O nome de ameixa é denominación común dun grupo de moluscos bivalvos de alto interese comercial e de morfoloxía semellante aínda que pertencen a especies diferentes. A superficie da cuncha é substancialmente lisa e de cores variables. Viven soterrados a escasa profundidade nos fondos areosos do mar, malia que hai especies que viven en augas doces.
As ameixas pertencen a especies diferentes da familia Veneridae.
Morfoloxía miniatura|Variacións na cor da cuncha na ameixa xaponesa.
Como tódolos moluscos bivalvos, posúen un corpo brando, cuberto cun manto, e protexido por unha cuncha formada por dúas valvas equiláteras artelladas entre si por unha estrutura característica denominada charneira. Poden pecha-las valvas voluntariamente mediante uns músculos, denominados ligamentos, que deixan na cara interior da cuncha unha marca que serve para a identificación da especie. A apertura das valvas é un acto consecuente á relaxación deses músculos.
A cuncha é de cor variable, desde branca amarelada a case negra, segundo a especie e as características do medio no que viven, normalmente con bandas de cor máis escura có resto. Presenta unhas estrías, máis ou menos marcadas, características de cada especie, que se denominan radiais ou transversais (desde o vértice ó bordo da cuncha) e concéntricas ou lonxitudinais, paralelas ó bordo. Estas últimas son as estrías de crecemento, a modo dos aneis das árbores.
Anatomía A cara interior da cuncha está recuberta polo manto, que deixa tamén unha marca, a impresión paleal, máis ou menos paralela ó bordo da cuncha. O debuxo desta impresión tamén axuda na identificación da especie.
Protexido pola cuncha e o manto está o corpo do animal, formado pola masa visceral (aparato dixestivo e reprodutor) e as branquias. Da masa visceral sobresae o pé, órgano de natureza muscular, dunha forma que lembra un machado, que lle serve para desprazarse e para enterrarse na area. Pola presenza deste pé, os bivalvos tamén recibiron o nome de pelecípodos.
As branquias son dúas láminas pregadas, provistas de cilios, que conforman unha tupida rede que retén as partículas que arrastra a auga. A estas branquias en lámina débenlle os bivalvos o nome de lamelibranquios.
Outro órgano característico das ameixas son os sifóns, que se abren na parte posterior do corpo (a oposta ó pé). Son dous tubos que poden estar separados ou soldados en toda a súa lonxitude ou en parte, segundo a especie, e cos que o animal toma e expele a auga, por cadanseu sifón, para alimentarse e respirar. O sifón inferior é o inhalante e o superior é o expelente ou anal.
Bioloxía As ameixas aliméntanse por filtración. Xa vimos como toman auga polos sifóns, que é filtrada polas branquias para rete-lo alimento, formado fundamentalmente por algas diatomeas e materia orgánica presente no sedimento areoso no que viven.
Este tipo de alimentación por filtración implica que tamén reteñan as bacterias presentes na auga procedentes da contaminación mariña de orixe fecal, coliformes e salmonelas fundamentalmente. A presenza destes xermes nas ameixas obriga á súa depuración antes da súa comercialización e consumo, operación que pretende reduci-lo nivel de contaminación microbiana a límites seguros.
Hábitat A temperatura e salinidade da auga determinan o volume de auga que filtran e, por conseguinte, a cantidade de alimento que inxiren. A temperatura óptima da auga para un maior crecemento corporal oscila entre os 10 e os 20 °C, aínda que toleran niveis de temperatura máis amplos. A igualdade de condicións, a ameixa babosa e a xaponesa ou de cultivo presentan un crecemento maior có da ameixa fina. Pola mesma razón, aquelas son máis sensibles a temperaturas e salinidades baixas.
Os predadores naturais das ameixas son os cangrexos de mar, certos peixes (como a dourada), as estrelamares e pequenos caracois perforantes. Tamén, pero en menor grao, algunhas aves mariñas.
Reprodución As ameixas son especies con sexos separados, é dicir, hai exemplares machos e femias. A reprodución é estacional, cunha fase de repouso sexual de outubro a marzo e unha fase de desove de xullo a agosto, cando a auga alcanza temperaturas de 18 a 21 °C. Na ameixa babosa o desove prodúcese na primavera, pero pode repetirse en outubro.
A fecundación é externa. Trala fecundación dos gametos, os ovos quedan suspendidos na auga, formando parte do zooplancto. Ós dez días dan lugar a unha larva veliger que nada na auga durante un tempo ata que o peso da cuncha lle fai caer ó fondo. Fíxase a unha pedra, gran de area ou calquera corpo sólido, onde continúa crecendo e mudando.
Especies comerciais miniatura|dereita|Ameixa americana (Mercenaria mercenaria) Na listaxe que segue relaciónanse as especies de ameixas comercializadas en Galicia, así como outros moluscos semellantes que se poidan confundir con aquelas. Tamén citaremos outros moluscos non comestibles presentes nas nosas costas e coñecidos como ameixas.
Resulta imposible incluír nesta listaxe outras especies de ameixas, comestibles ou non, presentes nas augas doutros países xa que sería necesaria unha relación inacabable e, aínda así, incompleta.
Ameixas Ameixa fina (Ruditapes decussatus). Ameixa babosa (Venerupis senegalensis) Ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum) Ameixa rubia (Venerupis rhomboides) Ameixa bicuda (Venerupis aurea)
Especies semellantes Ameixón (Callista chione) Cadelucha (Donax trunculus) Chirla (Chamelea gallina) Cornicha (Spisula solida) Rabioso (Glycymeris glycymeris) Reló (Dosinia exoleta)
Outras ameixas galegas non comestibles
Especies invasoras Ameixa asiática (Corbicula fluminea)
Sinonimia + Denominación das ameixas nos diferentes idiomas Especie Nome científico Portugués Castelán Catalán Eusquera Inglés Francés Italiano Ameixa fina Ruditapes decussatus Amêijoa-boa Almeja fina Cloïsa fina Txirla Handia Grooved Carpet Shell Palourde Commune Vongola vera Ameixa babosa Venerupis senegalensis Amêijoa-macha Almeja babosa Cloïsa babosa Txiria Lingirdatsua Carpet Shell Clovisse Vongola Ameixa xaponesa Ruditapes philippinarum Amêijoa-japonesa Almeja japonesa Cloïsa Txirla Japoniarra Manila Clam Palourde japonaise Vongola giapponese Ameixa rubia Venerupis rhomboides Amêijoa-vermelha Almeja rubia --- Txirla Zerredaduna Banded carpet Clovisse --- Bicuda Paphia aurea Amêijoa-cão Almeja dorada Margarida Urre-Txirla Golden Carpet Shell Clovisse jaune Vongola gialla Cornicha Spisula solida Amêijoa-branca Almeja blanca Escunpinya bestia Txirla Zurda Solid Mactra -- --- Chirla Chamelea gallina Pé-de-burrinho Chirla --- --- Striped venus clam Petit praire Vongola Cadelucha Donax trunculus Cadelinha Coquina Tellerina Kedelutxa Wedge Clam Haricot de mer --- Ameixón Callista chione Amêijola Almejón de sangre Petxina Lluenta Txirla Arre Gorrisca Brown venus shell Grande palourde Cappa chione Reló, Moelo Dosinia exoleta Aamêijoa-relógio Reloj Moelo Doxinia Rayed Artemis --- --- Rabioso Glycymeris glycymeris Castanhola Almendra de mar --- --- Dog cockle Amande de mer Pie d'asino comune
Recurso pesqueiro O marisqueo representa en tódalas rías galegas unha actividade pesqueira fundamental para a economía das poboacións da nosa costa. Reporta unha considerable fonte de ingresos ó dar traballo a un elevado número de persoas, tradicionalmente mulleres, á vez que fornece unha variada economía indirecta a través das industrias pesqueiras ou alimentarias relacionadas cos moluscos.
Artes e métodos de pesca Podemos dividi-los métodos do marisqueo en dous grandes grupos, cada un deles coas súas variantes segundo a especie que se pretende capturar e tamén segundo os usos e costumes do porto no que se utilizan:
Marisqueo a pé Marisqueo a flote
O marisqueo a pé persegue a obtención da moluscos presentes na praia (ameixa, berberecho) ou nas rochas (mexillón, percebe) nas fases de baixamar. Tamén se chama ir á seca.
Canto ó que aquí nos interesa, utilízase o sacho, equivalente en todo á mesma ferramenta usada na agricultura. Con el, os mariscadores cavan na area para deixar o molusco ó descuberto.
Outro trebello utilizado sería o angazo, máis propio de moluscos máis superficiais, coma o berberecho. No caso de zonas que non quedan totalmente ó descuberto pero aínda así permiten o marisqueo a pé pode utilizarse o salabardo, especie de rede de man na que se vai botando a area e que retén o molusco.
Tamén se usa o fouciño, similar ó de uso agrícola, co que se escava a area seguindo o burato que deixa os sifóns da ameixa.
O marisqueo a flote é o método adecuado para a captura de moluscos que medran por debaixo da liña de marea. As artes utilizadas son o rastro ou angazo e o raño. Basicamente consisten nun angazo que leva unido un copo feito de rede de corda -no rastro- ou de variñas metálicas -no raño-, e dotado dunha longa vara ou mango que pode chegar a medir 8-9 metros. O mariscador lanza a arte ó mar e achégaa cara á chalana arrastrándoa contra o fondo, de modo que no copo van quedando os moluscos (e cando corpo sólido atope maior ca malla). Ó chegar ó pé da barca, súbea a bordo e escolle o molusco.
Cultivo miniatura|250px|Parques de cultivo de ameixa e berberecho na costa do Grove. miniatura|250px|Detalle dun viveiro de ameixa, en seco, tamén no Grove.
Ata hai ben pouco, o cultivo das ameixas nas rías galegas limitábase realmente a un proceso de engorde, mediante parques de cultivo (concesións pesqueiras acoutadas no espazo intermareal) nos que se ían botando os exemplares de pequeno tamaño que se capturaban nas accións do marisqueo e esperábase a que alcanzaran un tamaño comercial. Pouco a pouco, segundo aumentaba a rendibilidade deste recurso pesqueiro, os mariscadores foron introducindo melloras produtivas e coidando máis a produción, mediante o arado do fondo de area para mellora-la aireación, control e eliminación de predadores e competidores (algas e estrelamares), eliminación de exemplares mortos etc.
Posteriormente comezouse coa introdución de cría, procedente de criadeiros industriais, de zonas de maior produción ou importada de países que, como Italia coa ameixa xaponesa, producían grandes cantidades de semente. Estes exemplares pequenos botábanse na area do parque, onde medraban ata o tamaño comercial.
Na actualidade, o cultivo de ameixas está moito máis tecnificado. Xa existe a posibilidade de manter en criadeiros os exemplares adultos, reprodutores, para producir ovos fecundados que comezan o crecemento en condicións controladas de temperatura, auga e subministración de plancto. Estes criadeiros fornecen ós mariscadores da semente para os seus parques.
O cultivo realízase en dúas fases: unha primeira de preengorde, desde tamaños de 3–5 mm ata alcanzar os 12–15 mm; e unha segunda de engorde, ata o momento da comercialización.
A fase de preengorde pode realizarse directamente sobre a area do parque, protexéndoa cunha rede tupida, ou dentro de bandeixas, caixas ou estanques que se enchen de auga ó subi-la marea. En calquera dos dous sistemas cómpre revisa-la instalación con moita frecuencia para eliminar predadores (especialmente cangrexos) e algas, que impedirían a osixenación.
Na fase de engorde, bótanse as pequenas ameixas – de 12–15 mm de lonxitude- directamente na area do parque de cultivo, sendo necesarias menos precaucións. Nun prazo de 13-14 meses, na ría de Arousa, poden alcanzar o talle mínimo para seren comercializadas.
Comercialización
Aspectos sanitarios: depuración