O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland),No Reino Unido e as súas dependencias, outras linguas ademais do inglés son recoñecidas como linguas rexionais. Nalgunhas delas o nome oficial do Reino Unido é: En córnico: Rywvaneth Unys Breten Veur ha Kledhbarth Iwerdhon. En escocés: Unitit Kinrick o Great Breetain an Northren Irland. En gaélico escocés: Rìoghachd Aonaichte na Breatainne Mòire is Èireann a Tuath. En galés: Teyrnas Unedig Prydain Fawr a Gogledd Iwerddon. En irlandés: Ríocht Aontaithe na Breataine Móire agus Thuaisceart Éireann. ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo mar do Norte, ao sur pola canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado ao rei Carlos III. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Etimoloxía O nome oficial do país é Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), sendo Reino Unido a forma abreviada máis habitual. O nome foi proposto por primeira vez no Acta de Unión de 1707, na que os reinos de Inglaterra e Gales decidiron constituír un novo reino xunto con Escocia, o cal tería o nome de "Reino Unido de Gran Bretaña". Máis tarde, co Acta de Unión de 1800 a illa de Irlanda pasou a formar parte do país, polo que o nome cambiou a "Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda". En 1927, cando a República de Irlanda obtivo a súa independencia, o país obtivo o seu nome actual "Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte".

A miúdo é denominado polo nome da illa que comprende a maior parte do seu territorio, Gran Bretaña, ou tamén, por extensión, polo nome dun dos seus países constituíntes, Inglaterra. O xentilicio do Reino Unido, así como o da illa de Gran Bretaña é británico, aínda que tamén por extensión, en galego, adóitase usar na fala corrente o xentilicio inglés.

Historia

Antes de 1707

Os primeiros seres humanos anatomicamente modernos chegaron ao territorio no que hoxe se asenta o Reino Unido hai uns 30.000 anos. Ao final do período prehistórico británico, crese que a poboación pertencía, na súa meirande parte, a unha cultura chamada "céltica insular", que comprendía aos bretóns británicos e os gaels irlandeses. A conquista romana, a partir do ano 43 d.C., levou á creación da provincia romana de Britania, que durou 400 anos no sur da illa. A era romana foi seguida por unha invasión de colonos xermánicos anglosaxóns, o que produciu que o territorio ocupado polos bretóns pasase a ser principalmente o que hoxe é Gales, emigrando no século V cara á Bretaña francesa e Galicia. A rexión poboada polos anglosaxóns unificouse como Reino de Inglaterra cara ao século X. Mentres tanto, o gaélico falantes do noroeste de Gran Bretaña (Dál Riata), con conexións co nordeste de Irlanda e, onde tradicionalmente se supón que emigraron no século V, uníronse aos pictos para crear o Reino de Escocia no século IX.

En 1066 os normandos invadiron Inglaterra e, despois da súa conquista, apoderáronse de gran parte de Gales e Irlanda, e asentáronse en Escocia, introducindo en cada país o modelo feudal do norte francés e a cultura franco-normanda. As elites normandas influenciaron moito ás culturas locais, aínda que tamén asimilando. Posteriormente os reis medievais ingleses completaron a conquista do País de Gales e fixeron unha tentativa, finalmente infrutuosa, de anexar Escocia. A partir de entón, os escoceses mantiveron a súa independencia, aínda que en constante conflito con Inglaterra. Os monarcas ingleses, a través da herdanza de importantes territorios en Francia e reclamación polo trono francés, estiveron tamén involucrados en conflitos en Francia, sendo o máis coñecido a Guerra dos Cen Anos.

A Idade Moderna viviu un conflito relixioso como resultado da Reforma e a introdución das igrexas protestantes estatais en cada país. Gales incorporouse totalmente no Reino de Inglaterra, e Irlanda constituíuse nun reino de unión persoal coa coroa inglesa. No territorio que no futuro se convertería en Irlanda do Norte, as terras da independente nobreza católica gaélica foron confiscadas e entregadas a colonos protestantes de Inglaterra e Escocia. En 1603, os reinos de Inglaterra, Escocia e Irlanda ficaron unidos baixo unha unión persoal, cando Xacobe VI, rei dos escoceses, herdou as coroas de Inglaterra e Irlanda, e trasladou a corte de Edimburgo a Londres. Porén, cada un dos países seguía a ser unha entidade política separada, mantendo as súas propias institucións políticas. Na segunda metade do século XVII, os tres reinos involucráronse nunha serie de guerras entre eles (incluíndo a Guerra Civil inglesa), que levaron ao derrocamento temporal da monarquía e o establecemento dunha república unitaria de curta duración, a Mancomunidade (Commonwealth) de Inglaterra, Escocia e Irlanda. Con todo, a monarquía foi restaurada e, a diferenza de gran parte do resto de Europa, sen prevalecer o absolutismo real, grazas á Revolución Gloriosa. A Constitución Británica desenvólvese sobre a base dunha monarquía constitucional e un sistema parlamentario. Durante este período (en plena era dos descubrimentos), particularmente en Inglaterra, desenvolveuse un gran poder naval dirixido ao asentamento e a anexión de colonias de ultramar, sobre todo en América do Norte.

Despois da Lei de Unión de 1707

O 1 de maio de 1707, foi creado o Reino de Gran Bretaña coa unión política dos Reinos de Inglaterra e Escocia como resultado do Tratado de Unión asinado o 22 de xullo de 1706, e a súa ratificación polos parlamentos de ambos países, dando paso á o Acta de Unión de 1707, isto sucedeu nun tempo no que Escocia estaba na ruína económica; e a decisión foi pouco popular na ampla poboación escocesa. Os Reinos de Inglaterra e Escocia, xunto co Reino de Irlanda, xa compartían o mesmo rei dende a Unión das Coroas de 1603, cando Xacobe VI de Escocia herdou o reino inglés e irlandés, trasladando a súa corte dende Edimburgo a Londres.

No seu primeiro século, o Reino Unido xogou un importante rol no desenvolvemento das ideas occidentais do sistema parlamentario así como facendo importantes contribucións á literatura, ás artes e as ciencias. Ademais os británicos lideraron a Revolución Industrial, que transformou ao Estado alimentando ao crecente Imperio Británico. Durante este tempo o Reino Unido, ao igual que outras grandes potencias, estivo involucrado na explotación colonial, incluíndo o tráfico de escravos. Con todo, foi o propio Reino Unido uns dos pioneiros na prohibición do tráfico humano coa Acta para a Abolición do Comercio de Escravos de 1807. As colonias en América do Norte eran o principal foco da actividade colonial británica. Con todo, as súas perdas logo da guerra da independencia americana, dirixiron a súa ambición imperial a outras partes do mundo, especialmente nas Indias.

En 1800, en plena guerra contra Francia, os Parlamentos de Gran Bretaña e de Irlanda aprobaron unha Lei de Unión que unía aos dous reinos creando o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda. A unión fíxose efectiva o 1 de xaneiro de 1801. Esta tamén foi unha decisión impopular, levándose a cabo xusto despois da infrutuosa Rebelión dos Irlandeses Unidos de 1798. A ocasión elixida para esta unión, cando se temeu unha intervención ou invasión napoleónica, foi debida sobre todo a problemas de seguridade.

Despois da derrota de Francia nas guerras revolucionarias e napoleónicas (1792-1815), o Reino Unido xurdiu como a principal potencia naval e económica do século XIX (con Londres como a cidade máis grande do mundo entre 1830 e 1930) manténdose como unha das primeiras potencias até mediado o século XX. Invicta no mar, Gran Bretaña adoptou o papel de policía global, un estado das cousas máis tarde coñecido como a Pax Britannica. Tamén foi un período de rápidos crecemento económico, colonial e industrial. Gran Bretaña foi descrita como o "taller do mundo", e o Imperio Británico expandiuse para incluír á India, gran parte de África, e moitos outros territorios en todo o mundo. Xunto co control formal que se exerce sobre as súas propias colonias, a posición dominante de Gran Bretaña no comercio mundial significou o seu control efectivo sobre a economía doutros moitos países, como a China, Arxentina e Tailandia. No plano interno, produciuse un cambio ao libre comercio. O país experimentou un aumento enorme poboación durante o século, acompañado dunha rápida urbanización, o que resultou en importantes tensións sociais e económicas. A finais do século, outros estados comezaron a desafiar o dominio industrial de Gran Bretaña.

O Reino Unido, xunto co Imperio Ruso, Francia e,despois de 1917, os Estados Unidos, foi unha das grandes potencias que se opuxeron ao Imperio Alemán e os seus aliados na primeira guerra mundial (1914-1918). Despois da contenda, o país sufriu un número estimado de dous millóns de mortes e terminou cunha enorme débeda nacional. Despois da guerra o Reino Unido recibiu o control da Liga das Nacións sobre as ex-colonias alemás e otomás, polo que o Imperio Británico ampliouse até a súa maior extensión, que abarcaba unha quinta parte da superficie mundial e un cuarto da súa poboación. Con todo, o auxe do nacionalismo irlandés e as disputas sobre os termos da Acta de Goberno de Irlanda, nos termos da autonomía irlandesa, levaron finalmente á partición da illa en 1921, no independente Estado Libre Irlandés e en Irlanda do Norte, parte do Reino Unido. Como resultado disto a nomenclatura do Reino Unido foi cambiada en 1927 adoptando o actual nome do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte. A Gran Depresión (1929-1932) produciuse nun momento no que o Reino Unido aínda estaba lonxe de recuperarse dos efectos da guerra, o que levou a unha inestabilidade política e social.