Para crista de plumas, véxase Penacho
A crista é unha protuberancia caruncular situada de forma lonxitudinal que presentan algunhas especies de aves galiformes (Galliformes) na parte superior da cabeza. As cristas das aves están xeralmente vivamente coloreadas. É unha característica sexual secundaria que se desenvolve totalmente coa madurez sexual e distingue os machos das femias. A intensidade da súa coloración e turxencia están regulados polas hormonas sexuais e intensifícanse durante a época de cría.
Funcións da crista
É un elemento de atracción sexual durante a parada nupcial ou cortexo sexual. Nas aves de orixe tropical (como en Gallus gallus bankiva) desempeña un papel na termorregulación do animal. Desempeña algún papel na inmunidade xa que se inflama rapidamente coas infeccións.
Tipos de crista nas aves
Pola súa forma e configuración as cristas poden clasificarse nos seguintes grupos:
Sinxela: é unha crista vertical simple formada por unha soa lámina serrada ou dentada, sendo a propia do galo bankiva (Gallus gallus bankiva), subespecie de galo da que derivan todas as razas e variedades de galiñas domésticas. Poden ser de tamaño grande, mediano ou pequeno. Dupla: nestas cristas non hai puntas ou adquiren maior superficie de implantación, pero sen rematar en punta, como as anteriores. Rosa: son cristas baixas e aplanadas, cunha superficie granulosa ou dentada, finalizada posteriormente por unha punta libre e disposta horizontalmente. Noz: denomínase con este nome a crista que se limita a ser un simple mamelón carnoso, sen dentes ou formas estruturadas. Cando é de cor mourada e forma un mamelón na parte anterior da cabeza, denomínase crista con mora. Cando estas cristas son elevadas denomínanse cristas de almofada ou de amorodo. Bifurcada: está formada por dúas láminas ou puntas que se manteñen separadas e paralelas, en formas ou disposicións diversas. Coroada ou de copa: está formada por unha base plana, de cuxos bordos xorden diversas puntas ou dentes que, en conxunto, se asemellan a unha copa ou coroa.
Véxase tamén
Categoría:Anatomía das aves Categoría:Termos zoolóxicos