Texas é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, o segundo maior estado e o maior estado norteamericano dos Estados Unidos continental. Tamén é o segundo estado máis populoso do país (por detrás de California); con aproximadamente 22 millóns de habitantes, e unha poboación crecendo rapidamente debido á inmigración.
Chámaselle Lone Star State, por causa da estrela solitaria na bandeira. A palabra Texas deriva da palabra indíxena que significa "amigos".
Xeograficamente, Texas é un estado de contrastes. Mentres as partes norte e leste do estado están cubertas por varios ríos, lagos e bosques, que posúen un clima propicio á agricultura, as partes sur e oeste do estado posúen un clima máis árido, desértico en varias rexións. Foron nestas áreas, escasamente poboadas, onde xurdiron os cowboys, coa misión de coidar o gando da rexión e defendelo dos ataques da poboación nativa. Os cowboys tornáronse rapidamente un símbolo do estado, e ata hoxe aínda existen en varias áreas rurais do estado.
Texas foi explorado e colonizado inicialmente polos españois. Pasou ao control mexicano cando México se independizou de España, en 1821. A crecente migración de norteamericanos a Texas fixo que crecesen movementos pro-secesión de Texas do México. En 1836, unha rebelión en El Álamo foi extinguida polos mexicanos, que mataron a todos os norteamericanos participantes desta rebelión - con excepción dalgunhas mulleres, meniños e escravos. Xa no mesmo ano, Texas independizouse de México, converténdose nunha república e, nove anos despois, nun estado norteamericano, sendo admitido como o vixésimo oitavo estado norteamericano da Unión en 29 de decembro de 1845.
Actualmente, a economía de Texas posúe un importante papel na economía norteamericana. Inicialmente un estado agropecuario, desde o inicio do século XX a economía do estado diversificouse, e hoxe son as industrias petrolífera e aerospacial, así como o sector financeiro, os que posúen maior importancia na economía de Texas.
Historia
Colonización española
Anteriormente á chegada dos primeiros exploradores europeos á rexión, preto de 30.000 nativos indíxenas vivían na rexión que forma actualmente Texas. A maioría das tribos indíxenas da rexión vivían de modo estable nunha rexión, mais outras tribos, especialmente aquelas que vivían nas áridas rexións de Texas, eran nómades, e cazaban bisontes para alimentárense.
Os españois comezaron a explorar a rexión a comezos do século XVI, buscando riquezas tales como ouro e prata. A maioría dos historiadores consideraron que o primeiro explorador europeo en percorrer a rexión foi o español Alonso Álvarez de Piñeda. Este foi enviado á rexión polo gobernador da Xamaica, entón colonia española, en 1519, para a exploración e o mapeo do litoral da rexión. Case unha década despois, en 1528, unha expedición española liderada por Álvar Núñez Cabeza de Vaca viaxou entre o litoral de Texas ata unha vila mexicana próxima ao océano Pacífico. A expedición durou un total de oito anos. Cabeza de Vaca e os seus homes trouxeron historias de míticas cidades de gran riqueza, que estarían localizadas ao norte da ruta tomada pola súa expedición. Estas cidades, segundo Cabeza de Vaca, eran as Sete Cidades de Cibola.
O goberno colonial español tomou a serio as noticias de Cabeza de Vaca, e organizou varias expedicións - partindo de Cidade do México - cuxo obxectivo era localizar estas míticas cidades. Mais o máximo que estas expedicións atoparían serían pequenas vilas indíxenas, e non as grandiosas cidades descritas por Cabeza de Vaca. De calquera maneira, as expedicións axudaron a reforzar as reivindicacións españois sobre Texas, así como as rexións que constitúen actualmente os estados norteamericanos de Nevada e Novo México. En 1682, os españois construíron os primeiros asentamentos permanentes en Texas, próximos á actual cidade de El Paso.
Tres anos despois, o francés René Robert Cavelier de La Salle tentou establecer un asentamento francés no litoral de Texas, mais as tempestades tropicais impediron que cumprise seu obxectivo. Porén, Cavelier decidiu explorar o interior de Texas, onde fundou un asentamento francés, chamado Fort St. Louis. Cavelier continuou explorando Texas en busca de riquezas, mais os seus homes rebeláronse e matárono. Os homes regresaron a Fort St. Louis, onde ataques indíxenas os forzaron a recuar. Cos navíos de Cavelier destruídos por tempestades e polos indíxenas, os colonos que permaneceron foron mortos polos estes.
Os españois, alarmados polas exploracións de Cavelier, aumentaron o número de expedicións na rexión e fundaron máis asentamentos. En 1718, os españois construíron o forte de San Antonio de Bexas, que despois sería coñecido como El Álamo. Este forte foi construído para defender unha vila construída tamén en 1718, que se chamaba San Antonio de Valero, que se convertería na actual cidade de San Antonio. A cidade converteuse en 1772 na capital da recentemente fundada colonia española de Texas. En 1793, Texas tiña unha poboación de aproximadamente 7.000 españois.
En 1821, México declarou a independencia de España e pasou a formar parte do Imperio do México que, dous anos despois, en 1823, tornaríase nos actuais Estados Unidos de México.
Texas baixo control mexicano
Co Destino Manifesto e a expansión dos Estados Unidos de América en dirección ao oeste, rumbo ao océano Pacífico, asentadores norteamericanos pasaron a poboar Texas, daquela un estado mexicano, en número cada vez maior. O goberno mexicano permitiu inicialmente que algúns empresarios norteamericanos comprasen terras en Texas e, en 1820, que o banqueiro norteamericano Moses Austin establecese unha colonia de norteamericanos no norte de Texas. Porén, Moses morreu aínda no mesmo ano e o seu fillo, Stephen Austin, continuou cos plans do pai, traendo 300 familias norteamericanas ao leste de Texas e fundado as vilas de Washington-on-the-Brazos e Columbus. Outros empresarios norteamericanos construíran outras colonias norteamericanas no estado. No inicio da década de 1830, Texas tiña preto de 30.000 colonos norteamericanos.
En 1830, o goberno mexicano interrompeu a inmigración norteamericana cara Texas, facendo que as relacións entre os asentadores norteamericanos e os mexicanos en xeral empeorasen rapidamente. En 1834, coa ascensión do ditador Antonio López de Santa Anna ao poder, os colonos norteamericanos rebeláronse, desencadeando a Revolución de Texas.
República de Texas 250px|dereita|miniatura|Sam Houston lidera as tropas texanas para a vitoria na Batalla de San Jacinto.
Tropas rebeldes invadiron e conquistaron a capital de Texas o 11 de decembro de 1835. Esta vitoria rebelde alarmou a Santa Anna, que creou unha gran forza militar. Mentres, estas tropas rebeldes tomaron posicións defensivas en El Álamo - anteriormente o Forte de San Antonio de Bejar. Unha forza mexicana de 1.600 soldados atacou o forte o 23 de febreiro de 1836 e, despois de dúas semanas de cerco, as tropas mexicanas conquistaron o forte o 6 de marzo, matando os 250 rebeldes. Mentres, os rebeldes declararon a independencia na cidade de Washington-on-the-Brazos.
En 27 de marzo, o xeneral Santa Anna decidiu executar friamente na vila de Goliad a 330 rebeldes que foran capturados en batallas anteriores. Os rebeldes, inspirados por estas derrotas, e baixo o grito de guerra "Lembre El Álamo! Lembre Goliad!", atacaron o 21 de abril unha das forzas de Santa Anna composta por 1.200 soldados e era liderada por el mesmo. Os rebeldes - liderados por Sam Houston, un dos líderes da revolución - venceron a batalla, coñecida como Batalla de San Xacinto, e capturaron a Santa Anna, garantindo así a independencia de Texas. Os mexicanos non recoñeceron a independencia de Texas, aínda que recibiu recoñecemento dos Estados Unidos, do Reino Unido, da Francia e dos Países Baixos. En 1839, Austin foi escollida como a capital definitiva de Texas. Sam Houston e Stephen Austin son considerados os Pais da República de Texas, e, posteriormente, do Estado de Texas. Dúas cidades do estado, Houston -actualmente, a maior cidade de Texas- e Austin -a actual capital do estado- foron nomeadas en homenaxe a estes militares.
A poboación de Texas escolleu a Sam Houston como presidente da nova república. Texas, entón, enfrontaba serios problemas económicos, alén de continuos -aínda que pequenos- ataques indíxenas e mexicanos. A poboación de Texas quería que os Estados Unidos anexasen Texas, unha vez que a maioría da poboación da república era de ascendencia norteamericana. Porén, os Estados Unidos estaban divididos: o Sur quería que Texas -unha república escravista-, fose anexado, o Norte abolicionista non, porque temía un desequilibrio entre o Norte e o Sur. Alén diso, potencias europeas tales como a Francia e o Reino Unido opuxéronse a esta anexión, temendo que os Estados Unidos se tornase poderoso de máis. Así, durante dez anos Texas continuou a ser un país independente. Durante este período, a poboación de Texas creceu considerabelmente. Un estado predominantemente agrícola creou unha lei chamada Homestead Act, que impedía que as facendas fosen vendidas como pagamento de débedas, Esta lei posteriormente espallouse a varios estados norteamericanos.
1845 - 1900
O 29 de decembro de 1845, Texas converteuse no vixésimo oitavo estado norteamericano e México rompeu relacións diplomáticas cos Estados Unidos. Por causa de disputas territoriais sobre Texas e outros territorios e estados norteamericanos -particularmente, California- México declarou a guerra contra os Estados Unidos en 1846, sendo derrotado dous anos despois, na guerra mexicano-americana. Baixo os termos do Tratado de Guadalupe Hidalgo, México cedeu unha grande área aos Estados Unidos e cesou coas disputas territoriais sobre Texas.
Despois da guerra, Texas reivindicou moitas das áreas que foron cedidas por México. Aínda en 1850, o goberno dos Estados Unidos pagou a Texas 10 millóns de dólares -que foron usados polo goberno de Texas principalmente para o pagamento de débedas xa existentes- nun tratado en virtude do cal Texas cesaba con estas disputas territoriais. Alén diso, áreas ao norte de Texas foron divididas e anexadas por outros estados norteamericanos. Texas reorganizouse en 89 condados diferentes, e prosperou economicamente, atraendo así moitos inmigrantes, especialmente alemáns.
En 1861, o abolicionista Abraham Lincoln foi elixido como presidente dos Estados Unidos de América. Tanto o goberno como a maioría da poboación de Texas apoiaban a secesión, e nese mesmo ano, o estado saíu da Unión, xuntándose aos Estados Confederados de América. Algúns meses despois, comezou a Guerra Civil Americana e Texas serviu como fornecedor de materias primas para a Confederación; preto de 50.000 soldados de Texas loitaron contra forzas do Norte. Os Estados Unidos de América tentaron por diversas veces invadir e conquistar Texas, mais non tiveron suceso. En 1865, co fin da guerra, Texas, agora un territorio norteamericano, foi gobernado por un goberno militar. O 30 de marzo de 1870, Texas foi readmitido como un estado dos Estados Unidos.
A gandería tornouse unha das principais fontes de renda do estado despois do fin da guerra de secesión: desde o nordeste do estado, a práctica da gandería espallouse gradualmente ao resto do estado. Os constantes ataques indíxenas e a asimilación de varios aspectos da cultura mexicana por parte da poboación de Texas foron unha das razóns da popularización dos cowboys - vaqueiros -, homes que guiaban as mandas de bovinos e cabalos e ao mesmo tempo as defendían de ladróns e de ataques indíxenas.
A finais do século XIX, Texas xa tiña unha malla ferroviaria eficiente e de grande extensión. Esta malla ferroviaria axudou no poboamento do oeste americano ao longo das primeiras décadas do século XX. En 1900, un furacán abateuse sobre o estado, causando grandes prexuízos e matando máis de 6 mil persoas.
1900 - 1950