Lucio Serxio Catilina (en latín Lucius Sergius Catilina), nado no ano 108 a. C. e finado no ano 62 a. C., máis coñecido como Catilina, foi un destacado político romano da era tardorrepublicana, pertencente á facción dos populares. Catilina pasou á historia por ser o protagonista da chamada conxuración de Catilina, unha conspiración que, segundo as acusacións formuladas por Marco Tulio Cicerón, consistiría en destruír a república romana. Tal acusación, nos termos que foi formulada, é segundo diversos autores esaxerada e baleira de significado.diversos autores plantearon obxeccións á existencia real da conspiración, entre eles "El asesinato de Julio César: Una historia del pueblo de antigua Roma", 2005, ISBN 84-95786-72-9, que recolle opinións de Arthur D. Kahn "The education of Julius Caesar" e K. H. Walters "Cicero, Sallust and Catiline")

Catilina é unha das figuras máis enigmáticas da historia de Roma, envilecida e desdebuxada polos cronistas e historiadores clásicos. As dúas fontes principais de información sobre Catilina son precisamente as máis hostís ao personaxe. Marco Tulio Cicerón, o seu maior inimigo político, non aforrou ningunha denuncia contra el, especialmente nos seus discursos chamados Catilinarias, mentres Caio Salustio Crispo atribuíulle algúns dos máis viles crimes na súa monografía moralista Bellum Catilinae. Aínda así, moitas das peores acusacións contra el, como a de que facía sacrificios humanos, eran con moita probabilidade meras invencións. A pesar diso, a «Conxuración de Catilina» segue sendo un dos máis famosos e turbulentos feitos das últimas décadas da república romana.

Contorno familiar Catilina naceu no ano 108 a. C. (ou posiblemente pouco antes), último representante da gens Sergia, familia da máis nobre orixe patricia, aínda que de pouca fortuna social e económica. A pesar da herdanza consular da súa familia, o último Serxio que chegou a cónsul foi Cneo Serxio Fidenas, no 380 a. C.

De seu pai non sabemos moito, aínda que, a xulgar pola expresión de Cicerón (in patris egestate), debeu de ter escasos medios económicos e permanecer apartado da política. Seu bisavó, Marco Serxio Silo, pola contra, distinguiuse por participar en case todas as batallas da segunda guerra púnica.

Catilina trataría de restaurar a herdanza política da súa familia, como tamén da súa antiga situación económica.

Carreira militar miniatura|300px|Cicerón pronuncia o seu discurso contra Catilina, de Cesare Maccari. Comandante capaz, Catilina tivo unha meritoria carreira militar. Comezou desempeñando o cargo de tribuno ou prefecto das tropas auxiliares durante a Guerra Social xunto a Pompeio e Quinto Tulio Cicerón, ás ordes do cónsul Cneo Pompeio Estrabón no 89 a. C.

Tamén apoiou a Lucio Cornelio Sila na guerra civil entre os anos 84 e 81 a. C. Durante o goberno de Cinna, Catilina non desempeñou un papel fundamental, aínda que ficou nunha segura situación política. Cando Sila retornou a Italia, Catilina abrazou a súa causa, servindo no seu exército co cargo de cuestor; de igual modo, foi un destacado membro da oligarquía durante a ditadura silana, beneficiándose das proscricións. Plutarco atribúelle o asasinato de varios nobres, así como a morte do seu propio irmán e a do seu cuñado, o cabaleiro Quinto Cecilio. Outra acción que se lle atribúe igualmente foi a morte de Marco Mario Gratidiano, sobriño de Caio Mario, cuxa cabeza pasearía polas rúas de Roma e levada a un agradecido Sila.

A principios da década do 70 a. C. serviu no estranxeiro, posiblemente con Publio Servilio Vatia, en Cilicia. No ano 73 a. C. foi levado a xuízo por adulterio coa virxe vestal Fabia, aínda que Quinto Lutacio Catulo, principal líder dos optimates, testificou no seu favor e Catilina foi exculpado.

No 68 a. C. foi pretor, obtendo o goberno da provincia de África como propretor durante os dous anos seguintes. Unha vez de volta, no 66 a. C., presentouse como candidato para as eleccións consulares, último chanzo do cursus honorum. Non obstante, o cónsul Lucio Volcacio Tulo impediulle ser candidato por motivos de forma. Pouco máis tarde chegou unha delegación da provincia de África que denunciou a Catilina no senado por abuso de poder cando exerceu o seu cargo de gobernador. Catilina foi levado de novo a xuízo no 65 a. C., momento no que recibiu o apoio de moitos dos homes máis distinguidos de Roma, incluíndo moitos dos consulares. Incluso un dos cónsules daquel ano, Lucio Manlio Torcuato, amosou o seu apoio a Catilina. Cicerón considerou tamén exercer a defensa de Catilina ante o tribunal. De novo, Catilina sería exculpado, mais a súa absolución non sería suficiente para que os electores borraran del toda sospeita dos seus supostos crimes.

A primeira conxuración de Catilina

Con toda probabilidade, Catilina non estivo involucrado na que se daría en chamar Primeira Conxuración de Catilina, aínda que moitas fontes históricas implícano na mesma. Ademais, non parece suceder só nunha fonte, senón que esta implicación preséntase en todas as fontes, aínda que a pesar de todo, estímase que non é senón a reprodución dunha serie de ruxerruxes. Moita desta información pertence aos discursos de Cicerón In Toga Candida, discursos que efectuou durante a súa campaña electoral do 64 a. C.

A oligarquía decidiu retirar o seu apoio a Catilina para ulteriores candidaturas, véndose así obrigado a pasar á oposición, sendo protexido por Craso. Os candidatos a cónsules Publio Antonio Paeto e Publio Cornelio Sila (sobriño do ditador) tiveron que renunciar ao consulado acusados de suborno masivo. Deste xeito, os outros dous principais candidatos, Lucio Manlio Torcuato e Lucio Aurelio Cota serían os cónsules do ano 65 a. C. Supostamente Catilina, ofendido por non permitírselle o acceso ao consulado, conspirou con Cneo Calpurnio Pisón e os anteriores candidatos a cónsules para organizar a matanza de moitos dos senadores e dos novos cónsules o mesmo día que estes tomaban posesión dos seus cargos. Logo, eles mesmos erixiríanse como cónsules e Pisón sería enviado a Hispania para organizar as súas provincias.

Non está claro quen participou nesta conxuración, que fracasou (como un segundo intento un mes máis tarde). Catilina actuou, segundo todos os indicios, como axente de Craso a fin de que este, de ter triunfado o complot, fose nomeado ditador, con Xulio César como lugartenente.

Máis tarde, no 62 a. C., Marco Tulio Cicerón defendería a Sila ante o tribunal tras ser acusado de pertencer á recente conspiración. Finalmente, Sila foi exculpado e Cicerón recibiu un importante crédito, que investiu nunha nova vivenda.

Anos de transición

Durante o ano 64 a. C., Catilina foi aceptado de forma oficial como candidato ás eleccións consulares do ano 63 a. C. Presentouse xunto a Caio Antonio Hibrida, do que se sospeitaba que fora un dos conspiradores. A pesar diso, Catilina foi derrotado por Marco Tulio Cicerón e Caio Antonio Hibrida nas eleccións, principalmente porque a aristocracia romana temía a Catilina e aos seus plans económicos. Catilina promovía as reivindicacións da plebe xunto á súa política económica das tabulae novae, a cancelación completa das débedas.

Ese mesmo ano, Catilina fora levado de novo a xuízo, aínda que nesta ocasión, polo seu papel na represión de Sila. A instancias do cuestor Marco Porcio Catón, todos os homes que se aproveitaran da represión foron levados a xuízo. Catilina foi acusado de asasinar a Marco Mario Gratidiano, e por pasear a cabeza deste polas rúas de Roma. Outros acusábano de ter asasinado a moitos outros homes notables da cidade. A máis indignante das acusacións aseguraba que asasinara ao seu propio cuñado, e ter pedido a súa proscrición posteriormente a Sila para facer da súa morte un acto lexítimo. A pesar de todo isto, Catilina foi de novo exculpado, aínda que algúns conxecturan que esta exculpación debeuse á influencia de César, quen presidía o tribunal.

Catilina elixiu de novo optar polo consulado. Nas eleccións do ano 62 a. C., Catilina foi derrotado novamente, esta vez por Décimo Xunio Silano e Lucio Licinio Murena, o que quebrou definitivamente as súas ambicións políticas. A única posibilidade de obter o consulado era xa a través de medios ilexítimos: a conspiración ou a revolución.

A segunda conxuración de Catilina

Privado dos seus apoios políticos, Catilina derivou cara ao populismo máis exacerbado, e comezou a recrutar un nutrido grupo de homes das clases senatoriais e ecuestres, descontentos tanto coa política do Senado e de Pompeio como coa situación económica existente no momento. Publio Cornelio Léntulo Sura, o conspirador máis influente tras Catilina, obtivera o rango de cónsul no ano 71 a. C., pero foi expulsado do senado polos censores durante as purgas políticas do ano seguinte. Autronio tamén foi cómplice da conspiración, tras ter sido expulsado do goberno romano.

Promovendo a súa política de condonación de débedas, Catilina reuniu a moitos pobres baixo a súa bandeira, xunto con moitos dos veteranos de Sila. Enviou a Caio Manlio, un centurión do antigo exército de Sila, para liderar a conspiración en Etruria, onde este conseguiu reunir un exército. Enviou tamén a outros homes a tomar posicións importantes por toda a Península Itálica, e iniciou unha pequena revolta de escravos en Capua. Mentres o malestar da poboación se deixaba sentir polos campos romanos, Catilina fixo os preparativos finais para a conxura en Roma. A acción debía de iniciarse simultaneamente en varios puntos de Italia, especialmente en Etruria, onde, como puxo ao descuberto a rebelión de Lépido, existía un particular descontento entre a poboación e os veteranos. Os seus plans incluían os incendios e a matanza de senadores, tras os cales uniríase ao exército reunido por Manlio. A revolución -sempre segundo os plans iniciais- alcanzaría finalmente a cidade de Roma, onde a promesa dun programa social sostería a Catilina como ditador ou como cónsul. Para levar estes plans a cabo, Caio Vornelio e Lucio Vargunteio deberían asasinar a Cicerón no amencer do 7 de novembro do 63 a. C.

Aínda que os políticos populares como Craso e César estiveron ao corrente da conxuración, parece o máis probable que permaneceron afastados dela, por considerar os plans demasiados radicais ou difíciles de levar a cabo. Cicerón tivo, non obstante, coñecemento do que se tramaba cando Quinto Curio, un dos senadores, o alertou do perigo a través do seu amante Fulvia, o que o converteu nun dos seus informadores. Desta forma, Cicerón puido escapar dunha morte segura.

Pouco despois, Cicerón denunciaría a Catilina ante o senado no primeiro dos discursos das Catilinarias. Dese momento é unha das súas máis famosas frases: «Quousque tandem, Catilina, abutere patientia nostra?» (Até cando abusarás da nosa paciencia, Catilina?). Dise que Catilina reaccionou de forma violenta asegurando que, se el se queimaba, o faría no medio da destrución xeral. Inmediatamente despois disto, saíu en dirección á súa casa, mentres o Senado autorizaba a Cicerón facer uso do senatus consultum ultimum. Era o 22 de outubro do 63 a. C. Aquela noite, Catilina fuxiu de Roma baixo o pretexto de que se dirixía a un exilio voluntario en Masilia, mais dirixiuse cara ao campamento de Manlio en Etruria.