miniatura|dereita|Glicagón. O glicagón é unha hormona peptídica de 29 aminoácidos segregada polo páncreas, que eleva os niveis de glicosa sanguíneos. Os seus efectos opóñense aos da insulina, a cal fai diminuír os niveis de glicosa sanguíneos. O glicagón e a insulina son parte dun sistema de retroalimentación que serve para manter estables os niveis sanguíneos de glicosa. O páncreas libera glicagón cando os niveis de azucre sanguíneo (glicosa) son moi baixos. O glicagón causa que o fígado converta o glicóxeno almacenado en glicosa, a cal se libera na corrente sanguínea. Os niveis sanguíneos altos de glicosa estimulan a liberación de insulina, e esta permite que a glicosa entre nas células e sexa utilizada polos tecidos insulino-dependentes.
O glicagón pertence a unha familia de varias hormonas relacionadas (glicagón/GIP/secretina/VIP).
Fisioloxía Produción O glicagón prodúcese e segrégase nas células alfa dos illotes de Langerhans do páncreas endócrino. Nos roedores as células alfa están localizadas nas beiras externas dos illotes. Nos illotes humanos as células alfa están distribuídas por todo o illote.
Mecanismo regulador O incremento da secreción de glicagón está causado por: Diminución da glicosa do plasma sanguíneo (indirectamente). Aumento de catecolaminas: norepinefrina (noradrenalina) e epinefrina (adrenalina). Aumento dos aminoácidos no plasma (para protexerse da hipoglicemia se tomamos unha comida de composición só proteica). O sistema nervioso simpático. A acetilcolina. A colecistoquinina.
A diminución da secreción (inhibición) de glicagón está causada por: A somatostatina. A insulina (vía GABA) O aumento de ácidos graxos libres e cetoácidos no sangue. O aumento da produción de urea.
Funcións miniatura|esquerda|Células con marcaxe para o glicagón. O glicagón axuda a manter o nivel de glicosa no sangue, principalmente aumentando a glicoxenólise e a gliconeoxénese e parando a glicólise. miniatura|dereita|Modelo do glicagón, co extremo carboxilo terminal arriba e o amino terminal abaixo. A glicosa almacénase no fígado en forma de glicóxeno, que é un polisacárido formado por miles de moléculas de glicosa. Os hepatocitos do fígado teñen receptores de glicagón. Cando o glicagón se une aos seus receptores, as células hepáticas converten o glicóxeno en moléculas de glicosa, e libéranas na corrente sanguínea; esta degradación do glicóxeno denomínase glicoxenólise. Consonte as reservas de glicóxeno van sendo consumidas, o glicagón estimula ao fígado a sintetizar glicosa adicional por medio da gliconeoxénese. O glicagón detén a glicólise no fígado, facendo que os intermediarios glicolíticos sexan encamiñados á gliconeoxénese.
A produción de glicagón parece ser dependente do sistema nervioso central por medio de rutas que non están aínda definidas. Nos animais invertebrados, a extirpación do pedúnculo ocular afecta á produción de glicagón. A escisión do pedúnculo ocular en crustáceos novos produce hiperglicemia inducida polo glicagón.
Mecanismo de acción O glicagón únese ao receptor do glicagón, un receptor acoplado á proteína G, situado na membrana plasmática. O cambio conformacional no receptor activa as proteínas G, unha proteína heterotrimérica con subunidades α, β, e γ. Cando a proteína G interacciona co receptor, sofre un cambio conformacional que dá lugar á substitución dunha molécula de GDP que estaba unida á subunidade α por unha molécula de GTP. Esta substitución orixina a separación da subunidade α das subunidades β e γ. A subunidade alfa activa especificamente o seguinte encima da cascada de activación, a adenilato ciclase.
A adenilato ciclase produce AMP cíclico (AMPc), que, á súa vez, activa a proteína quinase A (ou proteína quinase dependente do AMPc). Este encima, á súa vez, activa a fosforilase quinase, a cal fosforila a glicóxeno fosforilase, converténdoa na súa forma activa chamada fosforilase A. A fosforilase A é o encima responsable da liberación de glicosa 1-fosfato do polímero de glicóxeno.
Historia Na década de 1920, Kimball e Murlin estaban estudando extractos do páncreas cando encontraron unha nova substancia con propiedades hiperglicemiantes. Describiron o glicagón en 1923. A secuencia de aminoácidos do glicagón foi descrita a finais da década de 1950. Unha comprensión máis completa das funcións fisiolóxicas do glicagón chegou na década de 1970, cando se desenvolveu o técnica do radioinmunoensaio.
Estrutura O glicagón é un polipéptido de 29 aminoácidos. A súa estrutura primaria nos humanos é: NH2-His-Ser-Gln-Gly-Thr-Phe-Thr-Ser-Asp-Tyr-Ser-Lys-Tyr-Leu-Asp-Ser-Arg-Arg-Ala-Gln-Asp-Phe-Val-Gln-Trp-Leu-Met-Asn-Thr-COOH.
O polipéptido ten un peso molecular de 3485 daltons.
Patoloxía Os niveis anormalmente elevados de glicagón poden ser causados por tumores pancreáticos, como o glicagonoma, cuxos síntomas inclúen eritema migratorio necrolítico, redución da cantidade de aminoácidos e hiperglicemia. Pode aparecer en solitario ou no contexto dunha neoplasia múltiple endócrina de tipo 1.
Aplicacións e contraindicacións O glicagón inxectable é vital en casos de hipoglicemia grave cando o afectado está inconsciente ou por outras razóns cando non se toma glicosa oralmente.
Algunhas evidencias suxiren que o glicagón podería ser beneficioso no tratamento da sobredose de beta bloqueantes.
O glicagón actúa moi rapidamente; e os seus efectos secundarios máis comúns son dores de cabeza e náuseas.
Interacción con fármacos: O glicagón interacciona só cos anticoagulantes orais, aumentando a tendencia a sangrar.
Aínda que o glicagón se use para tratar diversas formas de hipoglicemia, está totalmente contraindicado en pacientes con feocromocitoma, xa que a súa interacción cos elevados niveis de adrenalina (epinefrina) orixinados polo tumor poden producir un incremento exponencial nos niveis de azucre sanguíneos, causando un estado de hiperglicemia, o cal pode producir unha elevación da presión sanguínea con resultados fatais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Insulina Diabetes mellitus Illote de Langerhans Páncreas Cortisol
Bibliografía
Categoría:Hormonas