Karate (en ), ou karatedo (), é unha arte marcial xaponesa e un deporte de combate orixinario de Okinawa, que se desenvolveu con base na arte marcial nativa da rexión baixo as influencias do chuan fa, de orixe chinesa, e das escolas xaponesas tradicionais de arte marcial, chamadas koryu, que practicaban loita desarmada e armada, principalmente con espadas. Neste proceso, cando a influencia xaponesa se tornou preponderante, fóronse incorporando máis características do código de conduta dos samurais, o Budo.

A influencia chinesa foi maior nun primeiro estadio de desenvolvemento, cambiando un paradigma primitivo dunha loita simple con agarramento e proxeccións, con máis énfase nos golpes traumáticos, e fíxose sentir nas técnicas dos estilos máis fluídos e pragmáticos da China meridional. Despois, en razón do cambio do escenario xeopolítico, comezou o tempo de predominio das disciplinas de combate do Xapón e, nese período, o máis común era simplificar aínda máis os movementos de orixe do chuan fa, facéndoos máis directos e renunciando a aquilo que non fose útil, como movementos acrobáticos ou que eran executados máis por razóns estéticas.

O repertorio de técnicas do karate reúne principalmente golpes contundentes (atemi waza), como patadas, sopapos, xeonlladas etc., executados todos coas mans desarmadas. Porén, técnicas de proxección, inmobilización e bloqueos (nage waza, katame waza, uke waza) tamén poden ser ensinadas, con maior ou menor importancia dependendo de onde se practica e quen é o instrutor.

Grosso modo, pódese afirmar que a evolución desta arte marcial foi conducida por grandes mestres, que a formaron e asentaron seus principios, rematando no karate moderno. O paradigma tradicional de ensino era da maneira xaponesa, con base nos kata (secuencia de técnicas, simulando loita con varias aplicacións prácticas). Mais o modelo que se fixou e rexe ata hoxe baséase en tres piares: kihon (técnicas básicas), kata e kumite (enfrontamento en si, que pode ser simple simulacro ou darse de forma deportiva e competitiva ou máis próxima á realidade).

Existen moitos estilos e escolas de karate, e iso foi resultado do seu proceso de desenvolvemento. Aconteceu que, no albor desta arte marcial, era practicada segundo tres estilos distintos: Naafadii, Suidi e Tumaidi, practicados respectivamente nas tres cidades da maior illa do arquipélago de Okinawa, coas súas idiosincrasias, que os tornaban máis ou menos diferentes. Despois, esta circunstancia acentuouse no que acabou resultando en practicamente incontábeis variacións e (sub)variacións.

O estadio da transición entre os séculos XX e XXI revela que a maioría das escolas de karate deu énfase á evolución do condicionamento físico, desenvolvendo velocidade, flexibilidade e capacidade para participar en competicións de deporte de combate, quedando relegada a aquelas poucas escolas tradicionalistas a práctica de exercicios máis rigorosos, que teñan como obxectivo desenvolver a resistencia dos membros, e de probas de rompemento de táboas de madeira, ladrillo ou xeo. Basicamente, existen dúas tendencias: unha que desexa preservar os caracteres marcial e filosófico do karate, e outra na que as características deportiva e lúdica son meirandes e importantes.

Durante as dúas primeiras décadas do século XX, o proceso de segmentación do karate en diversas escolas distintas fíxose definitivo, aparecendo diversas asociacións, ata unhas dentro doutras, coa intención de difundir o seu modo peculiar de entender e ensinar as técnicas, a pesar de posuíren todas elas semellanzas e case as mesmas orixes. Tal circunstancia foi combatida por grandes mestres, mais acabou quedando e xerou como consecuencia a falta de estandarización e entendemento entre as moitas entidades e practicantes. De aí, aínda que aceptado mundialmente como deporte, ata clasificado como deporte olímpico e estando presente nos Xogos Panamericanos, non hai un sistema unificado de valoración para as competicións, ocasionando moita dificultade para a súa aceptación coma deporte de competición nos Xogos Olímpicos.

A pesar da enorme fragmentación, os moitos estilos buscan aínda seguir un modelo pedagóxico relativamente común. E neste ámbito, distínguese o simple practicante daquel estudoso dedicado, chamado karateka, porque este busca desenvolver disciplina, filosofía e ética, alén de só aprender os golpes. Aquel karateka que alcanza o grao de cinto negro chámase sensei. E os lugares de aprendizaxe son chamados dojo, sendo estes case sempre afiliados a algún estilo.

Historia Antecedentes No arquipélago de Okinawa, unha rexión localizada a medio camiño entre a China e o Xapón, na parte setentrional do Mar da China, xurdiu o Reino de Lequias. No proceso de xurdimento deste reino, entre os anos de 1322 e 1429, houbo un período denominado Sanzan jidai (, período dos tres montes), cando que se debateron tres reinos polo control total da rexión: Hokuzan (, Monte setentrional), Chuzan (, Monte central) e Nanzan (, Monte meridional). Quen saíu vitorioso foi o Reino de Chuzan, que era o máis forte economicamente, inaugurando a primeira Dinastía Sho: Sho Hashi.

Porén, por causa da súa posición xeográfica, a rexión sempre espertou a cobiza da China e do Xapón, que non aforraron esforzos para estenderen as súas influencias (culturais e económicas).

Despois da unificación do reino, nun primeiro período, a China foi máis eficaz para conseguir os seus intereses e estender a súa influencia sobre a rexión, que se consolidou en varios aspectos, proxectándose dende a estrutura administrativa do país ata os costumes. Neste escenario, migraron ou simplemente chegaron ao país, de entre os diversos tipos de persoas, algúns practicantes e mestres de artes marciais.

Por outro lado, aínda que existise forte influencia chinesa, a sociedade okinawana e a xaponesa posuían algúns puntos converxentes, coma era o caso de existiren en ambas unha caste de guerreiros: no Xapón, samurai; en Okinawa, peichin. Para estas clases sociais o seu modelo de vida esixía que desempeñasen certas funcións, sendo unha delas o perfeccionamento das súas habilidades de loita, que eran transmitidos basicamente dentro do clan ou da familia.

É correcto, polo tanto, afirmar que houbo un troco de coñecementos, aínda que moi discreto, entre a poboación autóctona e os dominadores foráneos. Tal troco aconteceu para atender exactamente as necesidades e os intereses de ambos os grupos.

Entrementres, o dominio xaponés consolidouse cun duro golpe para o pobo okinawano cando, en 1609, o clan samurai de Satsuma, coa aprobación do emperador do Xapón, subxugou a rexión e engandiu ao imperio nipón o Reino de Lequias. Nesta invasión, os samurais encontraron pouca ou ningunha resistencia, porque, dadas as circunstancias, o rei local declarara que a vida era o máis importante tesouro e recomendou que a poboación das illas non protestase ou contestase a agresión estranxeira.

Trala invasión, Lequias aínda permanecera na situación de estado máis ou menos autónomo, pero, ao contrario do escenario anterior, baixo o control e a influencia do Xapón, que se tornaba paulatinamente preponderante, pois os samurais impuñan os seus propios pensamentos. Desta época, inclusive, data a introdución do estilo Jigen-ryu, de kenjutsu.

Mans de Okinawa O momento exacto de aparición do karate pérdese no tempo e na mestura de lendas e relatos históricos. No ámbito das lendas, cóntase que certo samurai, chamado ora Minamoto no Tametomo, ora Chinzei Hachiro Tametomo, a mediados do século XII, despois da malograda sorte na Rebelión Hogen, procuraría refuxio en Okinawa. Durante a súa estadía na rexión, o samurai ensinaría técnicas de combate aos nobres locais e estas técnicas, ou polo menos parte delas, acabaron por evolucionar e se desenvolver nunha arte marcial, chamada tuidi e despois karate.

Outra hipótese apunta cara a unha modalidade de combate desarmado, denominada mutō, orixinaria de Okinawa, que aínda hoxe é unha importante manifestación da cultura local, mais que existía moito antes das loitas chino-xaponesas e era practicada, como aínda é, de forma trivial pola poboación. Esta loita aseméllase máis ó sumo, pero tamén posúe características do jujitsu e do aikido.

De forma distinta do que é o karate contemporáneo, o combate en mutō realízase con empurróns ao inicio e, despois, séguese con técnicas de derrubamento e luxación. Vencía aquel que derrubase ou sometese ao contrario. Era unha práctica cuxo principal obxectivo era o entretemento, mais que, segundo algúns autores e mestres, sería a semente do karate, que foi entón paulatinamente sendo moldeado e modificado so a influencia do boxeo chinés do Sur.

Algúns argumentan que o embrión sería unha lei que o Rei Sho Hashi, non moito despois da unificación do reino, promulgou e que prohibiu a posesión de calquera arma por parte da poboación civil, katana gari (), co obxectivo de conter eventuais sentimentos de revolta. Este acontecemento é de feito importante, mais non pode dar total sustentación a esta idea, porque a caste guerreira mantivo os seus privilexios e costumes, ata para poder continuar desempeñando as súas funcións no reino e perante a sociedade en xeral. Nin mesmo a restrición ao uso de armas imposta polos samurais de Satsuma foi ampla ata o punto de coutar as prerrogativas dos guerreiros de Okinawa, exactamente polos mesmos motivos, de que os nobres deberían continuar en súas funcións propias.

Sábese de certo que, a mediados do século XVII, xa estaba estabelecida unha arte marcial en Okinawa sen armas, coñecida como "te" ou "ti" (en uchinaguchi), adestrada polos nobres guerreiros, por causa das súas obrigas militares. A existencia desta arte marcial queda demostrada pola existencia, xa naquel período, de tres variantes máis ou menos semellantes mais diferenciadas, Naha-te, Tomari-te e Shuri-te, que se formaron respectivamente nas tres cidades que lles prestaron os nomes.

Os nobres do Reino de Lequias ensinaban artes marciais que empregaban armas ou non, nun modelo moi próximo do xaponés que eventualmente xerou escolas familiares. Foi tamén resultado deste modelo o desenvolvemento do kobudo, que era a denominación dos estilos, mais que acabou por designar só as técnicas de combate con armas. Ocorre, porén, que orixinalmente no kobudo de Okinawa a parte de loita sen armas era nomeada toshu (), toshukuken () ou toshujutsu ().

O que moi probabelmente sucedeu como consecuencia da prohibición de levar de armas foi que os nobres de Okinawa perfeccionaron o combate con armas, adaptando outros obxectos, coma o eku (remo), a tonfa e o nunchaku, que eran orixinalmente instrumentos de traballo, para manexo de muíño e debaga de grans e arroz. Nalgún momento do século XVII a loita desarmada pasou a ser chamada "Okinawa-te" ou "Uchinaadi" (), que significa "man de Okinawa". Nesta época, xurdiu a figura de Matsu Higa, nobre local, que alcanzou moita sona a causa das súas habilidades en loita, algunhas das cales serían aprendidas de loitadores chineses de wushu. Crese que Sensei Higa fose, dentro de seu estilo propio, o primeiro a estabelecer un conxunto formal de técnicas e chamalo ti.