Kaguya, denominada así pola princesa dunha lenda que visitaba a Terra desde a Lúa, tamén denominada SELENE (acrónimo de Selenological and Engineering Explorer) foi unha sonda lunar xaponesa lanzado o 14 de setembro de 2007 mediante un foguete H-IIA desde o Centro Espacial de Tanegashima.
Características A misión de Kaguya foi facer un estudo global da Lúa, determinar a abundancia de elementos, a composición mineralóxica, a topografía, xeoloxía e gravidade e os contornos de plasma do sistema Terra-Lúa e desenvolver as tecnoloxías necesarias para futuras exploracións lunares. A misión estaba composta por tres satélites: o satélite principal en si (Kaguya) e dous subsatélites, un (denominado Ouna) para facer experimentos de radio e interferometría de longa base e outro (Okina) que funcionaba como estación repetidora para cando Kaguya estaba no lado oculto da Lúa, axudando ademais a facer experimentos de medición do campo gravitatorio.
O satélite tiña forma de caixa de 2,1 x 2,1 x 4,8 metros, dividido nun módulo de instrumentación científica e un módulo de propulsión. A alimentación eléctrica era proporcionada por un panel solar de 22 m² de xermanio e arseniuro de galio que sobresaía dun lateral e que subministraba ata 3486 vatios de potencia, cargando catro baterías de hidruro de níquel de 50 voltios e 35 Ah de capacidade. As comunicacións tiñan lugar en banda S e banda X mediante unha antena de alta ganancia de 1,3 metros de diámetro no lado situado a 90 graos con respecto do panel solar e mediante catro antenas omnidireccionais de banda S. O sistema de almacenamento de datos de a bordo tiña unha capacidade de 10 Gbytes. A propulsión principal corría a cargo dun motor bipropelente de 500 N de impulso e da mantenza orbital e o control de guiñada e cabeceo encargábanse doce propulsores bipropelente de 20 N, mentres que o control de alabeo era levado a cabo por oito propulsores monopropelente de 1 N. A nave estaba estabilizada nos tres eixos.
Perfil da misión
Kaguya foi lanzada ás 1:31 GMT (10:31 hora do Xapón) desde Tanegashima o 14 de setembro de 2007 a unha órbita terrestre. Separouse do foguete portador 45 minutos e 34 segundos máis tarde, despois do cal despregou a súa antena de alta ganancia e o panel solar. Tras dúas manobras orbitais quedou nunha órbita de 924 km de perixeo e 232.731 km de apoxeo. Tras tres correccións orbitais, Kaguya encendeu o motor principal e inxectouse nunha órbita translunar, entrando en órbita lunar ás 21:20 GMT do 3 de outubro, cun perilunio de 101 km e un apolunio de 11.741 km. Kaguya fixo seis manobras orbitais máis, durante as cales liberou os subsatélites Okina e Ouna, e para acabar nunha órbita polar de 80 x 128 km o 19 de outubro. O traballo científico da sonda comezou o 20 de outubro. Tras finalizar o seu traballo a sonda foi estrelada contra a Lúa a propósito o 10 de xuño de 2009.
Instrumentos Kaguya levaba os seguintes instrumentos a bordo:
Espectrómetro de raios X (XRS). Espectrómetro de raios gamma (GRS). Cámara multibanda (MI). Perfilador espectral (SP). Cámara de terreo (TC). Radar sondador lunar (LRS). Altímetro láser (LALT). Magnetómetro lunar (LMAG). Espectrómetro de partículas cargadas (CPS). Experimento de composición e enerxía de plasma (PACE). Ciencia por radio (RS). Cámara de plasma e da atmosfera superior (UPI). Televisión de alta definición (HDTV).
Notas
Categoría:Satélites artificiais