miniatura|Estatua de Manuel Ventura Figueroa no campus da USC Manuel Ventura Figueroa Barreiro, nado en Santiago de Compostela o 21 de decembro de 1708 e finado en Madrid o 3 de abril de 1783, foi un político e eclesiástico galego.

Traxectoria O seu nome real segundo consta nos seus datos biográficos era Manuel Benito Ventura Cabanelas Barreiro Cerviño Rodríguez de Prado Vidal y Figueroa. O seu pai Manuel (barbeiro no Hospital Real de Santiago de Compostela) e o seu avó Pedro eran de Tenorio, e a súa avoa, María Cerviño, de Viascón (concello de Cotobade).

Foi arcebispo de Laodicea (na actual Turquía) e Patriarca das Indias Occidentais. Ademais da súa vida eclesiástica, desempeñou un relevante papel na vida política da época chegando a ser o home de confianza do Rei Carlos III. En 1773 foi designado Gobernador do Consello de Castela e da Cámara de Castela. Foi un dos fundadores do Banco de San Carlos, considerado un dos predecesores do actual Banco de España.

Negociou en segredo e asinou xunto co Cardeal Valenti o Concordato de 1753 entre o Rei Fernando VI e o papa Bieito XIV que, a pesar de non responder ás expectativas do propio rei que se resistía a validalo, confería un maior poder á autoridade real sobre a eclesiástica dentro da Monarquía Española.

Fundación Manuel Ventura Figueroa A Fundación Manuel Ventura Figueroa, cuxa creación data de 1784 (é polo tanto a fundación máis antiga de España), foi instituída polos seus herdeiros para dar cumprimento ao seu testamento onde expresaba a súa vontade de que o seu patrimonio fose utilizado para dar estudos e dotes aos seus parentes pobres.

En 1994 a Xunta de Galicia asumiu as competencias que a Administración Xeral do Estado viña desenvolvendo en relación coa fundación e estableceu o procedemento para determinar o parentesco con Manuel Ventura Figueroa e asemade, determinar quen ocupa o cargo de Patrono de Sangue por ser o parente máis próximo a este.

Dende 2002 convócanse anualmente bolsas para a axuda ao estudo destinadas aos parentes do fundador que cumpran os requisitos esixidos polo Padroado da fundación.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web da Fundación Manuel Ventura Figueroa

Categoría:Bispos católicos de Galicia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1708 Categoría:Finados en 1783