Isidro Rodríguez Gómez, coñecido deportivamente como Isidro, nado en Ourense o 7 de decembro de 1898 e finado na Coruña o 2 de xaneiro de 1988, foi un futbolista galego que xogaba na demarcación de gardameta. Foi o porteiro galego máis destacado da súa época e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, ao que chegou procedente do Celta de Vigo, protagonizando unha polémica fichaxe. Foi o primeiro gardameta do Celta e no momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos oficiais na historia do Deportivo (147).

Traxectoria

Real Vigo Naceu en Ourense o 7 de decembro de 1898, sendo o quinto dos seis fillos do industrial Manuel Rodríguez Fernández e de Remedios Gómez Blanco. Instalado en Vigo, comezou a xogar ao fútbol no Comercial, de onde pasou ao Real Vigo en 1919. No club branco e vermello coincidiu con algúns dos futbolistas galegos máis destacados da súa época e na tempada 1919/20, secundado polos defensas Otero e Encinas, conquistou o primeiro Campionato de Galicia da súa carreira. Esa mesma tempada debutou na Copa do Rei, nos cuartos de final ante o Sporting de Gijón no Molinón.

En 1920 foi mobilizado polo exército xunto a varios dos seus compañeiros para participar na guerra do Rif, encadrado no Rexemento de Murcia de Vigo, e non regresou á vida civil ata setembro de 1922. Co equipo de fútbol deste rexemento, no que coincidiu con xogadores como Ramón González, Moncho Gil, Chiarroni ou Redondela, conquistou o Campionato de España Militar de 1920, tras derrotar na final de Madrid ao Rexemento Sicilia de Donostia, ante o rei Afonso XIII.

Na tempada 1922/23 sumou o seu segundo título galego, despois de encaixar só tres goles durante o campionato, e formou parte da selección galega, coa que foi finalista do Campionato Interrexional. Ao remate da campaña o Real Vigo fusionouse co Fortuna de Vigo, dando lugar ao Celta de Vigo.

Celta de Vigo Foi o porteiro titular do Celta dende o primeiro partido da súa historia e durante a tempada 1923/24, na que sumou o seu terceiro título galego e o primeiro do novo club. Nas vésperas do Campionato de Galicia 1924/25 abandonou o club e puxo rumbo a Bilbao, onde conseguira un emprego, afirmando que a súa profesión de condutor en Vigo non cubría as súas necesidades económicas. A prensa especulou entón sobre a súa posible fichaxe polo Deportivo da Coruña, o que causou indignación entre a afección viguesa e provocou un enfrontamento entre xornalistas vigueses e coruñeses.

Deportivo da Coruña (1ª etapa) Finalmente trasladouse á Coruña e acabou uníndose ao Deportivo, co que debutou o 12 de marzo de 1925, nun partido amigable contra o Boca Juniors en Riazor, tras obter permiso do Celta. Con todo, non puido fichar oficialmente aínda polo club coruñés, ao non obter a autorización do club vigués. Declarado en rebeldía pola entidade céltica, a Federación Galega de Fútbol denegou a fichaxe, e ante as alegacións do Deportivo acordouse que a Federación Española de Fútbol tomase a decisión final nunha próxima asemblea. A celebración desta asemblea demorouse durante meses, nos que o chamado "caso Isidro" contribuíu a acrecentar a rivalidade entre Celta e Deportivo, nacida tralas fichaxes polo club coruñés de tres antigos compañeiros de Isidro no Real Vigo: Otero, Chiarroni e Ramón González. En decembro de 1925 a Federación Española acordou que a ficha de Isidro fose traspasada ao Deportivo.

O seu debut oficial co Deportivo produciuse finalmente o 20 de decembro de 1925, nun partido do Campionato de Galicia ante o Eiriña no campo de Riazor. Axiña lle quitou a titularidade a Mulero e na tempada 1926/27 contribuíu coas súas paradas ao primeiro campionato galego da historia do club, título que revalidou na campaña seguinte, sendo o porteiro titular en tódolos partidos en ambas conquistas. En 1928 foi convidado polo Celta de Vigo para a histórica xira do club vigués por América do Sur, na que participou xunto aos tamén deportivistas Fariña e Otero.

Na tempada 1928/29 defendeu a portería do Deportivo no histórico primeiro encontro do club na Segunda División, trala creación ese ano das ligas españolas, e foi titular en todos os restantes partidos da tempada agás un, no que foi substituído por Rodrigo. O equipo coruñés, adestrado ese ano polo boxeador Andrés Balsa rematou na oitava posición, evitando por pouco os postos de descenso. Continuou sendo a primeira elección para a portería nas seguintes dúas campañas, con Paco González e Félix Gila como adestradores respectivamente.

O 24 de agosto de 1931 recibiu unha homenaxe no campo de Riazor, cun partido amigable no que se enfrontou o Deportivo da Coruña contra unha selección galega, formada por Lilo, Cabezo, Pasarín, Silvosa, Feliciano, Pareditas, Otero, José Ramón Paredes, Edelmiro, Polo e Piñeiro. Pouco despois deixou o club, tras non chegar a un acordo coa directiva para a renovación da súa ficha.

Atlético de Madrid miniatura|Isidro Rodríguez en 1927. Despois duns meses sen equipo, o primeiro día de 1932 saíu para Madrid para asinar como novo porteiro do Atlético de Madrid, da Segunda División. Debutou o 3 de xaneiro, na quinta xornada da tempada 1931/32, substituíndo nos minutos finais contra o Sporting de Gijón ao ata entón gardameta titular, o tamén galego Bermúdez, que deixou o campo lesionado. Ademais de Bermúdez, no equipo madrileño coincidiu con outros galegos, como Losada, Corral, Liz ou Antoñito. Disputou as seguintes sete xornadas de liga, que acabou co Atlético no cuarto posto da táboa.

Deportivo da Coruña (2ª etapa) Despois de máis de dous anos sen actividade competitiva, para a tempada 1934/35 regresou ao Deportivo da Coruña, asinando ficha aos seus 35 anos. Reapareceu coa camiseta do Deportivo o 16 de setembro de 1934, nun encontro do Campionato Mancomunado Galaico-Ástur ante o Sporting de Gijón no Molinón, e xogou tamén o seguinte partido contra o Oviedo, pero ambos resultados foron anulados trala folga xeral revolucionaria de outubro, cando se reiniciou a competición e se dividiu nun grupo asturiano e un galego.

Ao longo da tempada alternou titularidade co carralés Francisco Trigo, e disputou oito partidos de Segunda División, competición que o equipo adestrado por Félix Gila pechou na sétima posición da táboa. O 20 de outubro de 1935, con 36 anos e 10 meses, xogou o seu derradeiro partido oficial co Deportivo, nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor que rematou con vitoria coruñesa por 2-1. En novembro, o club decidiu dar de baixa a súa ficha, xunto ás doutros tres xogadores (Novo, Barrera e Esparza II), alegando motivos económicos. Pechou o seu paso polo Deportivo da Coruña cun total de 147 partidos oficiais, sendo no momento da súa retirada o futbolista con máis encontros na historia do club.

Trala súa retirada traballou no concello da Coruña ata a súa xubilación. Faleceu o 2 de xaneiro de 1988, aos 89 anos de idade.

Vida persoal Era irmán do tamén futbolista e gardameta Guillermo Rodríguez, que xogou entre outros clubs no Celta de Vigo e no Atlético de Madrid, igual que Isidro. Casou con Elvira Varela Rodríguez.

Estatísticas

Clubs ClubTempadaSegunda DivisiónCopaC. GaliciaC. Gal-AstTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesReal Vigo1919/20 --4020--601920/21 ----30 --301922/23 --2060 --80Total club--60110--170Celta de Vigo1923/24 --1040--50Deportivo1925/26 --6040 --1001926/27 --60160 --2201927/28 --100100 --2001928/29170 --100 --2701929/3015020100--2701930/311502080 --250Atlético de Madrid1931/3280 -- -- --80Deportivo1934/3580 -- --10901935/36 -- -- --7070Total club550260580801470Total carreira630330730801770 Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1898 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Vigo Sporting Club Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de Galicia