miniatura|Célula dendrítica. miniatura|Células dendríticas na pel. miniatura|200px|Esquema moi simple dunha célula dendrítica.

As células dendríticas son células inmunitarias que forman parte do sistema inmunitario dos mamíferos (fundamentalmente). A súa función principal é procesar os antíxenos e presentalos sobre a súa superficie a outras células inmunitarias para activalas, é dicir, funcionan como células presentadoras de antíxenos. Actúan como mensaxeiros entre o sistema inmunitario innato ou inespecífico e o sistema inmunitario adaptativo ou específico.

As células dendríticas están presentes nos tecidos que están en contacto co medio externo, como a pel (onde hai un tipo de células dendríticas especializadas chamadas células de Langerhans) e no revestimento interno das fosas nasais, pulmóns, estómago e intestinos. Tamén se poden atopar en estado inmaturo no sangue. Unha vez activadas, migran aos ganglios linfáticos onde interaccionan coas células T e B para iniciaren e modelaren a resposta inmunitaria específica ou adaptativa. En certos estados do desenvolvemento crécenlles proxeccións ramificadas, denominadas "dendritas non neuronais", que son as que lle dan a estas células o seu nome (δένδρον, dendron en grego significa 'árbore'). Estas dendritas son moi distintas das que teñen as neuronas, aínda que en aparencia parezan similares. As células dendríticas inmaturas tamén se chaman células veladas ou veliformes, xa que posúen grandes veos citoplasmáticos en vez de dendritas, que non lles medran ata máis tarde.

Historia As células dendríticas foron descritas por vez primeira por Paul Langerhans (concretamente as células de Langerhans) a finais do século XIX. Pero ata 1973 non se empezou a usar o termo "célula dendrítica", acuñado por Ralph M. Steinman e Zanvil A. Cohn. Polo seu descubrimento do papel central das células dendríticas na resposta inmunitaria, Steinman foi galardoado co Premio Albert Lasker de Investigación Médica Básica en 2007 e co Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 2011.

Estrutura As células dendríticas caracterízanse pola gran densidade de moléculas do MHC de clase II que presentan na membrana plasmática. As células de Langerhans, un tipo especializado de células dendríticas, tamén presenta unha elevada concentración de moléculas do MHC de clase II, pero o que as caracteriza é a presenza de gránulos de Birbeck, uns orgánulos exclusivos deste tipo celular con forma de barra ou de raqueta de tenis cuxa función aínda se discute.Peña Martínez, p. 67 Porén, viuse que están asociados a unha lectina dependente de calcio, a langerina, e que mesmo induce a súa formación. Dese modo parece que a indución dos gránulos de Birbeck sería unha consecuencia da función de captura de antíxenos da langerina, que permitiría conducilo aos gránulos e activar dese modo ao procesamento do antíxeno pola ruta non clásica. Segundo o microambiente en que se encontren, as células dendríticas expresan diversos marcadores de superficie, como por exemplo as citocinas IL-12, IL-1 e TNF-α.

Só as células dendríticas inmaturas que patrullan as rexións periféricas teñen a típica forma de estrela, debida aos procesos citoplasmáticos chamados dendritas que teñen, que miden máis de 10 μm e que sobresaen do corpo da célula. Nas células vivas, estas proxeccións están en constante movemento, retorcéndose, contraéndose e volvéndose a estender polo lado contrario. Nesta fase inmatura, as células tamén teñen unha gran cantidade de vesículas endocíticas ricas en proteínas lisosomais. Este fenotipo inmaturo caracterízase pola escaseza de proteínas do MHC e a ausencia completa de moléculas B7 coestimuladoras. Durante a súa migración cara aos órganos linfáticos secundarios, despois de ter capturado un antíxeno durante unha infección, a morfoloxía das células dendríticas muda. As dendritas son substituídas por pregamentos e proxeccións membranosas semellantes a veos, polo que lles chama tamén "células veladas" ou "veliformes". Ao mesmo tempo, as células perden a capacidade de fagocitar e de procesar antíxenos. Finalmente, nos ganglios linfáticos ou outros órganos linfoides diana están presentes como células dendríticas maduras. Estas células dendríticas segregan grandes cantidades de péptidos cargados de MHC II, así como varias moléculas coestimuladoras, especialmente a B7. Ambas as cousas son necesarias para permitir o recoñecemento dos antíxenos procesados por parte dos linfocitos T, e a activación destes últimos. En tanto que os péptidos e complexos MHC interaccionan cos receptores dos linfocitos T, as moléculas B7 proporcionan o segundo sinal necesario para unirse aos antíxenos CD28 dos linfocitos T. As células dendríticas maduras poden estimular linfocitos T CD4+ (TH1) cunha grande eficacia.Cantrell, DA and Smith, KA (1984) Science 224:1312Charles A. Janeway Jr. et al.: Immunobiology : the immune system in health and disease, especialmente: 8-6: Dendritic cells specialize in taking up antigen and activating naive T cells & Figure 8.2: Immature dendritic cells take up antigen in the tissues, Garland Publishing, 5ª edición, Nova York (2001). ISBN 0-8153-3642-X

Tipos de células dendríticas En todas as células dendríticas, a súa morfoloxía similar con prolongacións ten como resultado un amplo contacto superficial co seu medio comparado co seu volume total. Distinguiremos os tipos observados nos mamíferos primates, non primates e in vitro.

Tipos nos primates In vivo A clasificación máis común das células dendríticas é dividilas en "mieloides" e "plasmacitoides":

Nome Descrición Secreción receptores de tipo Toll Células dendríticas mieloides (mDC) Moi similares a monocitos. Están compostas polo menos por dous subconxuntos de células(1) as máis comúns son as mDC-1, que son as principais estimuladoras das células T(2) as extremadamente raras mDC-2, que poden ter unha función na loita contra as infeccións nas feridas IL-12 TLR 2, TLR 4 Células dendríticas plasmacitoides (pDC) Parécense a células plasmáticas, pero teñen certas características similares ás células dendríticas mieloides. Poden producir grandes cantidades de interferón-α , polo que eran coñecidas como células produtoras de interferón (IPC) antes de que se descubrise a súa natureza como células dendríticas. TLR 7, TLR 9

Os marcadores antixénicos BDCA-2, BDCA-3, e BDCA-4 poden utilizarse para discriminar entre os dous tipos.

As células dendríticas linfoides (pDC) e mieloides (mDC) orixínanse a partir de precursores linfoides ou mieloides respectivamente e, xa que logo, teñen unha orixe hematopoética.

As células dendríticas non se deben confundir coas chamadas células dendríticas foliculares (FDC), que, a diferenza das anteriores, son probablemente de orixe mesenquimática en vez de hematopoética, e non expresan o antíxeno MHC de clase II (complexo maior de histocompatibilidade II), e teñen funcións distintas, pero denomínanse así porque están localizadas nos folículos linfoides (situados nos ganglios linfáticos) e teñen prolongacións "dendríticas".

Tipos nos non primates Mentres que os humanos e outros primates como o macaco Rhesus parecen ter os dous tipos de células dendríticas mencionados, outros mamíferos non primates, (como os ratos) teñen tipos diferentes.

Tipos In vitro Nalgúns aspectos, as células dendríticas de primates cultivadas in vitro non mostran o mesmo comportamento ou capacidades ca as células illadas ex vivo. Porén, utilízanse con frecuencia en experimentación, xa que están máis facilmente dispoñibles ca as outras.

Cos termos Mo-DC ou MDDC referímonos a células maduradas a partir de monocitos HP-DC fai referencia a células derivadas de células nai proxenitoras hematopoéticas.

Tipos de células dendríticas mieloides Células de Largenhans

As células de Langerhans son un tipo de células dendríticas que residen na epiderme conteñen uns gránulos de gran tamaño chamados gránulos de Birbeck. Adoitan atoparse nos nódulos linfáticos e outros órganos, incluíndo o estrato espiñoso da epiderme. Tamén poden atoparse noutras partes do corpo, especialmente en relación coa histiocitose.

Cando se produce unha infección da pel, as células de Langerhans próximas captan e procesan os antíxenos. As células de Langerhans derivan da diferenciación celular de monocitos co marcador Gr-1 (tamén coñecido como Ly-6G/Ly-6C). A diferenciación require estimulación polo factor estimulante de colonias CSF1. Teñen unha morfoloxía e función similares ás dos macrófagos.Clases de medicina do semestre 4 da Universidade de Uppsala, 2008. Leif Jansson A proteína langerina, tamén presente noutras células dendríticas, encóntrase nas células de Langerhans. Investigacións recentes apuntan a que esta proteína podería ter un papel especial neste tipo de células, facendo de barreira natural para a transmisión do VIH-1 por células de Langerhans. Un dos investigadores apuntou que «a langerina pode capturar virus do medio, previndo así a infección», e que «como en xeral todos os tecidos exteriores do corpo teñen células de Langerhans, cremos que o corpo humano está dotado dun mecanismo de defensa antivírica que destrúe os virus invasores».

Células dendríticas intersticiais As células dendríticas intersticiais (IDC) son un tipo de célula dendrítica achegado ás células dendríticas linfoides. Distínguense dos macrófagos tisulares polo seu fenotipo inmunolóxico, e polas súas características citoquímicas e funcionais. Foron identificadas por primeira vez no intersticio de órganos non linfoides, en forma de leucocitos tinguidos intensamente por anticorpos anti-MHC de clase II, e desde entón foron observadas en diversas especies, incluíndo Homo sapiens.

Probablemente representan unha fase de diferenciación das células dendríticas non linfoides, necesaria para a captura de antíxenos. Ao captaren o antíxeno, as IDC migran cara á rexión interfolicular dos nódulos linfáticos, onde levan a cabo a presentación do antíxeno para activar os linfocitos T. O descubrimento de que nos transplantes as IDC son o leucocito pasaxeiro dos aloenxertos, que contribúe de maneira significativa á inmunoxenicidade do enxerto, revelou que a destrución das IDC do órgano doante aumenta as probabilidades de supervivencia do enxerto.

Células veladas ou veliformes As células veladas ou veliformes deben o seu nome aos numerosos procesos en forma de veo que presentan na superficie. Encóntranse nos seos linfoides e linfáticos aferentes. Nalgúns casos, conteñen estruturas similares aos gránulos de Birbeck. Teñen unha forma triangular e representan unha fase intermedia entre as células de Langerhans (células dendríticas periféricas) e as células dendríticas interdixitadas (células dendríticas dos órganos linfáticos secundarios).Knight SC. Veiled cells--"dendritic cells" of the peripheral lymph. Immunobiology. 1984 Dec;168(3-5):349-61. PMID 6241604 . DOI: 10.1016/S0171-2985(84)80122-9

Células dendríticas interdixitadas As células dendríticas interdixitadas derivan da medula ósea. Atópanse en todo o corpo, pero sobre todo nas rexións de linfocitos T dos nódulos linfáticos, na capa linfocítica periarteriolar do bazo, o timo, as amígdalas e as placas de Peyer. A membrana plasmática é ATPase-positiva. Son as células presentadoras de antíxenos máis eficaces para os linfocitos Th0 (naïf ou virxes) e son especialmente importantes para a presentación de antíxenos víricos. Desde un punto de vista histolóxico, presentan unhas engurras típicas na membrana plasmática e un núcleo celular estraño. As células dendríticas interdixitadas non presentan gránulos de Birbeck ao microscopio electrónico. Os antíxenos procesados son presentados aos linfocitos T CD4 por medio de moléculas MHC-II. A liberación de citocinas por parte das células dendríticas leva á estimulación e proliferación dos linfocitos T. Este tipo de células presentan as moléculas coestimuladoras B7-1 e B7-2 na membrana plasmática.

Células dendríticas plasmacitoides