúa, cando o interior de Ariel se expandiu e o xeo da superficie rachou coma resultado desta expansión. O chan de Kachina Chasma non é visible nas imaxes obtidas pola sonda Voyager 2 en xaneiro do ano 1986; así pois, non se sabe se o chan da chasmata está cuberto por chairas suaves coma no caso doutras chasmata de Ariel.

Durante o sobrevoo da Voyager 2 no ano 1986 sobre o hemisferio norte de Ariel, este non estaba iluminado polo Sol xa que a sonda chegou durante o transcurso do solsticio do sur de Urano. Pero con todo e grazas á iluminación recibida da reflexión da luz sobre Urano, os científicos puideron detectar algúns detalles do 'hemisferio escuro' poñendo en funcionamento novos métodos de procesado de imaxes. Estas análises indican que a chasmata segue discorrendo a través do hemisferio escuro, posiblemente incluso chegue a acada-lo outro lado do limbo. A distancia total de Kachina Chasmata podería acada-los 1800–2200 km, e podería ser comparable a Ítaca Chasma de Tetis.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Chasmata Ariel Lista dos accidentes xeolóxicos da lúas de Urano Urano

Categoría:Ariel Categoría:Chasmata