ICESat (acrónimo de Ice, Cloud, and land Elevation Satellite) foi un satélite artificial da NASA lanzado o 13 de xaneiro de 2003 mediante un foguete Delta II desde a base Vandenberg da Forza Aérea.
Características ICESat, baseado no bus BCP-2000, foi inxectado nunha órbita inicial de 586 km de perixeo, 594 km de apoxeo e 94 graos de inclinación orbital. Foi deseñado para determinar, mediante un láser altímetro, a masa das capas polares e a forma en que contribúen ó cambio do nivel dos océanos para axudar a modelar o comportamento futuro das capas de xeo e o nivel do mar. Como misión secundaria, o satélite mediu a altura das capas de nubes e a súa estrutura vertical, mediu a cantidade de aerosois na atmosfera, cartografiou a superficie terrestre e mediu a rugosidade, reflectividade e alturas da cuberta vexetal, das capas de neve e do xeo mariño.
O satélite alimentábase mediante paneis solares que proporcionaban 350 vatios de potencia de media. Os datos gardábanse nunha grabadora de estado sólida de 56 Gb de capacidade, suficiente para rexistrar 24 horas de datos, e transmitíanse mediante un enlace en banda X a unha velocidade de ata 40 Mbps.
ICESat foi desorbitado o 30 de agosto de 2010.
Instrumentos ICESat levaba a bordo un único instrumento: un láser altímetro denominado GLAS polo seu acrónimo en inglés (Geoscience Laser Altimeter System) que funcionaba emitindo pulsos cunha duración de 4 nanosegundos a lonxitudes de onda de 1064 nanómetros, correspondente ao infravermello, ou 532 nanómetros, correspondente a luz verde. Os fotóns reflectidos desde a Terra eran recollidos polo telescopio dun metro de diámetro de ICESat. GLAS emitía pulsos 40 veces por segundo, iluminando áreas de superficie de 70 metros de diámetro a intervalos de 170 metros.
Notas
Véxase tamén
CryoSat
Ligazóns externas Páxina de ICESat na NASA
Categoría:Satélites artificiais