St. Louis (en francés: Saint-Louis ou St-Louis) é unha cidade estadounidense situada na fronteira oriental de Missouri, e é a segunda maior cidade do estado. Cunha poboación de 318 069 en xullo de 2011 foi a 58ª cidade estadounidense en 2010 segundo o Censo dos Estados Unidos. A área estatística combinada (CSA) de Greater St. Louis ten unha poboación de 2 882 932 habitantes e é a 15ª maior do país e a maior en Missouri.

A cidade de St. Louis foi fundada en 1764 por Pierre Laclède e Auguste Chouteau, e despois da compra de Luisiana, converteuse nun importante porto no río Mississippi. A súa poboación expandiuse despois da guerra civil americana, e converteuse na cuarta cidade máis grande dos Estados Unidos no século . Separouse de St. Louis County en marzo de 1877, o que permitiu que se convertese nunha cidade independente e que se limitasen as súas fronteiras políticas. En 1904, foi sede da feira mundial e dos Xogos Olímpicos. A poboación da cidade alcanzou o seu punto máximo en 1950, e logo comezou un longo declive que continúa no século XXI.

A economía de St. Louis baséase no servizo, a fabricación, o comercio, o transporte de mercancías e o turismo. A cidade é o fogar de varias corporacións, incluíndo Peabody Energy, Ameren, Ralcorp e Sigma-Aldrich. En St. Louis teñen tres equipos deportivos profesionais: O St. Louis Cardinals, un dos maior éxito da Liga de Béisbol, no hóckey o St. Louis Blues e no fútbol americano o St. Louis Rams. A cidade identifícase de xeito maioritario co arco da entrada, parte do Jefferson National Expansion Memorial no centro de St. Louis.

Historia 300px|miniatura A área que se convertería en St. Louis era o centro da cultura nativa americana do Mississippi, onde foron construídos numerosos templos e residencias movendo a terra da rexión, dando lugar á súa denominación popular Mound City. A exploración europea da zona comezou en 1673, cando os exploradores franceses Louis Jolliet e Jacques Marquette viaxaron polo val do río Mississippi. Cinco anos máis tarde, La Salle reclamou a rexión para Francia como parte da Luisiana francesa.

Os primeiros asentamentos da zona construíronse en Illinois (tamén coñecido como o Alto de Luisiana) durante a década de 1700 e principios de 1760 en Cahokia, Kaskaskia e Fort de Chartres. Os emigrantes dos pobos orientais franceses fundaron Ste. Genevieve, Missouri, a través do río Mississippi dende Kaskaskia, xa a principios de 1764, Pierre Laclede e o seu fillastro Auguste Chouteau fundaron a cidade de St. Louis.

Dende 1764 ata 1803 o control europeo da zona oeste de Mississippi na parte máis setentrional da conca do río Missouri, chamada Luisiana, foi asumido polos españois como parte do Vicerreinado da Nova España. En 1780, St. Louis foi atacado polas forzas británicas, na súa maioría indíxenas estadounidenses, durante a Guerra da Independencia.

Século XIX St. Louis transferiúselle a Francia en 1800, e logo foi vendido aos Estados Unidos en 1803 como parte da compra de Luisiana, e a cidade converteuse na capital territorial. Pouco despois da compra, a expedición de Lewis e Clark deixou St. Louis en maio de 1804, alcanzando o océano Pacífico no verán de 1805 e regresando o 23 de setembro de 1806. Tanto Lewis como Clark quedaron a vivir en St. Louis. Moitos exploradores, tanto colonos coma cazadores (como Ashley Hundred) máis tarde tomaron unha ruta similar á de Occidente. A cidade elixiu os primeiros lexisladores municipais (denominados administradores fiduciarios) en 1808.

Os barcos de vapor apareceron por primeira vez en St. Louis en 1818, mellorando as conexións con Nova Orleáns e os mercados orientais. Missouri converteuse en estado en 1821, e a capital trasladouse a St. Louis, que foi incorporada como cidade en 1822 e continuou medrando grazas ás conexións portuarias.

Os inmigrantes de Irlanda e Alemaña chegaron a St. Louis en masa a partir da década de 1840, e a poboación da cidade medrou de menos de 20 000 en 1840 a 77 860 en 1850, e a máis de 160 000 en 1860. A mediados da década de 1800, St. Louis tiña unha poboación maior cá de Nova Orleáns. St. Louis é a cidade máis grande que foi controlada polos franceses na Luisiana francesa.

Durante a Guerra Civil Americana foi lugar de importantes divisións, pero non de combates que se deron en 1861 no Campamento Affair Jackson. A guerra case arruinou economicamente a cidade debido ao bloqueo do tráfico fluvial. Finalmente St. Louis saíu ben parada grazas á construción da primeira ponte (Eads) da zona sobre o río Mississippi en 1874.

O 22 de agosto de 1876, a cidade de St. Louis, votou separarse do Condado, e converterse en cidade independente. A súa enorme produción indrustrial continuou ao largo do século XIX, sendo lugar de empresas de renome. Tamén alí foi construído o Wainwritight Building, un rañaceos de principios de 1892.

Século XX En 1904, a cidade foi sede da Exposición Mundial e dos Xogos Olímpicos, converténdose na primeira cidade americana que organizou os Xogos. As ganancias da cidade proveñen principalmente da feira Forest Park, do St. Louis Art Museum, o Zoo de St. Louis e o Museo de Historia de Missouri.

A discriminación, a segregación e restricións por causas raciais ou relixiosas era común na década de 1910 nesta cidade. A NAACP loitou contra estas causas durante a segunda guerra mundial e en 1970 continuábase a loitar contra elas.

Ao longo dos anos, a poboación aumentaba significativamente con motivo das empresas que se creaban en St.Louis, chegando aos 856 796 habitantes. Hoxe en día a cidade céntrase máis na renovación urbana, o que lle permitiu obter o premio en 2006 ao Liderado Mundial en favor desta causa.

Xeografía Topografía Segundo o United States Census Bureau, St. Louis ten unha superficie total de 171,3 km² (dos cales 160,4 km² de terra e 11 km² de auga).

A cidade está construída principalmente en acantilados e socalcos que se elevan por encima dos 100-200 metros da ribeira oeste do río Mississippi. Gran parte da zona é unha terra chá fértil e que ten pequenos montes e vales amplos e pouco profundos. Tanto o río Mississippi coma o Missouri cortaron grandes vales de forma ancha.

A maioría da pedra é calcaria e dolomita. Existen covas, pero a maioría foron cerradas. Algúns mananciais seguen sendo visibles. O carbón, o barro e o mineral de millerita extráense da cidade. O río Peres é practicamente o único que se atopa dentro dos límites da cidade, que ocasionou en 1993 unha Grande Inundación.

A fronteira leste da cidade é o río Mississippi, que tamén separa Missouri de Illinois. O río Missouri forma a fronteira norte do condado de St. Louis, a excepción dunhas poucas áreas onde o río cambiou o seu curso. O río Meramec forma a maior parte da fronteira sur de St. Louis.

Clima (Datos obtidos do Aeroporto Internacional de St. Louis.) 300px|miniatura St. Louis atópase na zona de transición entre un tipo de clima continental húmido e un tipo de clima subtropical húmido, nin as grandes montañas nin as grandes masas de auga conseguen moderar a temperatura. Está suxeito ao frío aire ártico xunto ao aire quente e húmido tropical do golfo de México.

A cidade ten catro estacións moi ben diferenciadas. A primavera é a estación máis húmida, cun mal tempo que nos leva dende os tornados ata as tormentas invernais. Os veráns son quentes e húmidos; as temperaturas van dende os 32 °C (que se producen 35 ou 40 días ao ano) ata os 38 °C (nunha media de 5 días). O outono é morno, cunha humidade máis baixa que pode producir episodios intermitentes de fortes choivas coas primeiras neves que normalmente caen a mediados ou finais de novembro. Os invernos son fríos e con neve, con temperaturas baixo cero. As tormentas do inverno poden ser de choiva intensa conxelada, sarabia ou neve. A temperatura media anual rexistrada no Aeroporto Internacional de St. Louis é de 14 °C e as precipitacións de 1.040 mm. A temperatura máis alta en xullo é de 32 °C e a baixa en xaneiro é de -5 °C, aínda que varía de ano en ano. As temperaturas extremas tanto baixas coma altas, danse soamente uns 3 días ao ano. O rexistro máis baixo deuse o 23 de decembro de 1989 de -27 °C e o rexistro máis alto deuse o 14 de xullo de 1954 con 46 °C. O mes de xullo de 2012 foi o máis caloroso en 138 anos, cunha media de 31 °C. O inverno é a estación máis seca, con 191 mm de precipitación. As nevadas estacionais miden ata 50 cm. A primavera é a temporada máis húmida, con 297 mm de precipitación. Os períodos secos duran unha ou dúas semanas, e son comúns durante as estacións de crecemento. St. Louis sofre tormentas durante uns 48 días ao ano de media, normalmente en primavera e poden ser moi duras, con refachos de vento moi forte, pedrolos de sarabia e tornados (dos que algúns teñen historias bastante prexudiciais). Cando, nalgúns outonos continúa o clima cálido coñecido como verán de San Martiño, algunhas rosas continúan en flor ata case principios de decembro.

Flora e fauna Antes da fundación da cidade, a zona era de pradaría e bosque aberto, mantidos pola queima dos nativos americanos. As árbores son principalmente de carballo, pradairo e nogueira, parecido aos bosques das montañas de Orzak. As zonas da ribeira son boscosas, de sicómoro estadounidense principalmente. St. Louis é a cidade que está máis ao norte na que se poden cultivar palmeiras durante todo o ano.

Na maior parte da zona residencial da cidade, plántanse árbores grandes que fagan sombra e que sexan autóctonos. A maior área de bosque autóctono atópase no Forest Park. En outono, o cambio de cor das follas nótase moito. A maioría das especies son típicas do leste, aínda que numerosas especies son invasoras, coma a madreselva xaponesa, que trata de retirarse dos parques.

Os grandes mamíferos que se encontran na cidade son coiotes e veados de cola branca, roedores como o esquío gris oriental e o coello de cola de algodón, así como a Didelphis virginiana. As aves grandes son abundantes nos parques, como o ganso do Canadá e o lavancos, así como aves costeiras como a garza branca ou a garza cinza. As gaivotas son comúns ao longo do río Mississippi, xa que estas especies seguen o tráfico de barcazas. En inverno, atópanse poboacións de aguias calvas xunto ao río Mississippi, en torno á ponte de Chain of Rocks. A cidade está na ruta migratoria do Mississippi, utilizada por aves migratorias, e ten unha gran variedade de especies de aves pequenas, comúns ao leste dos Estados Unidos. O pardal orelleiro, unha especie introducida, limítase en América do Norte aos condados dos arredores de St. Louis. Tower Grove Park é unha área de observación de aves moi coñecida na cidade. As ras atópanse de xeito común na primavera, sobre todo despois de extensos períodos húmidos. As especies comúns inclúen o sapo Anaxyrus americanus e as ras Pseudacris crucifer, que se atopan na primavera en case todos os estanques. Ao redor destes lugares atopamos tamén xoaniñas e carricantas. Os mosquitos e as moscas domésticas comúns son moi abundantes, polo que os edificios adoitan contar con pantallas protectoras. As poboacións invasoras de abellas diminuíron moito nos últimos anos, e numerosas especies nativas de insectos polinizadores recuperáronse para encher o seu nicho ecolóxico.

Demografía St. Louis medrou lentamente ata a Guerra Civil Americana, cando a industrialización e a inmigración provocou un "boom" e alcanzou o máximo pico de poboación en 1950. Este ano, a Oficina do Censo informou de que a poboación de St. Louis era un 82% branca e un 17,9% afroamericana. Despois da segunda guerra mundial, St. Louis comezou a perder poboación dos suburbios, en primeiro lugar debido á crecente demanda de novas vivendas.