Neymar da Silva Santos Júnior (coñecido popularmente como Neymar), nado en Mogi das Cruzes (São Paulo) o 5 de febreiro de 1992 é un futbolista brasileiro. Xoga de centrocampista ou dianteiro e o seu actual equipo é o Santos FC.
Traxectoria En 2003 entrou nas categorías inferiores do Santos Futebol Clube. Debutou no primeiro equipo fronte ó Oeste FC en 2009, con só 17 anos, e marcou o seu primeiro gol á semana seguinte fronte ó Mogi Mirim EC. Ese ano o equipo chegou á final do Campionato Paulista grazas a un gol de Neymar nas semifinais, aínda que despois foi o SE Palmeiras o equipo que venceu nesa final. Ese mesmo ano o Santos rematou 12º no Brasileirao, con 10 goles de Neymar en 33 encontros.
Ó ano seguinte Neymar saltou á fama coas súas actuacións no Campionato Paulista e na Copa do Brasil. No Campionato Paulista marcou 14 goles en 19 encontros, moitos deles espectaculares, axudando a que o Santos gañase o torneo. No encontro de oitavos da Copa de Colombia fronte ó EC Santo André no que o Santos venceu por 8 goles a 1, Neymar anotou 5 deses goles. O Santos tamén gañou ese torneo, no que Neymar anotou 11 goles en 8 encontros. Grazas a esa vitoria o Santos acadou o dereito a participar na edición 2011 da Copa Libertadores.
O seleccionador brasileiro, Dunga, non quixo contar con Neymar para formar parte da selección canariña no Mundial de Fútbol de Suráfrica 2010, a pesar da presión popular. Tralos malos resultados que a selección obtivo en Suráfrica, Dunga foi despedido, e o novo seleccionador, Mano Menezes, chamou por vez primeira a Neymar para xogar coa canariña fronte ós Estados Unidos o 10 de agosto de 2010, conseguindo marcar un gol.
Por esas datas comezaron a chegar as primeiras ofertas dende Europa para conseguir asinar a Neymar, como foi o caso do West Ham United, que ofrecía 12 millóns de libras esterlinas.
No Brasileirao 2010, Neymar marcou 17 goles en 31 encontros, e o Santos rematou na 8ª posición.
En 2011 o Santos reeditou o título do Campionato Paulista, con 4 goles de Neymar en 11 encontros. O equipo non participou na Copa do Brasil ó ter que competir na Copa Libertadores. Foi na máxima competición continental de Suramérica onde Neymar e o Santos tiveron unha actuación mais salientable, acadando o título que o Santos non gañaba dende a época de Pelé, cun gran Neymar que marcou o gol decisivo na final fronte ó Club Atlético Peñarol. Foi entón cando equipos do talle do Real Madrid fixeron as súas ofertas multimillonarias polo xogador, que foron ignoradas polo club e mais polo propio Neymar. Nese verán a xove estrela disputou a Copa América 2011 coa súa selección, facendo un torneo discreto, no cal Brasil foi eliminado antes do previsto. No Brasileirão o equipo fixo unha actuación discreta, en parte debido ás ausencias de Neymar e outros xogadores do equipo que estaban disputando a Copa América. O Santos rematou 10º, e Neymar só disputou 21 dos 38 encontros, acadando 13 goles.
En decembro de 2011 o Santos viaxou ao Xapón para disputar a Copa Mundial de Clubs da FIFA 2011.
Véxase tamén Ligazóns externas Estatísticas de Neymar na páxina oficial do Santos FC
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados no estado de São Paulo Categoría:Futbolistas olímpicos do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Santos FC Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Paris Saint-Germain FC Categoría:Xogadores do Al-Hilal Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2014 Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2012 Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2012 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos de ouro polo Brasil Categoría:Medallistas olímpicos de prata polo Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2022 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2026