Vicente Gómez García, nado en Nocedo do Val (Castrelo do Val) en 1954 e finado en Ourense o 16 de xullo de 2026, foi un político galego do PSdeG-PSOE que foi alcalde do seu concello durante máis de dúas décadas.
Traxectoria Era traballador do sector da construción e membro de UXT. Foi concelleiro do PSdeG-PSOE en Verín trala renuncia dun compañeiro en marzo de 1989. Continuou como concelleiro tralas municipais de 1991, e en outubro de 1991 pasou a ser concelleiro de obras e urbanismo, tras apoiar o PSdeG unha moción de censura que fixo alcalde a Emilio González Afonso. Nas municipais de 1995 encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE en Verín e pasou á oposición tras lograr o PPdeG a maioría absoluta.
En 1999 concorreu como número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE en Castrelo do Val, pasando a ser primeiro tenente de alcalde. En setembro de 2005 foi elixido alcalde, trala dimisión do rexedor Raúl Fernández Fernández tras ser designado Delegado provincial da Consellería de Política Territorial. Nas eleccións municipais de 2007 encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Castrelo do Val e foi elixido alcalde con maioría absoluta. Nas municipais de 2011 e 2015 volveu ser elixido alcalde con maioría absoluta, e nese último ano foi designado deputado provincial, posto que ocupou catro anos. Revalidou novamente a alcaldía con maioría absoluta tralas municipais de 2019 e 2023. Faleceu na alcaldía, e substituíuno a súa filla, Cristina Gómez Dobarrio.
Vida persoal Padeceu un cancro durante dúas décadas, que foi ao cabo a causa do seu falecemento.
Estaba casado e tiña un fillo, Pablo, e mais unha filla, a arquitecta técnica Cristina Gómez Dobarrio, que o sucedeu na alcaldía.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Castrelo do Val
Ligazóns externas Entrevista na web do concello de Castrelo de Val
Categoría:Alcaldes de Castrelo do Val Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Castrelo do Val Categoría:Nados en 1953 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2026 Categoría:Finados por cancro