Salvador Velayos Hermida, nado en Lugo en 1908 e finado en Madrid o 3 de xuño de 1997, foi un físico e investigador galego que foi unha das maiores referencias no campo do magnetismo.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Fillo do director do Instituto de Lugo, Salvador Velayos González. Estudou o bacharelato no Colexio dos Maristas e no Instituto de Lugo. En 1924 foi estudar Ciencias Físicas na Universidade de Madrid aloxándose na Residencia de Estudiantes,Gurriarán (2006), p. 377 onde logo exerceu como titor e profesor de apoio das disciplinas científico experimentais. Licenciouse en 1928 e, dende 1930, foi profesor auxiliar da Facultade de Ciencias de Madrid e foi discípulo de Moles, Duperier e, especialmente, Blas Cabrera, con quen estivo de bolseiro no Instituto Nacional de Física e Química e que dirixiu a tese, Paramagnetismo de algunos compuestos de elementos de tierras raras, que foi defendida en 1934. Especializouse en ferromagnetismo, disciplina que foi obxecto das súas investigacións.
Xa como doutor, fixo varias viaxes a centros científicos de Alemaña pola súa conta e obtivo unha bolsa da Fundación Conde de Cartagena, xestionada pola JAE, para ampliar estudos na Universidade de Múnic con Walther Gerlach en 1934.En 1935, segundo Sánchez Ron.
Ao volver, en febreiro de 1936, gañou a cátedra de Física Teórica e Experimental da Facultade de Ciencias da Universidade de Valencia e seguiu traballando no Instituto Nacional de Física e Química. Antes da guerra xa publicara traballos de investigación en revistas científicas españolas e alemás.
Guerra civil Republicano de esquerdas, durante a guerra traballou no Instituto Nacional de Física e Química para o exército republicano na fabricación de fonolocalizadores para a defensa antiaérea (sistema para a detección de bombardeos en distancia e dirección). Por este labor foi inculpado do “atraso” da vitoria dos sublevados.
Posguerra Ao remate da guerra foi xulgado por rebelión en consello de guerra, sendo absolto, e tamén como funcionario do Instituto Nacional de Física y Química, do que tamén librou de sanción. Pero foi sancionado polo Tribunal Especial da Universidade de Valencia: pese á declaración favorable do seu colega Julio Palacios (Vicerreitor de Madrid), quen o descargaba das acusacións que era obxecto, o xuíz especial da súa causa solicitou a suspensión de emprego e soldo por dous anos e a inhabilitación, sanción que se viu temperada polo traslado forzoso á Universidade de Valladolid e á inhabilitación para cargos directivos e de confianza. Logo de pasar quince anos en Valladolid explicando Física Xeral, onde fixo escola e creou un grupo de traballo sobre temas como magnetoquímica dalgunhas sales del níquel e magnetismo, retornou a Madrid en 1956, mediante oposición a unha cátedra de Electromagnetismo.
A interrupción da súa carreira por mor da guerra, a represión posterior e o exilio dos seus mestres impedirían a súa consolidación científica. Pese a isto, continuou co seu labor investigador no CSIC elaborando traballos que o situaron na vangarda da investigación. Así durante os anos 1946-1947, pasounos na Universidade Harvard, traballando ao carón de John van Vleck.
En decembro de 1955, e aproveitando unha tímida apertura do réxime franquista a través das medidas do ministro de Educación Ruiz Jiménez, gañou mediante oposición a cátedra de Física Teórica e Experimental da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid e puido retoma-la relación co CSIC coa creación dunha sección de magnetismo nun dos seus institutos. Permaneceu na cátedra até que se xubilou en 1978.
Obras
Libros 1944 (editado en 1978), El magnetismo de la materia (publicado con Blas Cabrera). Pozuelo de Alarcón, Madrid: Departamento de Publicaciones de la E.T.S. de Arquitectura. ISBN 84-87635-23-7 1976,Temas de física III: electromagnetismo. ISBN 84-600-6887-0 2008, Introducción al magnetismo. Madrid: Editorial Complutense. ISBN 978-84-7491-910-3
Artigos (escolma)
1931, Estudio magnético del MnSO4 y de algunas tierras raras, en Anales de la Sociedad Española de Física y Química, 31, pp. 597-606; 1935, Propiedades magnéticas de algunos compuestos de elementos raros, en Anales de la Sociedad Española de Física y Química, 33, pp. 5-33; 1936, Widerstand, spontane Magnetisierung und Curiepunkt von Nickel, en Sitzungsberichte der Bayerischen Akademie der Wissenschaften. Mathematisch- naturwissenschaftliche Abteilung, pp. 81-136 (escrito con W. Gerlach r H. Bittel); 1936, Variación, con la temperatura, de la resistencia eléctrica del níquel, en Revista de la Academia de Ciencias, 23, pp. 615-62 (escrito con H. Bittel); 1940, Der Einfluss elastischer Druckbelastung auf Suszeptibilitäts-maximum con Nickel. Die Eigenspannungen, en Zeitschrift für Physik, 116, pp. 340-348; decembro de 1940, Medida de las tensiones propias en los metales. Métodos magnéticos, en Metalurgia y Electricidad, pp.. 20-25;
Recoñecementos Leva o seu nome o Instituto de Magnetismo Aplicado que rexentan RENFE e a Universidade Complutense de Madrid e tamén no concello de Madrid, unha glorieta preto da Universidade Complutense leva o seu nome.
O Club Español de Magnetismo (CEMAG), estableceu en 2008 o Premio de Magnetismo "Salvador Velayos", de carácter bianual, para as achegas nese campo.
En 1997, recibiu a título póstumo, a Gran Cruz de Afonso X o Sabio
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Físicos de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Catedráticos da Universidade de Valencia Categoría:Profesores da Universidade de Valladolid