Clementine foi unha sonda espacial da NASA en colaboración coa BMDO lanzada o 25 de xaneiro de 1994 mediante un foguete Titan II SLV desde a Base Vandenberg da Forza Aérea para o estudo da Lúa e para probar novos sensores e compoñentes expostos ó espazo. No seu momento supuxo a primeira misión estadounidense á Lúa en 25 anos.
Características Clementine foi un proxecto da NASA e a Ballistic Missile Defense Organization para probar novos sensores e compoñentes para naves espaciais e para facer observacións científicas da Lúa e do asteroide 1620 Geographos. As observacións do asteroide non puideron ter lugar debido ao fallo do ordeador da nave o 17 de maio de 1994. As observacións da Lúa incluíron 1,6 millóns de fotografías en varias lonxitudes de onda no visible, no ultravioleta e no infravermello, altimetría mediante láser, gravimetría e medicións de partículas cargadas.
A nave tiña forma de prisma octogonal de 1,88 metros de alto e 1,44 metros de ancho con dous paneis solares saíndo de lados opostos do octógono. Nun extremo do prisma situábase a antena de alta ganancia de 1,1 m que transmitía en banda S a unha velocidade de ata 128 kbps e no outro extremo atopábase o motor de 489 N de impulso. As aperturas para tódolos sensores localizábanse nunha das caras do octógono, a 90 graos dos paneis solares e protexidos por un cobertor. A propulsión da sonda estaba composta por un sistema de control de actitude alimentado con hidracina e un sistema de propulsión principal bipropelente para manobras no espazo alimentado con tetróxido de nitróxeno e monometil hidracina. O control de actitude era levado a cabo por 12 pequenos propulsores, con dúas cámaras seguidoras de estrelas e dúas unidades de guiado inercial proporcionando a información de posición.
Clementine estabilizábase nos tres eixos unha vez en órbita lunar mediante volantes de inercia cunha precisión de 0,05 graos no control de actitude e 0,03 graos na determinación da posición. Os paneis solares, de arseniuro de galio e xermanio, alimentaban unha batería de hidruro de níquel cunha capacidade de 15 amperios-hora. O control e comando a bordo corría a cargo dun procesador MIL-STD-1750A. Os datos podíanse gardar a bordo nunha grabadora de estado sólido de 2 Gbit de capacidade.
Instrumentos Clementine levaba a bordo sete experimentos, que conformaban unha carga útil de 8 kg, consumindo 68 vatios:
Unha cámara para o visible e o ultravioleta. Unha cámara para o infravermello próximo. Unha cámara para o infravermello remoto. Unha cámara de alta resolución. Dúas cámaras seguidoras de estrelas. Un altímetro láser. Un telescopio de partículas cargadas.
Perfil da misión A misión de Clementine tivo lugar en dúas fases. Despois do lanzamento fixo dous sobrevoos da Terra antes da inserción en órbita lunar, desde a cal cartografiou a superficie durante dous meses, despois dos cales partiu de novo cara a Terra, á que sobrevoou outras dúas veces antes de dirixirse cara ao asteroide Geographos, chegando tres meses máis tarde pero non sendo capaz de facer observacións debido a un problema do ordenador de a bordo que provocou que a sonda xirase sobre si mesma a 80 r.p.m. Despois do fallo a nave foi posta nunha órbita xeocéntrica, facéndoa pasar a través dos cintos de Van Allen para probar os seus compoñentes. A misión rematou en xuño de 1994, ao baixar a enerxía por debaixo do punto no que a telemetría era comprensible.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Sondas espaciais