O rego de Trabe ou da Trabe, ás veces chamado río Trabe, nace nos altos do monte da Zapateira, nunha zona que foi un campo de mámoas, a uns 200 metros de altitude e discorre polo concello de Culleredo ata desembocar na ría do Burgo en Acea de Ama.

Descrición O rego da Trabe nace na chaira que constitúen os altos da Zapateira, na zona en que se xuntan os concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo, preto do club de golf. Descende rapidamente entre penedos e rochas graníticas nunha pequena fraga rodeada de plantacións de eucaliptos. O seu caudal medra coas achegas de pequenos regatos e mananciais antes de chegar aos Montes de Chans, que sortea polo sur formando un pronunciado meandro, que coincide co ángulo que actualmente conforman a estrada AC-14 e o seu ramal cara ao aeroporto da Coruña. Neste relanzo a paisaxe torna chá e o río discorre por un prado primeiro, e abeirado por vexetación riparia despois. Entrando na parroquia de Almeiras, o desnivel vólvese máis acusado e o río baixa por entre un eucaliptal. Baixo a estrada N-550, o rego da Trabe recibe pola marxe esquerda as augas do seu principal afluente, o rego do Castro, que provén da faldra norte da Zapateira. Dende aquí xa flúe por unha franxa practicamente chaira no lugar da Choeira, paralelo a un paseo peonil na beira esquerda. No seu treito final, xa canalizado e nunha contorna urbana, discorre entre parques e paseos ata chegar aos muíños de Acea de Ama na ría do Burgo.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Outros artigos Monte da Zapateira Museo dos Muíños de Acea de Ama

Bibliografía Luís Monteagudo, Necrópolis de Mámoas de A Zapateira (A Coruña). Anuario Brigantino.

Categoría:Ríos da provincia da Coruña Categoría:Culleredo