O Tractatus logico-philosophicus é a única obra filosófica publicada polo filósofo austríaco Ludwig Wittgenstein. Era un ambicioso proxecto: identificar a relación entre a linguaxe e definir os límites da ciencia. É recoñecido como unha importante obra filosófica do século XX. G. E. Moore orixinalmente suxeriu o título latino da obra como unha homenaxe a Tractatus theologico-politicus de Baruch Spinoza.
Obra bastante breve en extensión (en torno a 70 páxinas) pero moi complexa, o Tractatus deu lugar a numerosas interpretacións. Mentres que o significado máis profundo do texto era ético para Wittgenstein, a maior parte das lecturas destacan o seu interese para a lóxica e a filosofía da linguaxe. Non foi ata moito máis tarde que estudos máis recentes empezaron a destacar o aspecto místico da obra como algo central.
Considerado amplamente como un dos libros de filosofía máis importantes do século XX, o texto exerceu unha influencia crucial no positivismo lóxico en xeral sobre o desenvolvemento da filosofía analítica. Xunto a Bertrand Russell, fixo de Wittgenstein un dos expoñentes do atomismo lóxico.
En 2013 foi publicado en formato bilingüe alemán-galego pola Editorial Toxosoutos, en tradución de Xoán Fuentes Castro,Ficha da tradución na bitraga. co título de Tratado lóxico-filosófico.Tratado lóxico-filosófico Toxosoutos
Escritura e edición do libro A maior parte do Tratactus logico-philosophicus foi escrito durante a I Guerra Mundial, mentres Wittgenstein combatía na fronte italiana nas fileiras do exército austríaco, e xa rematada a guerra, mentres o filósofo permanecía prisioneiro en Italia. Cando regresou a Austria no verán de 1919 xa redactara a versión definitiva da obra. Wittgenstein comezou a procurar editor para ela, pero foi Bertrand Russel quen finalmente conseguiu un editor. A primeira edición, en alemán e inglés, foi recibida polo filósofo no outono de 1922 na viliña de Puchberg, onde exercía como mestre de ensino primario.
Natureza e estrutura O libro enfrontase aos problemas centrais da filosofía que teñen que ver co mundo, o pensamento e a linguaxe, e presenta unha "solución" (como a denomina Wittgenstein) a estes problemas, a cal está fundada na lóxica e na natureza da representación. O mundo está representado polo pensamento, o cal é unha proposición con significado, posto que todos (o mundo, o pensamento e a proposición) comparten a mesma forma lóxica. Polo tanto, o pensamento e a proposición poden ser imaxes dos feitos.
A pesar do seu título (Tratado lóxico-filosófico), o Tractatus non se supón unha "obra de ensinanza". Segundo o autor, o libro non contén teses propiamente ditas. Este aspecto non doutrinario explica en parte o carácter globalmente non argumentativo da obra: Wittgenstein enumera unha gran cantidade dos seus aforismos sen presentar nin argumentos nin exemplos. Os pensamentos que expresa non poden seguramente comprenderse máis que por alguén que xa os pensara con antelación, argumentar pois, non é o esencial.
A obra componse de sete aforismos principais, ordenados do menos ao máis importante. Cada aforismo, con excepción do último, está seguido de observacións que lle concirnen. A numeración das súas observacións pode parecer desconcertante a primeira vista: Así, o aforismo 2 está seguido de 2.01 despois de 2.1, e igualmente o aforismo 3 está seguido do 3.001, 3.01, ... 3.03, 3.031 etc. De feito esta numeración retoma a lóxica matemática da proximidade numérica para indicar o grao da observación efectuada en relación ao aforismo ou á observación que a precede: Así, 3.001 é máis achegado a 3 que 3.01: Unha interpretación posible é que 3.001 indica unha relación tenue do tipo dunha definición conceptual dos termos do aforismo, mentres que 3.01 sinala as implicacións inmediatas do aforismo, 3.1 amplía os campos de comprensión do aforismo...
Poderiamos expoñer a estrutura do libro da seguinte maneira:
As seccións 1. e 2. tratan sobre cuestións ontolóxicas; presentan a metafísica do Tractatus. 1. trata sobre o mundo. 2. trata sobre a natureza dos feitos. As seccións 3. a 6. tratan sobre a imaxe do mundo. 3. desenvolve a noción da imaxe. 4. expón a filosofía da linguaxe e a concepción da filosofía de Wittgenstein. 5. e 6. presentan unha "teoría" da lóxica e da súa natureza. A última proposición 7. fai referencia ao aspecto inefable do contido do Tractatus.
En contra da estrutura do libro real, podemos tamén concibir outro plan da obra apoiándonos nunha declaración de Wittgenstein:
Poderiamos entón considerar o plan do libro como articulándose arredor da distinción parte escrita/parte non-escrita.
Propósito do libro O Tractatus logico-philosophicus é unha obra acerca do significado. Tratase de trazar os límites do significado, de separar o que pode dicirse e o que non pode dicirse. En efecto, non todo pode dicirse de forma sensata, existen para Wittgenstein límites á expresión dos pensamentos. O autor non sostén aquí que existan pensamentos en si mesmos desprovistos de significado, senón máis ben que todos os pensamentos non son expresábeis. A obra ten entón por obxecto establecer os criterios que fan que unha exposición teña sentido, determinar o que podemos dicir e o que debemos calar. O veredicto de Wittgenstein é claro: o ámbito do que pode dicirse e o do significado traslapanse, intentar expresar o indicíbel coa linguaxe non leva senón a unha exposición carente de significado. O Tractatus é entón unha obra de delimitación: Wittgenstein expón os criterios do significado e en que casos non se cumpre con ditos criterios.
Esta demarcación non e porén unha desvalorización do inefable. Wittgenstein recoñece a importancia do inefable, pero é recoñecéndoo como tal que o "poñemos no seu sitio". Para darlle a súa importancia real ao indicíbel, fai falla comprendelo como tal e non tratar de comunicalo por medio da linguaxe. A fórmula da introdución resume entón de boa maneira o libro: "Todo o que pode ser expresado en absoluto pode ser expresado claramente, e sobre aquilo que non pode ser expresado debemos gardar silencio".
Os aforismos O mundo é todo o que acaece. O que acaece - un feito - é a existencia de estados de cousas. Unha representación lóxica de feitos é un pensamento. Un pensamento é unha proposición con significado. Unha proposición es unha función da verdade das proposicións elementais. (Unha proposición elemental é unha función de verdade de si mesma). A forma xeral dunha función de verdade é: [p, ξ, N(ξ)]. Esta é a forma xeral dunha proposición.: Sobre o que non podemos falar debemos gardar silencio.:
A metafísica do Tractatus O Tractatus comeza cunha serie de aforismos sobre a ontoloxía, pero xa que ditas proposicións non se presentan como teses, falar dunha "ontoloxía" wittgensteniana non sería de todo adxeitado dende a perspectiva do autor."Tamén é acaso un malentendido o ver no Tractatus a presentación dunha ontoloxía sistemática ou incluso de forma exclusiva un tratado sobre a sintaxe lóxica. Certamente os temas ontolóxicos están presentes e as análises sintácticas xogan un papel importante, pero a función das operacións que lles corresponden non pode ser ignorada". Joachim Schulte, Lire Wittgenstein. Dire et montrer, cité dans Frédéric Nef, Qu'est ce que la métaphysique?, Gallimard, Paris, 2004, p. 420 De forma resumida empezando non obstante, co que parece ser unha metafísica, Wittgenstein ve o mundo como conformado (1) por feitos, en lugar de obxectos na concepción atomista tradicional. Os feitos son (2) estados de cousas existentes, os cales á súa vez son combinacións de obxectos. Os obxectos poden acoplarse de varias formas determinadas; poden ter diversas propiedades e poden manter diversas relacións entre si. Os obxectos combínanse entre si de acordo ás súas propiedades lóxicas internas, as cales, noutras palabras, determinan as posibilidades das súas combinacións con outros obxectos, i.e., a súa forma lóxica. De modo que os estados de cousas, en tanto están compostos de obxectos en combinación, son inherentemente complexos. Os estados de cousas que efectivamente existen poderían ter sido doutro modo. O cal significa que os estados de cousas son ou ben factuais (existentes) ou posíbeis. E é a totalidade dos estados de cousas (os existentes e os posíbeis) que integran o conxunto da realidade. O mundo é xustamente aqueles estados de cousas que efectivamente existen.
Feitos Unha das nocións máis importantes do Tractatus é a noción de feito, que aparece dende a segunda proposición (1.1).
O mundo non é un conxunto de obxectos: de árbores, de persoas, de cidades etc.; o mundo está composto de feitos como "a neve é branca", "el corre rápido" etc. Isto pon de manifesto o aspecto atomista da filosofía de Wittgenstein, o mundo componse de elementos simples (os feitos), e grazas á análise chegamos a eses elementos. Contrario á opinión de Russell, Wittgenstein considera que é o feito, e non os obxectos, o elemento lóxico fundamental do mundo.
O feito queda definido como "o que é o caso". O feito responde a un criterio de independencia: un feito pode ou non ser o caso sen que isto inflúa no resto do que existe (1.21).
Feito e obxecto Aínda que o feito sexa a unidade básica para Wittgenstein, o feito está á súa vez composto de obxectos. Esta composición ten dous trazos fundamentais: 1) é articulada e 2) non necesita un elemento distinto aos obxectos mesmos para ser establecida. Vexamos con detemento cada unha destas características:
1) A composición dos feitos polos obxectos é articulada
Isto significa que un feito non é un simple agregado "en lista" de obxectos, senón dun modo particular de estar xuntos. O importante dos obxectos nun feito é a maneira en que se relacionan e non a súa suma. Sexan dous obxectos a e b, entón podemos representar un feito que os implica como aRb onde R significa a maneira particular en que a entra en relación con b. Ben podería pensarse un feito cuxos obxectos sexan a e b, pero cuxa relación sexa de todo distinta, sendo representada como aSb etc. Se a concatenación de obxectos nun feito fose un simple agregado, poderiamos representala como ab, mais esta nomenclatura non rescataría o esencial do pensamento de Wittgenstein: unha colección determinada de obxectos pode relacionarse de múltiples formas para dar distintos feitos. Á maneira particular en que dous ou máis obxectos se relacionan nun feito Wittgenstein chámaa a estrutura do feito. Á súa vez, a posibilidade desa estrutura chámaa a forma do feito. Cando Wittgenstein leva ao extremo este pensamento aparece o seu aspecto filosófico: o mundo actual e existente é unha concatenación ou articulación de obxectos posible entre moitas outras. Porén, os obxectos son esencialmente os mesmos en cada un deles. Por este motivo concluirá que os obxectos son a substancia do mundo, isto é, aquilo invariable a través dos cambios.
2) A composición dos feitos polos obxectos non necesita un elemento distinto aos obxectos mesmos para ser establecida
O anteriormente exposto pode levar á pregunta "¿é R un elemento que une a a e b nunha relación?" Esta é unha confusión ontolóxica na que Wittgenstein non desexa caer. Non se trata aquí de postular a existencia de dúas ou máis clases de obxectos, por exemplo, os obxectos "obxectuais" e os obxectos "relacionais" que xuntos establecerían unha relación. Vistas as cousas baixo esa óptica errónea sempre cabería a pregunta "¿que relaciona os elementos a, R e b?, ¿Non é o verdadeiro elemento último que nos interesa, tal como antes aparecía R na demostración da insuficiencia da fórmula ' ab '?" E claro que este punto de vista nos levaría a unha regresión ao infinito. Preocupariámosmos polo elemento que une aos elementos na súa unión cos elementos e así sucesivamente.