José María Sánchez Lage, nado en Buenos Aires o 11 de maio de 1931 e finado na mesma cidade o 31 de decembro de 2004, foi un futbolista e adestrador de fútbol arxentino, de orixe galega. Xogaba de dianteiro e destacou principalmente no Oviedo e no Valencia.

Traxectoria

Comezos na Arxentina Naceu en Buenos Aires, sendo fillo de dous inmigrantes galegos, naturais de Vigo. Comezou a súa carreira profesional en 1950 en River Plate, saíndo cedido ao ano seguinte a Banfield, onde xogou ata 1953. Alí compartiu equipo entre outros con Eliseo Mouriño e Gustavo Albella, contribuíndo a que o equipo lograse en 1951 un histórico primeiro posto na Primeira División, empatado a puntos co Racing Club. Xogáronse entón no Gasómetro dous partidos de desempate que acabaron 0-0 o primeiro e 1-0 o segundo, con vitoria para Racing cun gol de Mario Boyé. Este equipo de Banfield foi o primeiro dos non chamados grandes en rematar primeiro no fútbol arxentino.

En 1954 asinou con Huracán, regresando ao ano seguinte a River Plate. Con este equipo gañou tres campionatos arxentinos consecutivos, aínda que non conseguiu a titularidade nun equipo no que xogaban destacados dianteiros como Omar Sívori, Santiago Vernazza, Walter Gómez e Ángel Labruna. En 1958 pasou ao Atlanta, co que gañou a Copa Suecia, e a continuación fichouno o Real Oviedo por medio do directivo Félix Serrano, que o vira xogar en River.

Etapa no Oviedo O Oviedo pagou por el 400.000 pesetas, e debutou na Primeira División o 4 de xaneiro de 1959, nunha vitoria sobre o Atlético de Madrid no Carlos Tartiere. Fíxose inmediatamente coa titularidade nun equipo no que xogaban os tamén arxentinos Álvarez, Manuel Sánchez, Massey e Evaristo Sande, ademais do propio adestrador, o bonaerense Abel Picabea. Disputou todos os restantes partidos da tempada, anotando seis goles, o primeiro deles contra o Valencia en Mestalla.

Foi unha das principais figuras do Oviedo naqueles anos, nos que o club viviu unha das súas épocas máis gloriosas, culminando co terceiro posto en liga na tempada 1962/63, só por detrás do Real Madrid e o Atlético de Madrid. Xogou 134 partidos nas nas súas cinco tempadas en Asturias, marcando 45 goles.

Chegada ao Valencia Acabada a liga 1962/63 foi inmediatamente traspasado ao Valencia, xunto ao seu compañeiro de equipo Paquito, por un importe total de 4 millóns de pesetas. Debutou co equipo de Scopelli o 12 de xuño no primeiro partido da final da Copa de Feiras contra o Dinamo de Zagreb no Stadion Maksimir iugoslavo, que rematou con vitoria por 1-2. Disputou tamén o partido de volta en Mestalla, onde o Valencia se proclamou campión ao vencer por 2-0. Xogou tres anos máis no club valenciano, disputando outras tres edicións da Copa de Feiras, e formou dianteira entre outros con Héctor Núñez, Poli, Waldo e Guillot. Disputou 106 partidos, marcando 21 goles.

Deportivo da Coruña e Levante Na tempada 1966–67 fichou polo Deportivo da Coruña, ao que chegou xunto aos tamén exvalencianistas García-Verdugo e Suco. Xogou 24 partidos e marcou 4 goles, nunha tempada na que o equipo galego descendeu a Segunda División. Ao ano seguinte pasou ao Levante, na categoría de prata, co que acabou descendendo a Terceira.

Axudante de Alfredo di Stéfano Trala súa retirada foi director técnico do Valencia e xestionou a fichaxe do adestrador Alfredo Di Stéfano, do que tamén foi axudante. Xuntos gañaron a liga na tempada 1970/71. Uns anos despois instalouse definitivamente en Buenos Aires, e alí volveu ser asistente de Di Stéfano no River Plate, gañando o campionato arxentino de 1981.

Palmarés River Plate

Primeira división da Arxentina (3): 1955, 1956, 1957. Atlanta

Copa Suecia (1): 1958.

Valencia

Copa de Feiras (1): 1962/63.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en BDFA.com . Datos do xogador en ciberche.net .

Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 2004 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CA River Plate Categoría:Xogadores do CA Banfield Categoría:Xogadores do CA Huracán Categoría:Xogadores do CA Atlanta Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina