A vieira, Pecten maximus (Linnaeus 1758), é un molusco bivalvo, moi apreciado comercialmente, caracterizado pola súa cuncha redonda de gran tamaño.

Morfoloxía miniatura|Vieiras á venda.

A cuncha é redondeada (apuntada no vértice) e de valvas desiguais: a inferior ou dereita é cóncava e a superior ou esquerda plana. Ámbalas valvas están percorridas por costelas ben marcadas, en disposición radial, dando a imaxe dun abano. As costelas, á súa vez, están percorridas por finas liñas tamén radiais. O bordo é fino e ondulado.

Poden se apreciar tamén unhas marcas ou rugosidades finas, concéntricas, que corresponden co rexistro do crecemento do animal.

No vértice mostra dúas prolongacións (orellas) simétricas. Estas formacións permiten diferenciar a vieira doutras especies de pectínidos, como a zamburiña ou a volandeira.

A cor da cuncha é moi variable, normalmente castaña, laranxa ou abrancazada; a valva cóncava é máis clara que a valva plana.

Hábitat e bioloxía Viven en augas profundas da maior parte dos mares, sobre bancos de area limpa e firme preto da costa, até 100 metros de profundidade. Son organismos nadadores e xeralmente atópanse repousando no fondo sobre a súa valva inferior.

Aliméntanse por filtración, polo que ante fenómenos de afloracións masivas de dinoflaxelados (marea vermella) é recomendable evitar o seu consumo.

Son hermafroditas, e maduran primeiro as gónadas masculinas. As gónadas están ben desenvolvidas e son claramente visibles ó abrir a cuncha: a parte laranxa corresponde á gónada feminina e a abrancazada á masculina.

Aproveitamento pesqueiro e comercial As vieiras son de grande importancia comercial, debido ao saboroso da súa carne, que pode ser consumida en diferentes preparacións culinarias (en empanadas, ó forno etc.).

Captúranse mediante o rastro da vieira desde a embarcación na superficie pero tamén se cultiva en batea. A pesca da vieira adquire principal importancia na ría de Arousa, concretamente en Cambados.

No mercado pódense atopar en fresco ou conxeladas. Cando é en fresco adoita ser de orixe galega, aínda que non sempre, mentres que a vieira conxelada é normalmente de orixe foránea, especialmente inglesa.

A vieira en Galicia miniatura|Fito do comezo do Camiño de Santiago desde Fisterra. A cuncha da vieira é o símbolo por excelencia do peregrino no Camiño de Santiago. A razón é que, ao ser típica das costas de Galicia, os peregrinos levábana ós seus lugares de orixe como proba de que chegaran até o final da viaxe. En realidade, Linneo deu o nome de Pecten jacobeus, ou cuncha de Santiago, á vieira do Mediterráneo, non á especie propia das costas atlánticas.

En Galicia, a vieira recibe tamén os nomes de aviñeira, peregrina, cuncha de pelegrín, xacobea Eladio Rodríguez puntualiza que este nome se aplica propiamente á cuncha que levaban os peregrinos. e cascarrón.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Lista de bivalvos de Galicia Vieira heráldica Camiño de Santiago Lista de escudos coa vieira Lista de municipios de Alemaña con vieiras no escudo Lista de municipios de Bélxica con vieiras no escudo Lista de municipios de Francia con vieiras no escudo Lista de municipios de Portugal con vieiras no escudo

Ligazóns externas Ficha en pescaderiascorunesas.es

Categoría:Pectínidos Categoría:Gastronomía de Nadal Categoría:Marisco Categoría:Símbolos de Galicia Categoría:Moluscos de Galicia Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné