miniatura|300px|Imaxe de satélite do deserto do Sáhara.
O deserto do Sáhara (en árabe الصحراء الكبرى, aṣ-Ṣaḥrāʾ al-Kubrā, que significa o Gran Deserto) é o segundo maior deserto do mundo (despois do da Antártida), localizado no norte de África, cunha área total de 9 065 000 km2, sendo apenas un pouco menor que a de Europa (10 400 000 km2).
O nome Sáhara é unha transliteración do árabe صحراء, (Sahhra) que á súa vez é a tradución da palabra tuareg teneriwe ('os desertos', de onde lle vén o nome ó deserto do Teneré). Viven preto de 2,5 millóns de persoas na área do Sáhara, distribuídas por Mauritania, Marrocos, Sáhara Occidental, Libia, Exipto, Malí, o Níxer, Alxeria, Tunisia, o Sudán e o Chad.
As fronteiras do Sáhara son: o océano Atlántico ao oeste, as montañas do Atlas e o mar Mediterráneo ao norte, o mar Vermello ao leste e o val do río Níxer ao sur.
O Sáhara divide o continente africano en dous: África Norte e Subsahariana. A fronteira sahariana ao sur é marcada por unha faixa semiárida de sabana chamada Sahel, e ao sur de Sahel encóntrase a rexión chamada o Sudán.
Os seres humanos viviron na extremidade do deserto durante case 500 000 anos. Durante a última Idade do xeo, o deserto do Sáhara foi (como o leste africano en xeral) máis húmido do que é agora. Fósiles de dinosauros foron encontrados alí. O Sáhara moderno, xeralmente, está exento de vexetación excepto no val do río Nilo, nuns poucos oasis e nalgunhas montañas dispersas.
Xeografía miniatura|Pastores tuaregs nómades a carón dun pozo. miniatura|Meseta pedregosa en al-Mahbes (Sáhara Occidental). Os pedregais son a paisaxe máis habitual no Sáhara. miniatura|O Sáhara na rexión de Adrar, Mauritania. miniatura|Vista do uadi Melhah en Mauritania. O Sáhara cobre gran parte de Alxeria, Chad, Exipto, Libia, Malí, Mauritania, Marrocos, Níxer, Sáhara Occidental, Sudán e Tunisia. É unha das tres provincias fisiográficas (rexións cunha xeomorfoloxía específica) nas que se divide África.
Os accidentes xeográficos do deserto foron modelados polo vento (erosión eólica) o polas choivas ocasionais, e inclúense as dunas de area e os campos de dunas (ergs), mesetas pedregosas (hamadas), chairas de grava (regs), vales secos (uadis), lagoas salgadas estacionais (shatts ou chotts)Sahara desert, Informe científico do Fondo Mundial para a Natureza, [Consultado o 2 de agosto de 2013].] ou formas de modelaxe máis peculiares como a Estrutura Richat en Mauritania.
Diversas montañas extremadamente áridas e varias cadeas montañosas érguense no deserto, sendo moitas delas de orixe volcánica. Algunhas delas son as Montañas de Aïr, o Ahaggar, o cordal do Atlas, o Tibesti co Emi Koussi, que cos seus 3.415 m é o pico máis elevado do Sáhara, o macizo Adrar dos Ifoghas ou os outeiros a carón do Mar Vermello.
A meirande parte dos ríos e regatos do Sáhara son estacionais ou intermitentes, habendo algunhas excepcións como o Nilo, que cruza o deserto dende o seu nacemento en África central até a súa desembocadura no mar Mediterráneo. Os acuíferos subterráneos agroman á superficie ocasionalmente formando oasis, entre os que destacan Bahariya, Ghardaïa, Timimoun, Kufra, Farafra ou o Oasis de Faiyum.
A parte central do Sáhara é extremadamente árida e practicamente carente de vexetación. Os extremos norte e sur do deserto, xunto coas terras altas, é onde se poden atopar áreas de pasto espalladas e arbustos pequenos, mentres que as árbores e os arbustos máis altos atópanse nos uadis, porque é onde se acumula máis humidade.
Límites xeográficos Polo norte, o Sáhara chega até o mar Mediterráneo en Exipto e nalgunhas partes de Libia, mais na rexión de Cirenaica (Libia) e no Magreb, o deserto fai fronteira coas ecorrexións de bosque mediterráneo de África do Norte, que teñen un clima mediterráneo que se caracteriza por unha estación de choivas no inverno.
De acordo cos criterios botánicos de Frank WhiteWickens, Gerald E. (1998) Ecophysiology of Economic Plants in Arid and Semi-Arid Lands. Springer, Berlin. ISBN 978-3-540-52171-6 e o xeógrafo Robert Capot-Rey (1953), o extremo norte do Sáhara correspóndese co límite norte de maduración da palmeira datileira (Phoenix dactylifera), e o límite sur do esparto (Stipa tenacissima), unha herba da familia das poáceas típica do clima mediterráneo do Magreb e da Península Ibérica. O límite norte, segundo criterios climáticos, corresponderíase coa isohieta dos 100 mm de precipitación anual.
Polo sur, o Sáhara está limitado polo Sahel, un cinto de terras áridas que se estenden de leste ao longo de todo o continente, e que presenta unha vexetación de praderías, sabanas e matogueiras tropicais e subtropicais cunha estación de choivas de verán. O extremo sur do Sáhara viría indicado botanicamente polo límite sur da Cornulaca monacantha, un membro da subfamilia das Salsoloideae da familia Amaranthaceae e tolerante ás secas. O límite norte do cram-cram (Cenchrus biflorus), outra poácea típica do Sahel, é outro indicador botánico usado para determinar o extremo sur do deserto. Segundo os criterios climáticos, o extremo sur corresponderíase coa isohieta dos 150 mm de precipitación anual, aínda que hai que ter en conta este valor como unha media a longo prazo, xa que as precipitacións varían enormemente dun ano a outro.
Clima dereita|220px|miniatura|Tormenta de area sahariana sobre o océano Atlántico. O Sáhara ten un dos climas máis duros do mundo. O vento predominante do nordés fai que a area se eleve e se formen tormentas de area e remuíños.Oxfam Cool Planet - the Sahara . [Consultado o 3 de agosto de 2013] Só se ten constancia dunha nevarada no deserto do Sáhara, e foi durante a noite do 18 de febreiro de 1979 nunha zona do sur de Alxeria.
As tormentas de area poden cubrir grandes distancias. No verán poden mesmo atravesar o océano Atlántico. En xullo de 2020 notificouse unha tormenta que trasladou unha columna de po de gran tamaño, a maior dende que existen rexistros, alcumada Godzilla, que levou o po sahariano a América. A mecánica destes fenómenos consiste en fortes ventos preto da superficie e tormentas eléctricas, que fan ascender grandes cantidades de partículas de po na masa de aire quente. Pode flotar días ou semanas, dependendo da secura, velocidade e turbulencia do aire. Despois, os ventos da troposfera arrastran o po para o Caribe e para os Estados Unidos.
Precipitacións miniatura|Dunas de area no Erg Chebbi, en Marrocos. O Sáhara é unha rexión climática divisoria, xa que a zona de converxencia intertropical que se move de sur ó norte, non vai máis aló do centro do Sáhara e, consecuentemente non porta choiva ningunha. De xeito similar, as choivas invernais do norte de África non chegan tan ó sur como para achegar precipitación ó centro do deserto. Polo tanto, no medio do Sáhara raramente chove, e cando o fai pode acontecer en calquera estación, mentres que ó norte a choiva é máis abondosa e concéntrase no inverno. A isohieta dos 100 litros de choiva anual limita a extensión do deserto. Na parte central, a choiva anual sitúase por baixo dos 25 litros anuais e na parte leste do deserto é menor de 5 litros. A aridez está agravada pola grande irregularidade nas precipitacións (80% de variación e anos nos que non se rexistra precipitación ningunha), e en caso de treboadas intensa, pódense producir inundacións e corrementos de terra.
Observouse que o límite do sur do Sáhara variou segundo a cantidade de choiva recollida, que foi mudando entre os anos 1980 e 1990. Como resultado da seca do Sahel, a fronteira sur do deserto trasladouse uns 130 quilómetros ó sur durante este período. Indicios recentes indican que o Sáhara e as rexións circundantes están nun proceso de reversión da desertificación por causa dun aumento das precipitacións. Os satélites artificiais amosan unha redución da extensión do Sahel entre o 1982 e o 2002, tanto no Sáhara Oriental como no Sáhara Occidental. Esta tendencia ten sido observada ó longo de 20 anos polo científico do clima Stefan Kröpelin, e tradúcese nun aumento das zonas de pastoreo e na floración das árbores e arbustos.
A única vez que nevou nas zonas saharianas de baixa altura e que se teña coñecemento, foi o 18 de febreiro de 1979 na cidade de Ghardaïa, ó sur de Alxeria. Porén, a neve desapareceu en poucas horas.
Nas serras do Sáhara, a neve non é tan excepcional e acostuma nevar con certa regularidade. Aínda que a humidade relativa é baixa nun ambiente tan árido, a humidade absoluta é suficientemente alta para que se produza a condensación cando o aire topa cunha montaña. No inverno, a temperatura baixa dabondo no Tahat (3.003 m), o pico máis alto do Ahaggar, para recibir neve cada tres anos de media. Tamén se cre que as inaccesíbeis montañas do Tibesti reciben neve por riba dos 2500 m cada sete anos.
Temperaturas Pola súa situación tropical, a situación continental e en xeral pola baixa altitude, rexístranse as temperaturas máis elevadas de todo o planeta (56 °C en Libia). A temperatura media anual supera os 30 °C. No mesmo día, rexistrouse unha variación dende -0.5 °C até 37.5 °C. O Sáhara tamén é extremadamente ventoso, e os ventos quentes poden formar remuíños que aumentan a sensación de calor. A parte norte, máis preto da zona mediterránea, pode rexistrar temperaturas medias próximas ós 10 graos no inverno. Pola contra, no sur as temperaturas son máis homoxéneas. Nos macizos montañosos do Tassili e Hagaar que acadan os 3.000 metros de altitude, a temperatura diminúe 0'60 °C por cada 100 metros de altitude, aínda que a pluviometría non pasa dos 200 mm.
Paleoclimatoloxía miniatura|Fotografía de satélite da estrutura Richat, formada pola erosión. O clima do Sáhara caracterizouse por unha enorme variación nos últimos cen mil anos, pasando de húmido a seco. Durante a última glaciación, o Sáhara era aínda máis grande que na actualidade e estendíase moito máis ao sur.Christopher Ehret. The Civilizations of Africa. University Press of Virginia, 2002. A fin do período glacial trouxo máis auga ao Sáhara, aproximadamente entre o -8000 e o -6000. Unha das causas que se barallan para explicar este cambio e a aparición dunha depresión atmosférica que se formou no norte despois da fusión da capa de xeo que cubría Europa.
Unha vez que desapareceu a capa de xeo, o norte do Sáhara secou. Porén, a tendencia á seca no sur foi contrarrestada rapidamente polo monzón, que traía choiva máis ao norte que na actualidade. O monzón é causado polo quecemento do ar a nivel do chan durante o verán. O aire quente provoca a chegada de aire fresco e húmido do océano, que causa a choiva. Polo tanto, aínda que semelle contraditorio, o Sáhara era máis húmido cando recibía máis insolación no verán. Isto foi causado por unha inclinación máis forte do eixo da Terra que na actualidade, e o apse producíase no final de xullo.
Cara ao ano -3400, o monzón vaise retirando cara ao sur até onde se sitúa hoxe en día aproximadamente,Sahara's Abrupt Desertification Started by Changes in Earth's Orbit, Accelerated by Atmospheric and Vegetation Feedbacks, Science Daily, Science News, 12 de xullo de 1999. provocando a progresiva desertización do Sáhara. O Sáhara é hoxe en día tan seco como o era hai uns 13.000 anos. Estas condicións foron as responsábeis do que se deu a coñecer como a Sahara pump theory, unha teoría que explica a migración da flora e a fauna entre Europa e África a través dunha área que servía de ponte.
Até hai uns 2.000 anos, gran parte da área actualmente desértica do Sáhara era unha sabana, e aínda era máis fértil todo o territorio que ocupa o deserto actual hai un 8.000 anos, tal e como o demostran as pinturas rupestres de Tassili n'Ajjer, nas que se poden ver grupos de cazadores perseguindo unha fauna variada nunha zona que actualmente é unha área rochosa inhabitábel.