Santiago Mina Lorenzo, nado o 7 de decembro de 1995 en Vigo é un futbolista galego que xoga de dianteiro centro e actualmente está sen equipo. É fillo do defensa Santiago Mina Vallespín, que xogou tamén no Celta durante a década de 1980.
Traxectoria
Celta de Vigo (1ª etapa) Formouse nas categorías inferiores do Celta de Vigo e na tempada 2012/13 debutou co seu filial, o Celta de Vigo B, na Terceira División. Esa mesma tempada, o 18 de febreiro de 2013, debutou tamén co primeiro equipo en partido oficial, da man do adestrador Paco Herrera, nun encontro da Primeira División ante o Getafe, no que entrou na segunda parte substituíndo a Iago Aspas. Contaba con tan só 17 anos, 2 meses e 9 días, sendo o terceiro futbolista máis novo en debutar co club, superado só en precocidade por Sansón e Iago Bouzón.
Na seguinte tempada comezou a ter moita máis participación no primeiro equipo, que adestraba Luis Enrique. O 16 de setembro de 2013 anotou o seu primeiro gol co primeiro equipo en Primeira División no encontro ante o Athletic de Bilbao, que supuxo tamén a inauguración do novo estadio de San Mamés. Con este tanto bateu dous récords: o do xogador celeste e o do xogador galego máis novo en marcar en primeira división, con 17 anos e 280 días. Rematou a tempada cun total de 31 partidos e 3 goles.
Comezou a tempada 2014/15 con pouco protagonismo no equipo, relegado á suplencia polo adestrador Eduardo Berizzo, pero co paso das xornadas acabou por facerse coa titularidade. O 11 de abril de 2015 no partido entre o Celta de Vigo e o Rayo Vallecano, marcou 4 goles, nun encontro en Balaídos que rematou cun 6-1 no marcador. Foi o primeiro futbolista céltico en conseguir catro goles nun partido de liga dende que o lograra Mori en 1979.
A súa primeira etapa no Celta chegou ata 2015, e pechouna cun total de 56 partidos co primeiro equipo e 12 goles, 9 deles anotados na tempada 2014/15.
Valencia O 4 de xullo de 2015 fichou polo Valencia, co cal asinou un contrato até 2021, logo de que o club pagase a súa cláusula de rescisión de 10 millóns de euros. Na súa primeira campaña en Valencia debutou en competición europea, nun partido da Liga de Campións ante o Gent. Co equipo eliminado da máxima competición europea, en febreiro de 2016 xogou o seu primeiro partido na Europa League, nunha histórica goleada por 6-0 sobre o Rapid Viena, na que marcou dous goles.
Na tempada 2018/19 marcou os seus dous únicos goles na Liga de Campións, ambos no mesmo partido ante o Young Boys suízo. Esa mesma campaña proclamouse campión da Copa do Rei, competición na que contribuíu con catro goles en cinco partidos. Militou un total de catro tempadas no club valenciano, xogando un total de 150 partidos oficiais e conseguindo 42 goles,
Celta de Vigo (2ª etapa) En 2019, con 23 anos, regresou ao Celta de Vigo, dentro dunha operación pola que Maxi Gómez foi traspasado ao Valencia e Jorge Sáenz cedido ao Celta. Titular habitual durante as seguintes tres campañas, foi sempre o segundo máximo anotador do equipo, por detrás de Iago Aspas.
Condena por abuso En xuño de 2017 foi detido pola policía, despois de ser denunciado por agresión sexual a unha muller en Mojácar. Xulgado pola Audiencia Provincial de Almería, en abril de 2022 foi condenado a catro anos de cárcere por abuso sexual e ao pago de 50.000 € de indemnización á vítima.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Celta de Vigo . Datos do xogador en ciberche.net . Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1995 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Criminais de Galicia