Felipe Arias Vilas, nado en Lugo o 5 de xullo de 1949, é un arqueólogo galego.
Traxectoria Licenciado en Filosofía e Letras (sección Xeografía e Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela (1971). Foi Premio Extraordinario de Licenciatura coa Tese sobre a Muralla Romana de Lugo. Foi profesor de Historia e Arqueoloxía e bolseiro de investigación na USC (1971-1974). Participou e dirixiu proxectos relacionados coa Prehistoria e a romanización en Galicia, centrando a súa investigación no Castro de Viladonga e no Lugo romano. Participou nas campañas realizadas nas Torres de Oeste, en Catoira, e nos castros de Punta Neixón, en Boiro; Penarrubia, en Lugo; Castillós, en Pantón; ou Santa Eulalia de Bóveda.
Foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, é xefe da sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (CSIC), e promotor do Consello Galego de Museos. Funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos desde 1974. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984 e estivo á fronte do Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación, en 1983, ata a súa xubilación no 2014. Foi Director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia de 2005 a 2009.
Colaborou en máis de duascentas setenta publicacións en forma de libros, artigos, folletos, e traballos varios, en especial sobre temas de arqueoloxía galega e lucense, epigrafía e numismática romanas, museos, patrimonio cultural etc. Desde 2016 é profesor investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela. En 2025 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega.
Obras Las murallas romanas de Lugo, 1972. Museo Provincial de Lugo, 1981. Castro de Viladonga, 1985. Museo do Castro de Viladonga, 1996 Dicionario de termos de arqueoloxía e prehistoria (1995). Ccon Ana Romero Masiá. Ir Indo. ISBN 84-7680-168-8. Até o confín do mundo: diálogos entre Santiago e o mar: do 27 de xullo ao 30 de settembro, Museo do Mar de Galicia, Alcabre, Vigo (2024). Museo do Mar de Galicia. ISBN 84-933373-4-X. Versión en castelán.
Obras colectivas La romanización de Galicia, 1972, Cadernos do Seminario de Sargadelos. Inscriptions romaines de la province de Lugo (1979). Diffusion de Boccard. Museo del Castro de Viladonga (1990). Ministerio de Cultura, Subdirección General de Museos Estatales. Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais, 1993, Museo do Pobo Galego. Museo do Castro de Viladonga: Castro de Rei-Lugo (1990). Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Historia de Lugo (2001). Vía Láctea.
Vida persoal
Fillo de Felipe Segundo Arias Varo e Alicia Vilas Diaz.
Premios 2013: Premio da Cultura Galega no ámbito do patrimonio cultural
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Ficha en galegos.info Entrevista
Categoría:Arqueólogos de Galicia Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1949 Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela