Un microanticorpo é unha cadea curta de aminoácidos artificial, que é copia dunha parte dun anticorpo natural completamente funcional, que se corresponde coa zona do anticorpo por onde se une ao epitopo do antíxeno, onde están as rexións CDR . Os microanticorpos poden deter a infección das células por virus como o VIH in vitro. Un destes microanticorpos preparouse recentemente a partir dun anticorpo monoclonal en células de ratos, e tiña a capacidade de inactivar ao VIH in vitro.

Os anticorpos prodúceos o corpo de forma natural e xogan un papel chave na loita contra as infeccións bacterianas e víricas. Poden utilizarse para tratar infeccións utilizando inxeccións de plasma que conteñan unha gran cantidade delas (antisoros). Pero o uso de anticorpos naturais como medicinas presenta algúns problemas: só poden producilos células vivas e este proceso é difícil de controlar a escala industrial, e ademais, son moléculas grandes e ao seren inxectados non difunden doadamente polo sangue e nos tecidos onde se necesitan. Mesmo os anticorpos monoclonais que foron "humanizados" (modificouse a súa secuencia para que se parezan aos humanos) poden aínda causar unha resposta inmune. Porén, no recoñecemento e inactivación dos patóxenos só están implicadas rexións relativamente pequenas dos anticorpos, e os microanticorpos son moito máis pequenos e só imitan esas rexións, pero carecen das rexións máis longas do anticorpo que inducen a resposta.

O uso de microanticorpos podería potencialmente resolver estes problemas. Poden ser sintetizados quimicamente e o seu pequeno tamaño permite que abandonen a circulación sanguínea rapidamente e chegan aos sitios de infección nos tecidos. Tamén son pouco inmunoxénicos e non estimulan respostas inmunes no hóspede. Malia todo, a súa produción presenta algúns problemas, pero poderían chegar a ser unha importante arma para loitarmos contra as infeccións e outras doenzas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Anticorpo de dominio único

Categoría:Inmunoloxía