José Lemos Rodríguez, nado en Salvaterra de Miño o 1 de febreiro de 1962 e finado o 21 de setembro de 2023, máis coñecido como Pepe Lemos, foi un futbolista e adestrador galego que xogou como defensor no Celta e no ValladolidLemos e no Porriño Industrial, equipo que despois adestrou. Xogaba na demarcación de lateral dereito.

Participou nun partido amigábel coa selección española, na homenaxe a Alvelo, sendo seleccionador o galego Luis Suárez. Foi tío do tamén futbolista e adestrador Claudio Giráldez.

Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do Celta de Vigo con cuxo primeiro equipo subiu, en 1979 con 17 anos, trala entrada en vigor da normativa segundo a cal era obrigatorio aliñar a dous xogadores sub-20 en cada encontro na Segunda División e divisións inferiores, e que permanecesen no campo polo menos 15 minutos.

O seu debut oficial foi o 14 de outubro de 1979 en Castelló, con derrota por 1-0. Estreouse como goleador pouco despois ante o Getafe CF a centro do brasileiro Ademir. Rematou esa primeira tempada disputando un total de 22 encontros pero rematou co descenso a Segunda División B. A seguinte foi unha gran tempada do Celta, que volveu a Segunda División da man do técnico Milorad Pavić e cun gran papel de Pepe Lemos.

A tempada 1981-82 consumábase o ascenso do club a Primeira División, debutando o xogador de Salvaterra na máxima categoría na campaña 82/83, o 5 de setembro de 1982, con 20 anos. Durante os anos seguintes consolidouse no equipo galego, co que xogou entre a máxima categoría e a segunda división.

En 1986, despois de sete tempadas no Celta de Vigo, tempo no que pasou outros dous anos en Segunda División antes de recuperar a categoría, comprou a súa carta de liberdade tras consumarse un novo descenso do club olívico e fichou polo Real Valladolid. Nesa campaña xogou 16 partidos, pero a partir da seguinte fíxose titular, condición que mantivo até 1992, cando despois de xogar durante seis tempadas, ao final das cales rematou xogando de lateral esquerdo, o Valladolid descendeu a segunda e o galego abandonou o equipo. En total, sumou 214 partidos e 3 goles na primeira división.

Tras deixar o Valladolid xogou no Porriño Industrial, club no que se retirou e ao que adestrou posteriormente. Tamén disputou a liga de fútbol indoor co equipo de veteranos do Celta de Vigo.

Selección española Xogando no Valladolid foi convocado pola selección española por Luis Suárez para o amigábel contra o Celta de Vigo en homenaxe a José Manuel Alvelo en Balaídos o 28 de decembro de 1988. Porén non se considera internacional xa que o encontro non se considera oficial ao ser contra un club.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil de Pepe Lemos

Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados en Salvaterra de Miño Categoría:Futbolistas da provincia de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Porriño Industrial CF Categoría:Finados en 2023