Guy Fawkes (), nado en York en 1570 e finado o 31 de xaneiro de 1606, tamén coñecido coma Guido Fawkes, nome que adoptou cando loitou no bando español, foi un membro dun grupo de católicos ingleses que planearon a fracasada conspiración da pólvora de 1605. Educouse na súa cidade natal de York. O seu pai faleceu cando el tiña 8 anos de idade, e tras isto a súa nai casou cun católico recusante. Fawkes converteuse ó catolicismo e viaxou ó continente, onde loitou na guerra dos Oitenta Anos no bando do Imperio Español católico contra os neerlandeses protestantes nos Países Baixos. Viaxou ata España procurando apoio para unha rebelión católica en Inglaterra sen éxito, onde coñeceu a Thomas Wintour, con quen retornou a Inglaterra.

Wintour presentoulle a Robert Catesby, quen planeaba asasinar o rei Xacobe I e instaurar unha monarquía católica no trono. Os conspiradores alugaron unha cripta baixo a cámara dos lords, e Fawkes quedou ó cargo da pólvora que almacenaron alí. As autoridades, tras recibir unha carta anónima, comezaron unha procura no Palacio de Westminster nas primeiras horas do 5 de novembro, e atoparon a Fawkes protexendo os explosivos, tralo que foi arrestado. Nos días seguintes foi interrogado e torturado, confesando eventualmente. Xusto antes da súa execución o 31 de xaneiro Fawkes caeu da plataforma dende a que ía ser aforcado e partiu o pescozo, evitando así a agonía da subsecuente mutilación.

Fawkes pasou a ser sinónimo da conspiración da pólvora, fracaso polo que se conmemora en Inglaterra dende o 5 de novembro de 1605. Tradicionalmente quéimase a súa efixie nunha fogueira, habitualmente acompañada de fogos artificiais. Segundo Lewis Call, Fawkes está considerado coma "un instrumento potencialmente poderoso para a articulación do anarquismo posmoderno", exemplificado na máscara do protagonista da banda deseñada V for Vendetta e do filme homónimo.

Primeiros anos Infancia e xuventude Guy Fawkes naceu en 1570 en Stonegate, York. Foi o segundo de catro fillos de Edward Fawkes, un procurador e defensor da corte consistorial en York, e de Edith Fawkes. Os seus pais eran comungantes regulares da Igrexa de Inglaterra, tal e como foran os seus avós paternos. A súa avoa, nada Ellen Harrington, fora filla dun mercador prominente que serviu como Lord Mayor de York en 1536. Os familiares de Fawkes por parte de nai eran recusantes católicos e o seu curmán, Richard Cowling, convertérase en clérigo xesuíta. Guy era un nome pouco común en Inglaterra, pero considérase que podería ter sido popular en York por mor dun personaxe local notable, sir Guy Fairfax de Steeton.

miniatura|esquerda|150px|Placa azul de Guy Fawkes en York Descoñécese o día concreto do seu nacemento, pero Fawkes foi bautizado na igrexa de St. Michael le Belfrey o 16 de abril. Como o período de tempo acostumado entre o nacemento e o bautismo era entón de tres días, considérase que con toda probabilidade naceu o 13 de abril. En 1568 Edith tivo unha filla de nome Anne, que faleceu ás sete semanas de nacer, en novembro dese ano. Tivo outros dous fillos despois de Guy: Anne (n. 1572) e Elizabeth (n. 1575), que casaron respectivamente en 1599 e 1594.

O seu pai finou en 1579, cando Fawkes tiña oito anos de idade. A súa nai volveu casar varios anos despois, co católico Dionis Baynbrigge (ou Denis Bainbridge) de Scotton, Harrogate. Considérase que Fawkes puido converterse en católico por mor das tendencias recusatorias da familia Baynbrigge, ademais das ramas católicas das familias Pulleyn e Percy de Scotton, pero tamén polo tempo que pasou en St. Peter's School en York. Un dos directores desta escola pasara uns 20 anos en prisión por recusación, e o seu director principal John Pulleyn procedía dunha familia de recusantes notables, os Pulleyn de Blubberhouses. Na súa obra de 1915 titulada The Pulleynes of Yorkshire, Catharine Pullein suxeriu que a educación católica de Fawkes proviña dos seus familiares por parte de nai, a familia Harrington, que eran coñecidos por amparar a curas. Algúns compañeiros de estudo de Fawkes foron John e Christopher Wright, ámbolos dous involucrados na posterior conspiración da pólvora, ademais de Oswald Tesimond, Edward Oldcorne e Robert Middleton, que se converterían posteriormente en curas.

Tras deixar a escola Fawkes entrou ó servizo de Anthony Browne, 1º vizconde de Montagu. O vizconde non apreciaba a Fawkes e despediuno ó pouco tempo. Posteriormente Fawkes comezou a traballar para Anthony-Maria Browne, 2º vizconde de Montagu, que sucedeu o seu avó ó cumprir os 18 anos de idade. Polo menos unha fonte afirma que Fawkes casou e tivo un fillo, pero non existen rexistros coetáneos que confirmen este feito.

Carreira militar En outubro de 1591 Fawkes vendeu a súa casa en Clifton, herdada do seu pai. Viaxou ó continente para loitar na guerra dos Oitenta Anos no bando da España católica contra as Provincias Unidas, e dende 1595 ata a Paz de Vervins en 1598, contra Francia. Malia que Inglaterra non estaba naquel entón en operacións bélicas terrestres contra España, os dous países estaban aínda en guerra, e só pasaran cinco anos dende a Armada Invencible. Uniuse a sir William Stanley, un católico inglés e comandante veterano duns 50 anos de idade que recrutara a un exército en Irlanda para loitar na expedición de Leicester ós Países Baixos. Stanley estaba moi ben considerado por Isabel I, pero trala rendición deste de Deventer ós españois en 1587 cambiara de bando xunto gran parte das súas tropas para servir a España. Fawkes pasou a ser alférez, loitou no asedio de Calais en 1596, e no ano 1603 recibiu unha recomendación para unha capitanía. Ese mesmo ano viaxou a España procurando apoios para unha rebelión católica en Inglaterra. Aproveitou esta oportunidade para adoptar unha versión italiana do seu nome, "Guido", e no seu memorando describiu a Xacobe I coma "un herexe", que intentaba "expulsar a toda a seita papista fóra de Inglaterra". Malia que tivo unha recepción amable, a corte de Filipe III non lle ofreceu ningún apoio.

Conspiración da pólvora

miniatura|300px|Gravado coetáneo de oito dos trece conspiradores, por Crispijn van de Passe. Fawkes é o terceiro pola dereita. En 1604 Fawkes involucrouse cun pequeno grupo de católicos ingleses, liderados por Robert Catesby, que planeaban asasinar o rei protestante Xacobe I e substituílo pola filla deste, a princesa Isabel, terceira na liña de sucesión. O clérigo xesuíta e antigo amigo de escola de Fawkes, Oswald Tesimond, describiuno coma "agradable e de actitude feliz, oposto ás disputas e conflitos ... leal ós seus amigos." Tesimond declarou tamén que Fawkes era "un home de grande habilidade nos asuntos de guerra", e que fora esta mestura de piedade e profesionalismo o que lle granxeou o afecto dos seus compañeiros de conspiración. Antonia Fraser describiu a Fawkes coma "un home alto e de complexión poderosa, cun espeso cabelo loiro-castaño, un fluído bigote na tradición do seu tempo, e unha tupida barba loira-castaña", ademais de indicar que "era un home de acción ... capaz de debater de forma intelixente así coma posuír unha gran resistencia física, en certa forma para sorpresa dos seus inimigos".

A primeira reunión dos cinco principais conspiradores tivo lugar o domingo 20 de maio de 1604 nunha pousada chamada Duck and Drake, no distrito Strand de Londres. Catesby propuxera unha reunión con anterioridade con Thomas Wintour e John Wright para asasinar o rei e o seu goberno facendo estoupar "o Parlamento con pólvora". Catesby convenceu finalmente a Wintour, quen nun primeiro momento opúxose ó plan, para que viaxase ó continente na procura de axuda. Wintour reuniuse co condestábel de Castela, o espía galés exiliado Hugh Owen, e con sir William Stanley, quen afirmou que Catesby non recibiría apoio de España. Porén, Owen presentou a Wintour e Fawkes, que naquel entón xa levaba moitos anos fóra de Inglaterra, e polo tanto era un descoñecido no país. Wintour e Fawkes eran contemporáneos, ámbolos dous militantes e con experiencia de primeira man da pouca disposición de axuda por parte dos españois. Wintour comentoulle a Fawkes o seu plan, e en abril de 1604 volveron os dous a Inglaterra. As novas de Wintour non sorprenderon a Catesby quen, malia os rumores afirmativos por parte das autoridades españolas, temía que non recibirían unha resposta positiva.

Un dos conspiradores, Thomas Percy, obtivo un ascenso en xuño de 1604, conseguindo acceso a unha casa en Londres que pertencía a John Whynniard, o Gardarroupa do Rei. Fawkes instalouse coma caseiro e comezou a usar o pseudónimo John Johnson, facéndose pasar por servente de Percy. O reconto contemporáneo da prosecución do plan, tomado da confesión de Thomas Wintour, afirma que os conspiradores tentaron cavar un túnel por baixo da casa de Whynniard ata o Parlamento, aínda que esta historia puido ser unha invención do goberno, xa que non se atopou nin presentou ningunha proba da existencia dese túnel. O propio Fawkes non admitiu a existencia de devandito plan ata o seu quinto interrogatorio, e aínda así non foi capaz de localizar o túnel. De considerarse certa a historia, en decembro de 1604 os conspiradores estarían cavando o túnel cando escoitaron un ruído que proviña dun piso enriba deles. Fawkes saíu a investigar, e volveu coa nova de que a viúva do propietario estaba limpando un soto próximo, directamente baixo a cámara dos lords.

Os conspiradores pagaron o usufruto da habitación do soto, que tamén pertencía a John Whynniard. Sucio e sen uso, considerárono un lugar ideal para agochar a pólvora que planeaban almacenar. Segundo Fawkes, ó principio levaron 20 barrís de pólvora, seguidos doutros 16 máis o 20 de xullo. O 28 de xullo a ameaza da peste postergou a apertura do parlamento ata o martes 5 de novembro.

Nun intento de obter apoio estranxeiro, Fawkes viaxou en maio de 1605 ata o continente e informou a Hugh Owen do plan dos conspiradores. Nalgún punto da súa viaxe o seu nome chegou a oídos de Robert Cecil, 1º Conde de Salisbury, quen tiña unha rede de espías por toda Europa. Un deles, o capitán William Turner, foi quen o informou. Malia que a información que adoitaba fornecerlle a Salisbury habitualmente era un vago padrón de informes de invasións, sen incluír nada sobre a conspiración, o 21 de abril informou de como Tesimond levara a Fawkes, coñecido mercenario flamengo, ata Inglaterra, presentándolle "ó Sr. Catesby e amigos honorables da nobreza e outros que terían armas e cabalos preparados". Porén, o informe de Turner non mencionaba o pseudónimo de Fawkes en Inglaterra, John Johnson, e non lle chegou a Cecil ata finais de novembro, tempo despois de que se descubrira o complot.

Non se coñece con exactitude cando volveu Fawkes á Inglaterra, pero chegou a Londres a finais de agosto de 1605, descubrindo xunto a Wintour que a pólvora que almacenaran no soto estaba podre, polo que trouxeron máis pólvora cubríndoa con madeira para escondela. O papel final de Fawkes no complot decidiuse tras unha serie de reunións en outubro dese ano. Sería o encargado de prender a mecha e escapar polo río Támese. De forma simultánea os conspiradores comezarían unha revolta nos Midlands que axudaría a asegurar a captura da princesa Isabel. Os actos de rexicidio estaban moi mal vistos, polo que Fawkes tería que viaxar ata a Europa continental e explicarlle ós poderes católicos o seu deber sagrado de matar o rei e o seu séquito.

Descubrimento do complot miniatura|Descubrimento da conspiración da pólvora (c. 1823), por Henry Perronet Briggs