Antonio Ángel Fraga Sánchez, nado en Teixeiro (Curtis) o 16 de maio de 1967, é un empresario e político galego.

Traxectoria Comezou estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, mais deixouno en terceiro curso. Logo fixo un máster en xestión medioambiental e desenvolvemento sostible na Universidade de Valencia. Foi candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Curtis en 1999, sendo elixido alcalde grazas a un pacto de goberno coa Plataforma Popular de Curtis. Dito acordo non estivo exento de polémica, xa que a maior parte dos integrantes da lista socialista eran de Teixeiro e os da Plataforma eran da localidade de Curtis, entre as que sempre houbo unha histórica rivalidade que nos anos 80 e 90 cristalizou nun intento de segregación. A número 2 socialista, Francisca Fernández declinou participar no acordo de goberno, e houbo un notable descontento entre diversos veciños de Teixeiro, que incluso chegaron a ameazar á nai de Fraga Sánchez. En virtude de dito acordo de goberno, Fraga cederíalle a alcaldía na metade do mandato ao candidato da Plataforma, Javier Caínzos Vázquez, o cal creaba máis descontento entre os teixeiráns máis belixerantes con Curtis. En xullo de 2001 Caínzos asumiu a alcaldía.

De cara ás municipais de 2003, os independentes da Plataforma integráronse no PPdeG. Pola súa parte, Fraga Sánchez, que pasara a ser primeiro tenente de alcalde, renunciou nun principio a seguir na actividade política; con todo, terminou integrándose como número 2 da candidatura popular ao concello, a cal logrou maioría absoluta. Desta forma Caínzos e Fraga mantivéronse como alcalde e primeiro tenente de alcalde respectivamente, logo de revalida-la maioría absoluta nas sucesivas convocatorias electorais. O 14 de xuño de 2011 tomou posesión como deputado no Parlamento de Galicia. Mantívose como deputado ata as autonómicas 2012.

Está titulado pola UNED como director e xefe de seguridade privada, e tamén ten a habilitación de piloto de RPAS.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Curtis

Ligazóns externas

Categoría:Alcaldes de Curtis Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG Categoría:Nados en Curtis Categoría:Nados en 1967 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes