José Ramiro Iglesias Covelo, nado na Coruña o 1 de setembro de 1963, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.

Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña, debutando co Fabril na tempada 1979/80, na Terceira División. Debutou co primeiro equipo do Deportivo o 26 de outubro de 1980, con 17 anos e 55 días, nun derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos, no que tivo que ser substituído no minuto 24 por lesión.

Na seguinte campaña debutou na Segunda División, nunha derrota a domicilio fronte o Burgos CF (0–1). En xaneiro de 1984 saíu cedido ao Calvo Sotelo de Puertollano, co que xogou ata final de tempada na Segunda División B, logrando o ascenso a Segunda. Na campaña seguinte foi cedido ao Pontevedra de José Luis Viñas, onde disputou 40 partidos. Na tempada 1985/86 disputou unha última campaña co Fabril antes de deixar o club.

Fichou entón polo Lugo, co que miitou dúas tempadas na Segunda B, sendo o máximo goleador do equipo na segunda delas, 1987/88, con 10 tantos. Na tempada seguinte fichou polo Xuventude Cambados, que se reforzou con outros xogadores como Millán, Dibuja, Bericat, Marsillas, Collazo, Domingo ou Pupi, para tentar o ascenso á Segunda División B. O obxectivo cumpriuse, acabando o equipo campión do seu grupo, con 13 puntos de vantaxe sobre o Xuvenil de Ponteareas, e Ramiro xogou unha tempada máis co club cambadés en Segunda B.

Entre 1990 e 1992 xogou co Endesa As Pontes na Segunda B, sumando un total de 14 goles en 88 partidos. Na tempada 1992/93 xogou co Lugo na Segunda División, na primeira tempada da historia do club lucense en dita categoría. Disputou 31 partidos e marcou 2 goles, e o Lugo acabou descendendo ao remate da campaña. Militou outra tempada no club branco e vermello, antes de regresar en 1994 ao Endesa As Pontes, no que xogou durante os seguintes sete anos, ata 2001.

Notas

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Puertollano Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Juventud Cambados Categoría:Xogadores do CD As Pontes Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes