María Vilas Vidal, nada en Castiñeiras (Ribeira) en 1996, é unha nadadora galega, especializada nas probas de fondo. Foi olímpica en Río 2016 e medallista de bronce nos Europeos dese ano nos 1.500 metros libre.
Traxectoria Con doce anos comezou a bater o récord galego dalgunhas especialidades e atesoura máis de 40 récords galegos en distintas idades (12, 13, 14 e 15 anos), tanto en piscina curta como en piscina longa, e en estilo libre, braza e estilos. En 2008, e con doce anos de idade, conseguiu o subcampionato absoluto de Galicia en 200 m braza.
En 2010 debutou internacionalmente na Copa Comen de Sicilia e gañou dúas medallas de ouro nas competicións de 200 m braza e 400 m estilos, unha medalla de prata en 200 m estilos (2.22.91) e tres medallas de bronce en 100 m braza e nos relevos 4 × 100 m libre e 4 × 200 m.
Participou en 2011 nos campionatos de Europa de natación júnior, que se disputaron en Belgrado, onde obtivo dúas medallas de ouro, nos 1500 m libres e nos 400 m estilos. Ese mesmo ano, a súa actuación permitiulle participar no mundial júnior de Lima, onde rematou quinta nos 1500. Nos Europeos júnior de 2012, celebrados en Anveres, obtivo o ouro en 800 m libres, a prata nos 400 m estilos e o bronce en 1500 m libres e no relevo 4x200 libre xunto a Fátima Gallardo, Marta Ruiz e Irene Andrea.
No 2013 participou nos Xogos Mediterráneos de Mersin (Turquía), onde obtivo a medalla de prata en 400 estilos.
No Campionato Europeo de Natación de 2016 celebrado en Londres, obtivo a medalla de bronce en 1500 metros estilo libre, compartindo o podio con Boglarka Kapas e Mireia Belmonte. No Open de Primavera de 2016, disputado en Sabadell, logrou clasificar aos Xogos Olímpicos por primeira vez. Ademais, superou o récord galego dos 400 estilos de Beatriz Gómez cun tempo de 4.38,81.
Nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016, participou nos eventos de natación 800 metros estilo libre feminino e 400 metros combinado individual feminino, clasificando en 19ª posición en ambas as probas.
María competiu en 2 campionatos do mundo, en ambos na disciplina de augas abertas: en 2015 competiu tanto nos 5 como nos 10 quilómetros, conseguindo a 24ª praza en ambas as distancias. En 2019, tras superar unha etapa moi dura despois dos Xogos Olímpicos de Río 2016, conseguiu clasificarse para o mundial de Gwangju, onde foi 33ª.
En 2019 recoñeceu unha depresión que a levou a deixar o deporte de competición temporalmente. A nadadora deixou o seu deporte en 2017, saturada polo gran desgaste psicolóxico que lle supuxo chegar aos Xogos de Río. Reenganchou en 2018 e desde entón centrouse principalmente nas augas abertas.
En 2019 logrou o terceiro posto (foi a primeira española) nunha das competicións máis importantes do mundo de Augas Abertas, o Rio Negro Challenge, celebrado en Manaus, sobre unha distancia de 8,5 quilómetros.
Recoñecementos
En 2013 recibiu o Premio á "Mellor deportista promesa" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da II Gala do Deporte Feminino Galego.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Web de María Vilas
Vídeo: Charla entre María Vilas y Sofía Toro, «Triunfadoras», La Voz de Galicia, 2019
Categoría:Nadadores de Galicia Categoría:Nados en Ribeira Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nadadores olímpicos de Galicia Categoría:Nadadores nos Xogos Olímpicos de 2016