A invasión soviética de Polonia de 1939 foi unha operación militar da Unión Soviética iniciada sen unha declaración formal de guerra o día 17 de setembro de 1939, durante as primeira fases da segunda guerra mundial. Dezaseis días despois de que a Alemaña nazi invadise Polonia dende o oeste, a Unión Soviética fixo o mesmo dende o leste. A invasión rematou o 6 de outubro de 1939 coa división e anexión de toda a Segunda República Polaca polos alemáns e os soviéticos.
A comezos de 1939 a Unión Soviética iniciou negociacións co Reino Unido, Francia, Polonia e Romanía para establecer unha alianza contra a Alemaña nazi. As negociacións fallaron cando os soviéticos esixiron a Polonia e Romanía dereitos de tránsito para as súas tropas no seu territorio como parte dun acordo colectivo de seguridade. O fracaso desas negociacións levaron á Unión Soviética a asinar o pacto Ribbentrop-Molotov coa Alemaña nazi o 23 de agosto; este era un pacto de non-agresión que contiña un protocolo secreto para dividirse o norte e o leste de Europa. Unha semana despois de asinar o tratado as forzas alemás invadiron Polonia dende o norte, oeste e sur. As forzas polacas retiráronse cara ao sueste e preparáronse para a defensa na cabeza de ponte romanesa, agardando polo apoio francés e británico. O Exército Vermello invadiu o Kresy (as provincias da fronteira leste) segundo o protocolo secreto o día 17 de setembro. O goberno soviético anunciou que estaba actuando para protexer aos ucraínos e bielorrusos que vivían na parte leste de Polonia, debido a que o estado polaco colapsara polo ataque alemá e non podía garantir a seguridade dos seus propios cidadáns. Cunha segunda fronte, o goberno polaco chegou á conclusión de que a defensa da cabeza de ponte romanesa xa non era factible, e ordenou a evacuación de emerxencia de todas as tropas á neutral Romanía.
O Exército Vermello, moito máis numeroso que a resistencia polaca, acadou os seus obxectivos, e capturou a uns 230.000 prisioneiros de guerra. O goberno soviético anexionou o territorio baixo o seu control, e no mes de novembro fixo que os 13,5 millóns de cidadáns polacos das zonas controladas pasasen a ser cidadáns da Unión Soviética. Inmediatamente comezaron unha campaña de sovietización nos novos territorios adquiridos. Realizaron unhas eleccións coa intención de lexitimar a anexión do leste de Polonia, e sufocaron a oposición por medio de execucións sumarias e milleiros de detencións. A Unión Soviética enviou a centos de persoas a Siberia e outras zonas remotas do país en catro grandes ondas de deportación entre 1939 e 1941.
As forzas soviéticas ocuparon o leste de Polonia ata o verán de 1941, cando foron expulsados pola invasión do exército alemán durante a Operación Barbarossa. A zona estivo baixo a ocupación nazi ata que o Exército Vermello reconquistouna no verán de 1944. Un acordo na Conferencia de Ialta permitiu á Unión Soviética anexionarse case toda a súa porción da Segunda República Polaca segundo o Pacto Molotov-Ribbentrop, compensando á República Popular de Polonia coa metade sur de Prusia Oriental e territorios ao leste da liña Oder-Neisse. A Unión Soviética integrou os territorios invadidos nas Repúblicas Socialistas Soviéticas de Ucraína e Belarús.
En agosto de 1945, tras o final da guerra en Europa, a Unión Soviética e Polonia asinaron un tratado de fronteiras. Este acordo recoñecía o status quo da fronteira oficial coa excepción da rexión ao redor de Bialystok e unha pequena parte da ribeira leste do río San ao seu paso por Przemyśl, en Galicia, que foi devolta a Polonia.
Antecedentes Antecedentes históricos O resultado da conferencia de paz de París fixo pouco para diminuír as ambicións territoriais das partes na rexión. Józef Piłsudski tratou de ampliar os límites de Polonia cara ao leste como un intento de crear unha federación liderada polo país para contrarrestar calquera posible intención imperialista por parte de Rusia ou Alemaña. Ao mesmo tempo, os bolxeviques comezaron a gañar vantaxe na guerra civil rusa e comezaron a avanzar cara ao oeste, cara aos territorios en disputa coa intención de aistir a outros movementos comunistas no leste de Europa. As escaramuzas fronteirizas de 1919 deron paso á guerra polaco-soviética de 1920. Despois da vitoria polaca na batalla de Varsovia, os soviéticos pediron a paz e a guerra rematou cun armisticio en outubro de 1920. As partes asinaron un tratado formal de paz, a paz de Riga, o 18 de marzo de 1921, dividindo os territorios disputados entre Polonia e a Unión Soviética. Nunha acción que en gran parte determinou a fronteira entre os dous países durante o período de entreguerras, os soviéticos ofreceron á delegación de paz polaca concesións territoriais nas áreas limítrofes en disputa, que se asemellaban moito á fronteira entre o Imperio Ruso e a República das dúas nacións antes da primeira partición de 1772. A raíz do acordo de paz, os líderes soviéticos abandonaron en gran medida a causa da revolución internacional e non retomaron o concepto ata pasados uns 20 anos.
Negociación do tratado A mediados de marzo de 1939, a Unión Soviética, o Reino Unido e Francia comezaron a suxerir propostas comerciais e plans con respecto a un posible acordo político e militar contra unha potencial agresión alemá. Polonia non participou nesas conversas, actuando así sobre a crenza de que calquera aliñamento polaco coa Unión Soviética podería levar a unha seria reacción xermana. As discusións entre as tres partes centráronse en garantías potenciais aos países do centro e o leste de Europa que podían ser agredidos por Alemaña. Os soviéticos non se fiaban da honra dos británicos e os franceses para asinar un acordo de seguridade colectiva, xa que non se moverán contra os fascistas durante a guerra civil española nin protexeran Checoslovaquia dos obxectivos expansionistas da Alemaña nazi. A Unión Soviética tamén sospeitaba que o Reino Unido e Francia poderían manterse á marxe nun potencial conflito entre os soviéticos e os nazis. Como resultado, os soviéticos só buscaron unha alianza militar blindada que garantise apoio contra un ataque ao seu territorio. A Unión Soviética insistiu nunha esfera de influencia que fose dende Finlandia ata Romanía para que servise de zona de amortecemento, e apoio militar no caso de que outro país atacase a Unión Soviética ou un país da proposta esfera. Tamén insistiu no dereito de entrar neses países da súa esfera no caso de que a súa seguridade estivese ameazada. Cando as conversas militares comezaron a mediados de agosto, as negociacións rapidamente quedaron estancadas no tema do paso de tropas soviéticas a través de Polonia se os alemáns atacaban, e as partes agardaron a que oficiais británicos e franceses presionasen aos polacos para que aceptasen eses termos. Porén, os oficiais polacos rexeitaron permitir ás tropas soviéticas no seu territorio porque crían que unha vez o Exército Vermello entrase en Polonia nunca marcharía. Os soviéticos suxeriron que os desexos polacos fosen ignorados e que os acordos tripartitos rematarían a pesar das súas obxeccións. Os británicos negáronse a facelo porque crían que iso levaría a que se estableceses unhas fortes relacións entre Polonia e Alemaña. miniatura|275px|División planeada e real de Polonia segundo o pacto Molotov-Ribbentrop Mentres tanto, durante meses oficiais alemáns deron a entender secretamente aos diplomáticos soviéticos que eles poderían ofrecer unhas condicións mellores que os franceses e os británicos no caso de asinar un acordo político. A Unión Soviética comezou a negociar coa Alemaña nazi agardando establecer un acordo económico mentres que ao mesmo tempo seguía negociando con Francia e o Reino Unido. A finais de xullo e principios de agosto de 1939, oficiais soviéticos e alemáns puxéronse de acordo na meirande parte dos detalles para un posible tratado económico, dirixido cara a un potencial acordo político. O 19 de agosto de 1939 concluíron o acordo comercial xermano-soviético de 1939, un tratado comercial para o intercambio de materias primas soviéticas a cambio de armas, tecnoloxía militar e maquinaria civil dos alemáns. Dous días despois, os soviéticos suspenderon as conversas militares do tripartito. O 24 de agosto, a Unión Soviética e Alemaña asinaron o tratado político e militar que acompañou ao acordo económico, o pacto Ribbentrop-Molotov. Este pacto foi un acordo mutuo de non agresión que contiña protocolos segredos para dividirse os estados do norte e o leste de Europa en esferas de influencia alemás e soviéticas. A esfera soviética inicialmente incluía Letonia, Estonia e Finlandia. Alemaña e a Unión farían unha partición de Polonia, coas partes ao leste dos ríos Pisa, Narev, Vístula e San indo a parar ás mans dos soviéticos. O pacto proporcionaba aos soviéticos un espazo extra defensivo no oeste, presentando unha oportunidade para recuperar territorios cedidos na paz de Riga e unir os pobos do leste e o oeste de Ucraína e Belarús baixo un goberno soviético.
O día despois de que os alemáns e os soviéticos asinasen o pacto, a delegación militar francesa e británica pediron unha reunión urxente co negociador militar soviético Kliment Voroshilov. O 25 de agosto Vo-roshilov díxolles “en vista de que a situación política cambiou, non hai ningún propósito útil para continuar as conversas”. Ese mesmo día, Reino Unido e Polonia asinaron o Pacto de asistencia mutua anglo-polaca. Neste acordo, o Reino Unido comprometeuse coa defensa de Polonia, garantindo preservar a súa independencia.
Invasión alemá de Polonia O 26 de agosto Hitler intentou disuadir aos británicos e aos franceses para que non interferisen no próximo conflito, incluso comprometéndose a que o Reino Unido tivese forzas da Wehrmacht á súa disposición nun futuro. Na medianoite do 19 de agosto, o ministro de exteriores alemán, Joachim von Ribbentrop, entregou ao embaixador británico, Neville Henderson, a lista de termos que supostamente garantiría a paz co respecto a Polonia. Baixo eses termos, Polonia devolvería Danzig a Alemaña e debería haber un referendo no corredor polaco, baseado na residencia en 1919, dentro do ano. Cando o embaixador polaco Lipski foi ver a Ribbentrop o 30 de agosto, anunciou que el non tiña o poder para asinar e Ribbentrop despediuno. Os alemáns anunciaron que Polonia rexeitara o ofrecemento xermano e as negociacións remataron. O 31 de agosto unidades alemás disfrazadas de polacas escenificaron o incidente Gleiwitz preto da cidade fronteiriza de Gleiwitz. Na mañá seguinte Hitler ordenou que as hostilidades contra Polonia comezasen ás 4:45 do 1 de setembro.
Os gobernos aliados declaráronlle a Guerra a Alemaña o 3 de setembro pero non proporcionaron ningún apoio significativo. A pesar de que algúns polacos tiveran éxito en zonas fronteirizas menores, a superioridade técnica, operacional e numérica dos alemáns forzaron aos polacos a retroceder cara Varsovia e Lwów. O 10 de setembro o comandante en xefe polaco, o mariscal Edward Rydz-Śmigły, ordenou unha retirada xeral ao o sueste, cara a cabeza de ponte romanesa. Pouco despois de que comezasen a súa invasión de Polonia, os líderes nazis comezaron a urxir aos soviéticos para que cumprisen o acordó e atacasen dende o leste. O ministro de exteriores soviético Vyacheslav Molotov e o embaixador alemán en Moscova Friedrich Werner von der Schulenburg intercambiáronse unha serie de mensaxes diplomáticas sobre a material, pero os soviéticos porén atrasaron a súa invasión do leste de Polonia. A Unión Soviética estaba distraída por eventos cruciais relacionados coas súas disputas fronteirizas co Xapón. Precisaba tempo para mobilizar ao Exército Vermello e viron unha vantaxe diplomática agardando que Polonia se desintegrase antes de realizar o seu movemento. O 17 de setembro de 1939 entregou a seguinte declaración de Guerra ao embaixador polaco en Moscova: