O bisonte das estepas ou estepario (Bison priscus), foi unha especie de bisonte, hoxe extinta, que habitou en gran parte de Europa, Asia Central, Rusia, Manchuria e Norteamérica durante o Plistoceno. É probábel que evolucionara orixinalmente en Asia, ao igual que moitos bóvidos actuais e outros elementos da fauna da última glaciación cos que compartiu hábitat.

Os bisontes das estepas eran animais similares aos actuais bisontes europeos, pero moito máis grandes e robustos, de cornos moito máis longos, e adaptados á vida en espazos abertos como as estepas e os límites da tundra.

As súas relacions coas especies de bisontes actuais non están totalmente claras, aínda que tende a asumirse que a especie deu orixe ao actual bisonte europeo a comezos do Holoceno a partir de formas menores como Bison priscus mediator, que se adaptaron ao novo medio máis cálido e boscoso que empezaba a substituír a tundra-estepa glacial en Europa. As subespecies xigantes de Asia e Norteamérica, como Bison priscus gigas, desapareceron sen descendencia ou deron lugar ao actual bisonte americano (Bison bison).Edward L. C. Verkaar, Isaäc J. Nijman, Maurice Beeke, Eline Hanekamp and Johannes A. Lenstra. Maternal and Paternal Lineages in Cross-Breeding Bovine Species. Has Wisent a Hybrid Origin?

En 1979 desenterrouse en Alasca o corpo conxelado dun macho de bisonte das estepas ao que se alcumou Blue Babe debido á cor azulada que tomara a súa carne durante o proceso (e porque, no folclore estadounidense, Blue Babe é un xigantesco touro azul, mascota do leñador Paul Bunyan). O animal presentaba evidencias de que fora cazado por un pequeno grupo de leóns americanios (Panthera leo atrox) Subespecie extinta do verdadeiro león, Panthera leo, non confundir co chamado ás veces león americano, o puma (Puma concolor). que o deberon abandonar poucas horas despois debido a que o cadáver comezara a conxelarse rapidamente (probabelmente, debido á caída da noite). Posteriormente chegou outro león que rompeu un dente ao intentar morder o corpo conxelado. Os científicos da Universidade de Alasca que encontraron a Blue Babe tiveron a ocasión de probar a súa carne e acharon que se preservara de forma aceptábel, con só un lixeiro sabor a terra.

Existen evidencias de que, ademais do león, o home primitivo era un cazador habitual desta especie.

Os bisontes das estepas aparecen frecuentemente representados en pinturas rupestres de Francia e España, como nas das covas de Lascaux, Villairs, Font de Gaume e, especialmente, na de Altamira.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Bisonte Bisonte americano Bisonte europeo

Categoría:Bovinos Categoría:Animais descritos en 1827