Tomás Notario Vacas, nado en Córdoba (Arxentina) o 22 de agosto de 1926, é un enxeñeiro de camiños, funcionario e político galego de tendencia conservadora que foi alcalde de Lugo en dúas ocasións.
Traxectoria Os pais eran dunha aldea de Salamanca, pero emigraran primeiro ao Brasil e logo á Arxentina, onde naceu Tomás Notario. En 1933 regresan á aldea e aos once anos, xa durante a guerra, comezou o bacharelato na cidade de Salamanca. Estudou enxeñería de Camiños, Canles e Portos en Madrid, onde se doutorou, e comezou a traballar no Instituto Nacional de Industria (INI).
Foi destinado inicialmente a Pontevedra, onde comezou as obras da fábrica de celulosa, e despois a Lugo. Desempeñou distintos postos na Administración do Estado entre os anos 1957 e 1991, e no corpo de funcionarios chegou a ser inspector xefe de servizos. Dirixiu diversas obras hidráulicas e de estradas en lugares de Galicia e de España, como a ponte das Saamasas sobre o río Miño que cruza a estrada de Santiago ao paso pola cidade de Lugo.
O seu primeiro contacto coa política foi nunha candidatura a deputado provincial, nos anos setenta, pero non foi elixido. Nos últimos meses do franquismo, en 1975, foi proposto para alcalde de Lugo polo gobernador provincial José Antonio Barrera Maseda, mais despois de figurar na terna non resultou escollido tampouco. En 1976, os concelleiros elixírono alcalde de Lugo, en oposición da candidatura do alcalde titular Basanta Varela, e ocupou a alcaldía de febreiro de 1976 a outubro de 1977. En paralelo, desempeñou o cargo de procurador en Cortes en representación dos municipios de Lugo entre marzo de 1976 e xuño de 1977. En outubro de 1977, ao ser nomeado inspector xefe de servizos, renunciou á alcaldía por incompatibilidade e porque pensaba que non sería reelixido para encabezar a candidatura da UCD, partido en que militaba, xa que el era do sector máis conservador de José María de Areílza e a á máis centrista xa pensara en Antonio Rosón para o cargo. Mais, finalmente, foi Xosé Novo o escollido para liderar a candidatura.
Nas eleccións municipais de 1991, xa xubilado como funcionario, encabezou a candidatura do Partido Popular de Galicia e foi elixido alcalde de Lugo, de xuño de 1991 a xuño de 1995. Baixo o seu mandato derrubouse o Gran Teatro de Lugo, en 1992.
En 2021, xunto coa Caixa Rural Galega, impulsou a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario para axudar economicamente estudantes da provincia de Lugo. A dotación inicial foi de 200.000 euros e que se ampliará até o millón, repartidos a partes iguais entre os patróns.
Distincións En decembro de 2009, recibiu a Medalla ao mérito no traballo.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Lugo Alcaldes de Lugo
Ligazóns externas Ficha como Procurador en Cortes Entrevista a Notario Vacas en El Progreso o 14 de decembro de 2009.
Categoría:Alcaldes de Lugo Categoría:Alcaldes de Galicia durante o franquismo e a transición Categoría:Procuradores en Cortes galegos Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados en 1926 Categoría:Políticos do PPdeG Categoría:Nados en Córdoba, Arxentina