Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.

Dende que as illas comezaron a estar habitadas no século II, Singapur formou parte de varios dos imperios que habitaron a zona, acollendo a partir de 1819 un posto comercial da Compañía Británica das Indias Orientais co permiso do Sultanato de Johor. Os británicos conseguiron a soberanía sobre a illa en 1824, converténdose nunha das Colonias do Estreito en 1826. Ocupado polos xaponeses durante a segunda guerra mundial, Singapur declarou a súa independencia en 1963, uníndose con outros antigos territorios británicos para formar Malaisia. Con todo, volveu declarar a súa independencia tan só dous anos despois. Dende entón, o rápido e gran crecemento da súa riqueza converteuno nun dos chamados Catro tigres asiáticos.

Singapur é hoxe o cuarto centro financeiro mundial e o seu porto un dos cinco máis activos do mundo. A súa economía depende en gran medida das exportacións de bens e da refinación de importacións, especialmente no sector manufactureiro, que constituían o 26% do seu PIB en 2005. En termos de paridade de poder adquisitivo, Singapur ten a terceira renda per cápita máis alta do mundo.

Politicamente, Singapur é unha república parlamentaria pluripartidista unitaria cun sistema de goberno de tipo británico parlamentario unicameral. O Partido de Acción Popular gañou tódalas eleccións dende o autogoberno en 1959. Pouco máis de cinco millóns de persoas viven en Singapur, das cales tan só 2.910.000 naceron no país. A poboación é moi diversa, sendo case o 75% da poboación total de orixe chinesa, mentres que os malaios e os indios forman as minorías máis significativas. Como reflexo desta diversidade, o país ten catro linguas oficiais: o chinés, o inglés, o malaio e o támil. É un dos cinco membros fundadores da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), anfitrión da Secretaría da Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) e membro da Cúpula de Asia Oriental, do Movemento de Países Non Aliñados e da Commonwealth.

Etimoloxía O nome galego de "Singapur" deriva da palabra malaia Singapura (en sánscrito: सिंहपुर, en cingalés: සිංහපුර, Singha). A palabra está composta por dous termos de orixe sánscrita, Singa provén da palabra Siṃha (सिंह), que significa "león", e Pura (पुर) que significa "cidade", un sufixo habitual dentro da toponimia indíxena local. Debida a isto, o país é coñecido ás veces como a Cidade do León.

Aínda que na zona a lingua que se falaba era o támil, a etimoloxía de Singapur provén do sánscrito debido á influencia dos reis Chola da India sobre a área, os cales preferían utilizar o sánscrito para títulos reais ou relixiosos. A pesar do nome, recentes estudos indican que probablemente nunca houbo leóns na zona, así que a besta vista por Sang Nila Utama, quen fundou a idade e lle outorgou o seu nome, era posiblemente un tigre.

Historia

Historia antiga miniatura|left|180px|Retrato de Parameswara. O primeiro escrito sobre Singapur do que se ten constancia é unha narración chinesa do século III, na que se describe a illa de Pu Luo Chung (en chinés: 蒲罗中) na península Malaia. Este nome é unha transliteración do malaio "Pulau Ujong", que significa "a illa do final". O escrito Sejarah Melayu (Anais Malaios), considerado case unha narración mitolóxica, encerra entre os seus lombos a historia do príncipe Sri Tri Buana, tamén coñecido como Sang Nila Utama, quen chegou á illa no século XIII. Segundo a narración, o príncipe avistou unha criatura estraña, crendo erroneamente que se trataba dun león, polo que asociou este animal como sinal de identidade daquelas terras e fundou o poboado "Singapur", que significa "cidade dos leóns" en sánscrito.

En 1320, o Imperio Mongol enviou unha misión comercial a un lugar chamado Long Xa Men, que se cre que se trata de Keppel Harbour, situado no sueste da illa. O viaxeiro chinés Wang Dayuan visitou a illa sobre o ano 1330, e describiu un poboado chamado Dan Ma Xi (en chinés: 淡马锡, do malaio Tamasik), no que habitaban tanto chineses como malaios. O Nagarakretagama, un poema épico en xavanés escrito en 1365, tamén se refire ao poboado da illa co nome de Temasek ("a cidade do mar"). Escavacións recentes en Fort Canning Park atoparon evidencias de que, no século XIV, Singapur foi un importante e concorrido enclave comercial.

Na década de 1390, o príncipe Parameswara, despois de ser derrocado polo Imperio Majapahit, fuxiu cara a Temasek. Parameswara gobernou a illa durante varios anos, até que foi obrigado a marchar a Malaca, onde fundou o sultanato de Malaca. Singapur converteuse nun importante porto comercial co sultanato de Malaca, e máis tarde, co sultanato de Johore. En 1613, piratas portugueses incendiaron o poboado e a illa afundiuse no esquecemento.

A fundación da cidade miniatura|Sir Thomas Stamford Raffles, fundador da cidade. Entre os séculos XVI e XIX, o arquipélago de Insulindia foi someténdose pouco a pouco ao colonialismo europeo, comezando en 1509 coa chegada dos portugueses a Malaca. Durante o século XVII, o Imperio Neerlandés tomou o control da maioría dos portos da rexión, relegando aos portugueses a un segundo plano. Os neerlandeses fixéronse co monopolio comercial do arquipélago, sobre todo no comercio de especias, o produto máis importante da rexión naquel tempo. Outras potencias coloniais europeas, como a británica, tiveron moita menor presenza naquel momento.

En 1818, Thomas Stamford Raffles foi nomeado Tenente Gobernador da colonia británica na provincia indonesia de Bengkulu. Raffles foi determinante á hora de minguar o poder dos neerlandeses no arquipélago, empezando pola ruta comercial entre a China e o Raj Británico, ruta de vital importancia sobre todo polo comercio do opio. Os neerlandeses asfixiaron o comercio do Imperio Británico na rexión mediante a prohibición do comercio británico nos portos baixo dominio neerlandeses, ou impóndolles altas tarifas. Raffles construíu un porto no estreito de Malaca, un enclave vital para o comercio entre a China e a India, coa esperanza de facer fronte aos neerlandeses. Convenceu a Francis Rawdon-Hastings, o Gobernador Xeral da India e ao seu superior da Compañía Británica das Indias Orientais para financiar unha nova base británica na rexión.

Raffles chegou a Singapur o 29 de xaneiro de 1819 e non tardou en darse de conta de que a illa era unha localización perfecta para o porto. Tratábase dun lugar situado ao sur da península Malaia, preto do concorrido estreito de Malaca, con abastecemento de auga fresca e moita madeira para a reparación de barcos, un lugar ideal para a colocación do porto. Raffles fundou alí unha pequena colonia de apenas varios centos de habitantes, encabezados por Temenggong. A illa atopábase baixo o mandato de Tengku Rahman, sultán de Johore. Con todo, o poder do sultán atopábase debilitado na rexión, e Temenggong e os seus oficiais mantíñanse fieis a Tengku Hussein (o irmán máis vello de Tengku Rahman), quen estaba exiliado no arquipélago de Riau. Con axuda de Temenggong, Raffles convenceu a Tengku Hussein para que volvese a Singapur, e foi recoñecido como o verdadeiro sultán de Johore, á conta dun pago anual. Hussein permitiu así a construción do porto británico e Raffles estableceu un posto comercial en Singapur. O 6 de febreiro de 1819 asínase un tratado oficial, nacendo así o Singapur moderno.

Desenvolvemento inicial da cidade miniatura|left|250px|Plan de crecemento da cidade. Despois de asinar o tratado, Raffles volveu para Bengkulu e deixou o Comandante William Farquhar ao cargo da nova colonia xunto cun pequeno rexemento de soldados indios e algunhas armas de artillaría. Estabelecer un porto comercial dende cero leva un enorme esforzo, pero o proxecto gozaba dun bo financiamento, e Raffles decidira que sería un porto libre. O poboado foi medrando velozmente, e a noticia da construción do porto libre propagouse rapidamente por todo o arquipélago. En pouco tempo, comerciantes árabes e chineses acudiron en masa para a illa, a fin de evitar os altos impostos dos portos neerlandeses. Durante o primeiro ano, os ingresos do comercio roldaron os 400.000 reais de oito (ou dólar español). En 1821, a poboación da illa aumentou en 5.000 habitantes e o volume do comercio foi de 8 millóns de dólares. A poboación superou os 10.000 habitantes no ano 1825, manexando cifras de 22 millóns de dólares e superando en ingresos ao prestixioso porto de Penang.

Raffles regresou para Singapur en 1822 e foi decisivo en moitas das decisións de Farquhar, a pesar de que Farquhar acertara até agora en todo o que realizara baixo o seu mandato nestes primeiros anos. Para aumentar os ingresos, Farquhar recorrera a vender licenzas para permitir os xogos de azar e a venda de opio, cousas coas que Raffles non estaba para nada de acordo, considerándoas males sociais. Escandalizado polo descontrol que estaba a sufrir a colonia, Raffles redactou unha serie de novas políticas para o poboado. Tamén se encargou de organizar Singapur, subdividindoa mediante o coñecido Plan de Raffles. Hoxe en día aínda queda pegada daquela organización nos barrios étnicos da cidade.

O 7 de xuño de 1823, Raffles asina un segundo tratado co Sultán e Temenggong, o cal estendía a posesión do Imperio Británico na illa. Tanto o Sultán como Temenggong negociaron a maioría dos dereitos administrativos da illa, incluída a recollida das taxas portuarias a cambio dunha suma que ascendía a $1500 e $800 ao mes respectivamente a perpetuidade. Este acordo permitiu que a illa quedase gobernada baixo a lexislación inglesa, pero tendo en conta os costumes, tradicións e relixión da zona. Raffles substituíu como gobernador a Farquhar por John Crawfurd, un eficiente e prudente administrador. En outubro de 1823, Raffles partiu para Gran Bretaña e non volveu pór os pés sobre Singapur. Morreu en 1826, á idade de 44 anos.

As Colonias do Estreito

miniatura|250px|O templo de Thian Hock Keng, serviu como lugar de oración aos primeiros inmigrantes. O posto avanzado británico en Singapur púxose en dúbida en principio debido ás protestas do goberno neerlandés de que os británicos violaran a súa esfera de influencias. Porén, Singapur enseguida converteuse nun importante posto comercial, consolidando o poder británico na illa e facéndose oficial no Tratado anglo-holandés de 1824, dividindo así o arquipélago Malaio entre dúas colonias fortemente establecidas. A rexión ao norte do Estreito de Malaca, incluíndo Singapur, atopábase baixo dominio británico. En 1826, Singapur, Penang e Malaca, únense formando as Colonias Británicas dos Estreitos (Straits Settlements), administrados pola Compañía Británica das Indias Orientais.

Nas décadas posteriores, Singapur creceu até converterse nun importante porto da rexión. O feito de ser un porto libre proporcionoulle unha gran vantaxe sobre outras cidades portuarias coloniais de Batavia (Iacarta) e Manila, onde se recadaban impostos, e atraeu a multitude de comerciantes chineses, malaios, árabes, e indios. A apertura da Canle de Suez en 1869 aumentou as posibilidades de comercio con Singapur. O comercio libre de impostos floreceu na cidade, e moitas casas mercantes establecéronse en Singapur, incluíndo intermediarios chineses que manexaban o comercio entre os mercantes europeos e asiáticos.