Monte Carmelo é unha zarzuela (comedia lírica) en tres actos con música de Federico Moreno Torroba sobre un libreto de Federico Romero e Guillermo Fernández-Shaw. Foi estreada no Teatro Calderón de Madrid o 17 de outubro de 1939.

Personaxes Don Sancho, marqués esmorguista que dilapidou a fortuna familiar. Esperanza, filla de don Sancho e namorada de Juan María. Manrique, sobriño de Mamá Dolores, conde de Monte Carmelo e Garda Real do Vaticano. Don Alonso, arcebispo de Granada. Don Lope, capitán xeneral. Luis Doncel, un oficial de cabalería e axudante do capitán xeneral. Juan María, secretario do arcebispo. Serafina, ama xitana, nai de María Cleofé e Joselito. Mamá Dolores, avoa de Esperanza. Currito, o seu cocheiro. Angustias, a súa doncela. Miguel, mordomo do marqués. María Cleofé, rapaza xitana aprendiza de doncela. Joselito, asistente de Manrique. Madre Martirio Madre Superiora Serventes, oficiais, xitanos etc.

Argumento Data: mediados do século XIX Lugar: Granada

Acto I Na casa do Marqués de Avellano, Esperanza, a maior das fillas do marqués don Sancho, contempla o Albaicín melancólica, xa que ten un amor imposible. Entra a súa avoa, Mamá Dolores, condesa viúva de Monte Carmelo, marquesa viúva de Avellano e de Alminar, unha muller maior e alegre que contaxia a súa risa a tódolos que van entrando.

Mamá Dolores anuncia a chegada a Granada do seu sobriño Manrique, conde de Monte Carmelo e Garda Real do Vaticano, con quen quere casar a unhas das súas netas, polo que convidou a tomar chocolate tamén a don Alonso (arcebispo de Granada) e a don Lope (capitán xeneral).

Entra Serafina, a nutriz, unha xitana moi limpa, ben composta e moi faladora, nai de María Cleofé e Joselito, o asistente de Manrique, e comeza unha animada conversa con Mamá Dolores.

Aparece o marqués don Sancho, un esmorgueiro que dilapidou a fortuna familiar. Pouco a pouco chegan os convidados, comezando por varios oficiais de cabalería entre os que se encontra o axudante do capitán xeneral, Luis Doncel, que galantean con Rafaela. Logo chegan Manrique e Joselito, seguidos por don Lope e don Alonso. Logo de servirse o chocolate entran Esperanza e Rafaela, que son presentadas pola súa avoa.

Acto II Na quinta de Mamá Dolores, chamada Monte Carmelo, Esperanza e Rafaela cantan historias de amor do Albaicín acompañadas por unhas xitanas con palmas e baile. Don Lope advirte a don Sancho de que se non liquida axiña as súas débedas acabará por perder tódalas súas posesións. Joselito pola súa banda, atopa unha liga de muller, o que desencadea un alboroto entre os homes, que fan conxecturas sobre a propietaria. Nese intre, Luis Doncel proclama o seu amor por Rafaela, cuxa paixón espertou ao pensar que a liga era súa.

Entra Mamá Dolores rodeada das rapazas convidadas que se preguntan para cal será Manrique.

Rafaela e Luis Doncel manteñen un equívoco diálogo respecto á liga, estando a moza namorada del. Por outra banda, Esperanza está namorada de Juan María, o secretario do arcebispo, mais ante a imposibilidade do seu amor dille a Manrique que quere casar con el.

Acto III O primeiro cadro ten lugar nunha encrucillada de rúas do Albaicín, onde ao amencer un grupo de xitanos quere entrar, e a Madre Martirio só deixa entrar a Serafina para ver a seu fillo, capelán. Saen Esperanza e Manrique, que acoden a falar coa Madre Superiora e Juan María respectivamente, comunicándolle Manrique a este último que acaba de ser nomeado cóengo de Guadix.

O terceiro cadro transcorre na quinta de Monte Carmelo, onde Mamá Dolores borda xunto a Esperanza e Rafaela mentres murmuran entre si. Entra Serafina e prodúcese unha situación equívoca, xa que non se aclaran sobre quen vai casar con Manrique, é entón cando entra Luis Doncel e se declara a Rafaela, quen acepta encantada. Manrique ofrécelles como agasallo pola voda as notas promisorias de don Sancho unha vez saldadas as súas débedas.

Mamá Dolores ofrécelle a man de Esperanza a Manrique, mais el contéstalle que é imposible, xa que Esperanza decidiu meterse a monxa. Manrique dálle a liga a Luis Doncel dicíndolle que lle pertence, mais Mamá Dolores arrebátalla nada máis vela, xa que era ela quen a perdera.

Números musicais Granada mía, Manrique Habanera (Madre de mis amores (Esperanza) Terceto (Esperanza, Manrique e Rafaela) Liga de mujer (Manrique e homes) Profecías de Mamá Dolores (Chicas e Mamá Dolores) Dúo (Esperanza e Juan María) Dúo (Manrique e Juan María) Guarda, Guarda (Mamá Dolores, Esperanza e Rafaela)

Discografía AnoIntérpretes Director,Teatro de ópera e orquestra Selo1939 Pepita Rollán,Selica Pérez Carpio,Eulalia Zazo,Luis Sagi-Vela,Alfredo Muelas Federico Moreno Torroba,Orquestra do Teatro Calderón de MadridColumbia Records (78 r.p.m.)Homokord (CD)

Existen outras gravacións con fragmentos e extractos desta zarzuela, como o recompilatorio de 1960 Granada mía, de Renato Cesari, no que participa tamén a Orquesta de Conciertos de Madrid dirixida polo propio Moreno Torroba, ou o de 1970 Jardines de Granada coa Orquesta Filarmonía de España baixo a dirección de Rafael Frühbeck de Burgos.

Véxase tamén Ligazóns externas Libreto en lazarzuela

Categoría:Zarzuelas Categoría:1939